A revolución que supuxo a irrupción do rock and roll na música norteamericana dos anos cincuenta arrastrou un xénero tan tradicional coma o country cara sons máis modernizados, o que derivou na aparición do rockabilly e o honky tonk, que tivo o seu maior representante na figura de Hank Williams. Pero houbo outros tantos músicos que medraron ó abeiro destes estilos, facendo que estes se fixesen moi populares. Un deles foi Webb Pierce, un prolífico cantautor que se mantivo en activo durante tres décadas. Unha das cancións que aparecen no seu segundo álbum, The Wondering Boy (1956), é "Teenage Boogie", que como boa parte dos single de Pierce se situou nos primeiros postos das listas de country de Estados Unidos.
O single de promoción do derradeiro álbum de T. Rex, Dandy in the Underworld (1977), "I Love to Boogie", editouse case un ano antes e nese tempo viuse envolto en certa polémica pola semellanza existente coa canción de Webb Pierce, o que motivou que o mánager de Marc Bolan, Tony Howard, contratase un musicólogo para analizar ambas cancións. A conclusión á que chegou foi que "I Love to Boogie" estaba construída sobre un riff xa existente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario