Amosando publicacións coa etiqueta TLC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TLC. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de febreiro de 2016

Don't Stop the Music

Non adoita ser moi orixinal titular unha canción co título "Don't Stop the Music", (hai moreas delas e ata lle poderiamos dedicar un monográfico calquera día), pero o maior éxito de Yarbrough and Peoples chámase así e con esa canción deron comezo a súa andaina musical, que non sería moi longa, pois a mediados dos oitenta o dúo centrouse na produción e composición para outros artistas, deixando de lado a primeira liña da escena. O single "Don't Stop the Music", que se colocou nos primeiros postos das listas de vendas, decontado se fixo moi popular entre os ambientes de hip hop, que non tardaron en adoptala como súa, sampleándoa decote.


Unha desas cancións na que o "Don't Stop the Music" de Yarbrough and Peoples se agocha é a de TLC "Let's Do It Again", do famoso CrazySexyCool (1994).

mércores, 19 de novembro de 2014

Waterfalls

Tras uns discos con The Wings, Paul McCartney decidiu que era hora de presentarse en sociedade coma un artista solista, da mesma maneira que o facían os seus ex-colegas trala separación dos Beatles. Dese xeito aparecía en 1980 McCartney II, un traballo que se publicaba apenas un ano despois do último de The Wings Back to the Egg (1979). O segundo single que se escolleu de promoción foi unha balada, "Waterfalls", na que Paul, acompañado tan só do piano, crea unha das melodías máis coñecidas do seu repertorio en solitario. Non tivo tanto éxito nas listas coma o single precedente, "Coming Up", pero para moitos é un tema superior.


Malia que a melodía, o son e boa parte da letra é totalmente diferente, moitos identificaron uns cantos elementos de similitude entre a canción de Paul McCartney e a de TLC que ten o mesmo nome. O "Waterfalls" do trío feminino é unha canción de R&B que aparece en CrazySexyCool (1994), pero reproduce anacos da letra de Paul McCartney.

luns, 29 de setembro de 2014

Hey Young World

Hai que admitir  que o hip hop aínda era un movemento bastante orixinal nos anos 80. Daquela a meirande parte dos artistas que se declinaban por ese xénero esforzábanse por que as súas composicións fosen propias e tentaban evitar os elementos alleos, malia que isto parece unha característica intrínseca do hip hop da que non se libra ningún álbum completo. En calquera caso, nos discos dos 80 era habitual atopar temas de hip hop que non reciclasen algún anterior. Por iso The Great Adventures of Slick Rick (1988), que supuxo o debut de Slick Rick, sorprende, xa que case a metade das cancións non proceden doutras. Unha desas que se poden cualificar de cen por cento orixinal é "Hey Young World", segundo single extraído e que logo sería dos máis sampleados no mundo do hip hop.


Posiblemente a canción onde os samples de "Hey Young World" estean mellor aproveitados sexa en "Creep", single con que TLC daba a coñecer o seu segundo disco CrazySexyCold (1994), co que o trío de Atlanta acadou sona en todo o mundo mesturando R&B, hip hop e soul.

venres, 27 de setembro de 2013

Love to Love You Baby

Onte ó revisa-la canción de The Temptations "Papa Was a Rolling Stone" diciamos que a súa influencia deixábase notar en moitos artistas dos 70, coma por exemplo Donna Summer. E seguramente a mellor canción da cantante americana que reflicte esa influencia sexa "Love to Love You Baby", un sensual tema que lle daba nome ó  seu segundo disco e o primeiro publicado internacionalmente, xa que o seu debut só se editou nos Países Baixos. Era o ano 1975 e "Love to Love You Baby" ía ter unha gran acollida tanto en Europa coma en Estados Unidos, tanto que enseguida Donna Summer se ía converter nunha das raíñas indiscutibles da pista de baile.

http://youtu.be/UPXizlnS7go

A influencia que ía ter "Love to Love You Baby" tamén ía ser enorme. Pronto comezaron a circula-las versións, así como o emprego de samples.Un dos primeiros foi Digital Underground en "Freaks of the Industry" no álbum Sex Packets (1990).

http://youtu.be/NxVsQ4ujCs8

Pero máis repercusión tivo o single de U2 "Discoteque" co que presentaban o disco Pop (1997). Cunha estética no videoclip na que Bono e compañía homenaxeaban os Village People, a canción tiña de fondo o éxito de Donna Summer.

http://youtu.be/p2AjpPNDe-8

Do ano 1999 é o disco de TLC Fanmail. Nel está a canción "I'm Good at Being Bad" que contén o sample máis claro da canción de Donna Summer, aínda que non é a única da que se serviron.

http://youtu.be/A8wCm34vWGw

E é que moitos recoñecerían na canción de TLC os restos dun tema de Janet Jackson, concretamente "What About", pertence o disco The Velvet Rope (1997).

http://youtu.be/V9W0QxGAebo

venres, 1 de marzo de 2013

Smiling Faces Sometimes

Nos anos 60 e 70 a Tamla Motown podía sentirse orgullosa de contar cunha nómina de compositores envexable que conseguía que case calquera canción se convertise nun éxito nalgún dos artistas desta mítica discográfica. Unha desas estrelas da pluma era Norman Whitfield, autor dun sinfín de cancións que hoxe forman a historia da música. Xunto con Barret Strong, formou un tándem que deu á música algún dos seus mellores momentos. "Smiling Faces Sometimes" é unha desas composicións clásicas da Motown, gravada por primeira vez en 1971 por The Temptations, un dos buques insignia da discográfica.


A pesar da excelente interpretación dos Temptations, a versión non acabou de convencer a Whitfield, que tamén era o produtor habitual, e ese mesmo ano aparecía no mercado unha nova versión, esta vez coas voces de The Undisputed Truth nun disco epónimo.


Unha das versións posteriores máis destacadas é a que gravou Joan Osborne coa colaboración de Isaac Hayes no seu álbum de versións How Swett It Is (2002).


Pero volvendo unha vez máis ás primeiras versións editadas pola Motown, o seu son non pasou desapercibido e un ano despois, en 1972 The O'Jays publicaban "Back Stabbers", cuns arranxos moi semellantes ó tema de Whitfield. Incluído no álbum Back Stabbers, tamén se converteu en todo un referente.


A principal versión da canción dos O'Jays é a de Tina Turner no álbum Love Explosion (1979).


"Back Stabbers" foi sampleada nunhas cantas ocasións. Quizais a mellor canción na que se empregou como sample sexa a do trío TLC no tema "Case of the Fake People", do seu aclamado disco Crazy, Sexy, Cool (1995).