venres, 18 de setembro de 2015

Nutbush City Limits

En moitas ocasións os cantautores adoitan mostrarse agradecidos co lugar que os viu nacer e no que pasaron a infancia dedicándolle unha canción que exprese os seus sentimentos. Neste grupo de cancións, que poderiamos denominar "sobre as orixes", ten bastante relevancia a que Tina Turner lle escribiu á cidade de Nutbush, en Tenneessee, de onde é natural, co título de "Nutbush City Limits". Esta canción titulou o álbum de 1973, un dos últimos que a cantante gravou con Ike Turner, daquela marido seu e parella profesional co que conseguira un soado éxito con cancións coma "River Deep, Mountain High" e a espectacular versión de "Proud Mary", de Creedence Clearwater Revival. "Nutbush City Limits", que mestura os sons do rock cunha pequena dose de funk, foi a última gran canción do dúo.


Apenas dous anos despois da publicación de "Nightbush City Limits", Bob Seger versionouna no álbum Beautiful Loser (1975), sendo a única canción que non levaba a sinatura do músico de Michigan. O ano seguinte volveuna incluír no álbum en directo Live Bullet.


Que é unha das favoritas de Tina Turner non se pon en dúbida. Ó longo da súa carreira en solitario incluíuna no álbum en directo Tina Live in Europe (1988) e tamén no compilatorio Simply the Best (1991), aínda que desta volta Tina Turner presentou unha nova versión en clave dance.

Ningún comentario:

Publicar un comentario