Amosando publicacións coa etiqueta Bananarama. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bananarama. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de novembro de 2015

Long Train Runnin'

A pesar de que levan desde os seus comezos publicando álbums de xeito bastante regular, o certo é que os Doobie Brothers son coñecidos sobre todo por "Long Train Running'", single do terceiro álbum da banda, The Captain and Me (1973). De feito, The Doobie Brothers, caracterizados sempre por facer rock, introduciron en "Long Train Runnin'" unha innegable influencia funk que a converte nunha das cancións máis especiais da década, entrelazando así os dous xéneros musicais predominantes daquela época. A canción ten o sobrenome de "Without Love", pola de veces que se repite na parte máis importante do retrouso.

https://youtu.be/tnD0eVdHJfI

Quizais a versión máis curiosa que se ten feito de "Long Train Runnin'" é a de Bananarama no álbum Pop Life (1991). Ó estilo bailable que o trío lle imprimía a tódalas cancións que versionaban, engadiuse para a ocasión o son da guitarra flamenca dos Gipsy Kings.

https://youtu.be/eewNjN92h0M

Un ano despois, La Unión adaptaba á canción dos Dubbie Brothers ó castelán co título "Tren de largo recorrido", que tamén lle daba nome ó álbum en directo da banda madrileña.

https://youtu.be/8Zfb7Vu19cw

xoves, 9 de xullo de 2015

More, More, More

Na época dourada da música disco, alá polos setenta, moitas mozas comezaron a súa carreira musical apostando por este xénero, pero só unhas poucas acadarían un recoñecemento coma raíñas da pista de baile máis alén daqueles anos. É o caso de Donna Summers e Gloria Gaynor, pero o nome de moitas outras quedou no esquecemento ó pasar o tempo da música disco. O de Andrea True Connection foi un dos tantos que non sobreviviu á voráxine e a súa andaina na música rematou a comezos dos oitenta con só tres álbums no mercado, e aínda que en 1995 editou un single que anunciaba a súa volta, non tivo o éxito suficiente para que esta se fixese realidade. En calquera caso, sempre nos quedará o seu maior éxito "More, More, More", que lle deu título ó primeiro álbum e que se publicou en 1976.


Con moita probabilidade, Andrea True animouse a retomar a súa carreira na música ó ver que cada pouco tempo aparecía algunha nova versión de "More, More, More". Unha das últimas foi a de Bananarama en Please Yourself (1993), que a adaptou o son dance dos noventa.


Con algún eco de "More, More, More", Saint Etienne incluía no álbum Tiger Bay (1994) a canción "Hug My Soul".


E baseada totalmente na canción de Andrea True Connection, Len editou o single "Steal My Sunshine", pertencente a You Can't Stop the Bum Rush (1999).

luns, 6 de outubro de 2014

Moonchild

Malia que Shakespears Sister non é coñecido moito máis aló de Irlanda e de Gran Bretaña, o grupo goza de boa consideración nas illas onde chegou a colocar os seus primeiros discos nos postos altos das listas de vendas. Naceu a finais dos anos 80 coma un proxecto en solitario da ex integrante de Bananarama Siobhan Faley, que tras esa exitosa etapa quería facer algo diferente, pero ó final sumouse ó proxecto a cantautora Marcella Detroit e xuntas puxeron en marcha Shakespears Sisters. O primeiro disco, Sacred Heart (1989), tivo unha boa acollida, pero aínda o superaría o segundo, Hormonally Yours (1992). Non obstante, a progresión do grupo viuse truncado cando Detroit o abandonou ó ano seguinte e Faley só o volvería a retomar en 2005 cando recuperou o nome do grupo para impulsar de novo a súa carreira. "Moonchild" é unha das cancións de Hormonally Yours.


"Moonchild" está detrás dunha das cancións do primeiro álbum de Tricky, Maxinquaye (1995). Trátase da que abre o disco, "Overcome".

mércores, 3 de outubro de 2012

Hot Pants

James Brown ía aumentando a súa lenda con cada single que sacaba. A comezos dos 70, con máis de quince anos no escenario e tras sonados éxitos como "It's a Man's Man's  Man's World" e "I Got You (I Feel Good)", entre outros nos anos 60, Brown decidiu que o cambio de década non ía supoñer un cambio de gustos musicais nos seus fans e polo tanto, seguiu ó pé do cañón enriquecendo a incipiente música funk, que sen dúbida, estaba a atopar o seu oco no mercado discográfico nesa nova década que comezaba. No verán de 1971, James Brown editou o single "Hot Pants", co seu inconfundible estilo de cantar.


A versión máis coñecida deste tema de James Brown gravouna ó ano seguinte Bobby Byrd co título "Hot Pants - I'm Coming, I'm Coming, I'm Coming" coa produción do propio James Brown. O máis significativo da versión de Byrd é o son da batería que introduciu na canción.


A muller de Byrd, a cantante Vicki Anderson, gravou unha canción que servía de réplica a "Hot Pants - I'm Coming, I'm Coming, I'm Coming" titulada "I'm Too Tough For Mr. Big Stuff (Hot Pants)".

http://youtu.be/cLjoJH8ddfs

O son da batería da versión de Bobby Byrd reprodúcese unhas décadas máis tarde na canción dos pioneiros do brit pop Stone Roses "Fools Gold", un single que a banda de Ian Brown editou en 1989 e que se recolleu no recompilatorio de 1992 Turns into Stone.

http://www.goear.com/listen/ac94a57/fools-gold-the-stone-roses

A canción de Stone Roses, ó igual que o tema orixinal de James Brown, non tardou en ser sampleado, pero non só por rapeiros. O grupo pop Bananarama empregou "Fools Gold" na súa propia canción "Only Your Love", do álbum Pop Life (1990).

http://youtu.be/0pqBEiZmBGY

martes, 31 de maio de 2011

The Banjo Song

En 1962, o cantautor de Greenwich Village Tim Rose formou xunto coa cantante de The Mamas & The Papas Cass Elliot e John Brown o trío folk The Triunvirate. Cando John Brown abandonou a formación pouco despois e substituíuno Jim Hendricks, pasouse a chamar The Big Three. O novo grupo só gravou dous álbums, The Big Three (1963) e The Big Three Live at the Recording Studio un ano despois. No primeiro álbum estaba incluída a canción "The Banjo Song", que, ó igual que The Big Three, non pasou a posterioridade precisamente. Ou talvez si?


En 1969, o grupo holandés Shocking Blue editaba o seu segundo álbum At Home cuxo último corte da cara B, a canción "Venus", se ía converter no seu maior éxito.

 http://www.goear.com/listen/4e31ee5/venus-shocking-blue

Pero, o que son as cousas. Para as xeracións posteriores, "Venus" é unha canción dun grupo pop procedente de Londres chamado Bananarama, que se incluía no disco de 1986 True Confessions. Claro, para entón The Big 3 xa  parecía pertencer á Idade de Pedra...

  http://www.goear.com/listen/a322eff/venus-bananarama