Amosando publicacións coa etiqueta Bob Seger. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bob Seger. Amosar todas as publicacións

venres, 18 de setembro de 2015

Nutbush City Limits

En moitas ocasións os cantautores adoitan mostrarse agradecidos co lugar que os viu nacer e no que pasaron a infancia dedicándolle unha canción que exprese os seus sentimentos. Neste grupo de cancións, que poderiamos denominar "sobre as orixes", ten bastante relevancia a que Tina Turner lle escribiu á cidade de Nutbush, en Tenneessee, de onde é natural, co título de "Nutbush City Limits". Esta canción titulou o álbum de 1973, un dos últimos que a cantante gravou con Ike Turner, daquela marido seu e parella profesional co que conseguira un soado éxito con cancións coma "River Deep, Mountain High" e a espectacular versión de "Proud Mary", de Creedence Clearwater Revival. "Nutbush City Limits", que mestura os sons do rock cunha pequena dose de funk, foi a última gran canción do dúo.


Apenas dous anos despois da publicación de "Nightbush City Limits", Bob Seger versionouna no álbum Beautiful Loser (1975), sendo a única canción que non levaba a sinatura do músico de Michigan. O ano seguinte volveuna incluír no álbum en directo Live Bullet.


Que é unha das favoritas de Tina Turner non se pon en dúbida. Ó longo da súa carreira en solitario incluíuna no álbum en directo Tina Live in Europe (1988) e tamén no compilatorio Simply the Best (1991), aínda que desta volta Tina Turner presentou unha nova versión en clave dance.

venres, 10 de xullo de 2015

Hollywood (2)

E unha vez máis retomamos unha nova entrega dedicada a cancións que levan o mesmo título ou versan sobre un mesmo contido. Como xa vos prometeramos, hoxe toca a segunda parte de cancións sobre "Hollywood", ese lugar que representa os soños. E arrancamos con "Hollywood Nights", canción de Bob Seger, do álbum Stranger in Town (1978).


Outra canción co título de "Hollywood" é o de Nickelback, pertencente a Silver Side Up (2001), co que moita xente coñeceu á banda de Chad Kroeger.


A raíña do pop, a indescritible Madonna, tamén lle dedicou unha canción a "Hollywood" en American Life (2003), que saíu como segundo single.


Moitos grupos de grunge teñen querencia por contar na súa discografía unha canción "Hollywood". Á de Nickelback haille que engadir á de Collective Soul no álbum Afterwords (2007), aínda que máis rock ca son grunge.


"Hollywood" chámase tamén a canción que abre o álbum epónimo de Codeine Velvet Club (2009).


E ó igual que no debut de Codeine Velvet Club hai unha canción co título de Hollywood, ocorre outro tanto co de Marina and the Diamonds The Family Jewels (2009).

xoves, 21 de agosto de 2014

Seven Nation Army

Jack White é hoxe un reputado músico e intérprete que aínda este mesmo ano publicou novo disco que sen dúbida aparecerá no mes de decembro cando se elaboren as listas dos mellores álbums do ano nunha posición privilexiada. Pero White, cuxa creatividade o levou a emprender unha chea de proxectos musicais ó mesmo tempo, empezou a ter certa relevancia no ámbito internacional con The White Stripes, o grupo que formou en 1997 xunto con Meg White, daquela a súa muller. No entanto, non se empezaría a falar de The White Stripes nas publicacións especializadas ata que publicaron o cuarto disco, Elephant (2003), que se estreaba con "Seven Nation Army", unha auténtica bomba polo marcado ritmo da batería, da que se encargaba Meg. A canción enseguida foi adoptada polas distintas hinchadas dos equipos de fútbol que transformaron a letra cando os seus equipos gañaban torneos importantes e aínda é habitual que a coreen nos estadios. Pero ademais de ser unha gran canción, a elaboración de "Seven Nation Army" tamén conta con algunha curiosidade.


Por exemplo, moi poucos afirmarían que a famosa melodía que permite que a canción estea aínda tan presente no mundo do deporte procede en realidade dun anaco da "Quinta Sinfonía" de Anton Bruckner, composta entre 1875 e 1876. Corresponde co tema principal da sinfonía e no fragmento que vos ofrecemos pode apreciarse a semellanza a partir do minuto tres.


Por outra parte, Jack White sempre se declarou admirador da música de Bob Seger e que a súa canción favorita é "2+2=?", de contido contra a guerra de Vietnam. Foi o single co que The Bob Seger System presentaba o seu primeiro álbum  Ramblin' Gamblin' Man (1969) e seica que algo desa canción se transmitiu a "Seven Nation Army".

xoves, 21 de marzo de 2013

Turn the Page

A prolífica carreira de Bob Seger comezou a finais dos anos 60. En 1973 publicou o seu sexto disco Back in '72, un dos seus mellores traballos que contén  "Turn the Page", unha das cancións máis emblemáticas de Seger, malia que no seu momento pasou inadvertida sendo un dos singles de Back in '72. Mais tres anos despois Seger editou Live Bullet (1976), un disco en concerto onde recuperaba "Turn the Page" e a partir desa versión en directo, a canción colleu a popularidade da que hoxe desfruta.


Das versións que ten, destaca de xeito notable a que Metallica realizou en 1998 no álbum Garage Inc. e que tamén nos encanta.


Pero ademais de versións, "Turn the Page" tamén inspirou algunha que outra canción, como é o caso de "Wanted Dead or Alive", de Bon Jovi, pertencente ó disco Slippery When Wet (1986).

http://www.goear.com/listen/035c98e/wanted-dead-or-alive-bon-jovi

Tamén influíu de xeito notable na canción de 3 Doors Down "Landing in London", do álbum Seventeen Days (2005) no que colabora propio Bob Seger.

http://youtu.be/6ca_6Evj7Fs

xoves, 31 de xaneiro de 2013

Trying to Live My Life Without You

Unha das cancións soul emblemáticas dos anos 70 é "Trying to Live My Life Without You", escrita por Eugene Williams para Otis Clay en 1972 e supuxo o maior éxito deste artista, de tal xeito que a canción trascendeu máis aló da música soul e as principais versións que se fixeron son de carácter rock.


En 1979 os Eagles publicaron o álbum The Long Run. A canción que lle dá título ten unha melodía moi semellante a "Trying to Live My LIfe Without You", aínda que Don Heley e Glenn Frey, os autores, nunca se manifestaron ó respecto.

Un dos primeiros que se deu de conta desta semellanza foi Bob Seger, que decidiu facer unha versión de "Trying to Live Without You" para denunciar o suposto plaxio de The Eagles, mais o que verdadeiramente conseguiu foi dar a coñecer internacionalmente a canción de Eugene Williams. Bob Seger que incluíuna no álbum Nine Tonight de 1981, un disco gravado baixo o nome de Bon Seger and the Silver Bullet Band. A seguinte é unha interpretación nun concerto.

http://youtu.be/vgwKUomoPO4

Con esa sona, non debería de sorprender que cando Don Heley reuniu os seus compañeiros para devolver ós Eagles á actualidade, algunha das recentes cancións tivese un aire de semellanza con aquelas que nos anos 70 fixeron voar a Eagles ó máis alto e quedar no recordo como esa excelente banda que nos legou "Hotel California" para a posterioridade. "Busy Being Fabulous", do álbum Long Road out of Eden (2007), é unha boa reminiscencia de "The Long Run".

http://youtu.be/9cCgBKT5FLY

Outra das versións máis importantes que se fixo de "Trying to Live My Life Without You" foi a de Dr. Feelgood en 1982 no álbum Fast Women and Slow Horses. Sirva así de homenaxe a Wilco Johnson, noticia estes días por serlle detectado un cancro que, lonxe de desanimalo, vai facer que emprenda unha xira de despedida polo Reino Unido.

mércores, 16 de xaneiro de 2013

Old Time Rock and Roll

A segunda metade da década de 1970 estivo dominada polos sonidos disco onde o instrumento rei de calquera produción era o sintetizador. Moi lonxe parecían quedar xa os tempos en que a guitarra eléctrica innovara o son da música en forma de rock and roll. Talvez debido a esa sensación de morriña, o rockeiro Bob Seger lembraba as orixes do rock no seu famoso "Old Time Rock and Roll", canción feita ó vello estilo dos clásicos que incluía no álbum Stranger in Town (1978), o décimo traballo discográfico do cantante de Michigan.


Das versións que se coñecen desta canción quedamos coa adaptación ó castelán que fixo Revólver para o seu Grandes Éxitos (2003), que se abre precisamente con "Ese Viejo Rock 'n' Roll".