venres, 1 de marzo de 2013

Smiling Faces Sometimes

Nos anos 60 e 70 a Tamla Motown podía sentirse orgullosa de contar cunha nómina de compositores envexable que conseguía que case calquera canción se convertise nun éxito nalgún dos artistas desta mítica discográfica. Unha desas estrelas da pluma era Norman Whitfield, autor dun sinfín de cancións que hoxe forman a historia da música. Xunto con Barret Strong, formou un tándem que deu á música algún dos seus mellores momentos. "Smiling Faces Sometimes" é unha desas composicións clásicas da Motown, gravada por primeira vez en 1971 por The Temptations, un dos buques insignia da discográfica.


A pesar da excelente interpretación dos Temptations, a versión non acabou de convencer a Whitfield, que tamén era o produtor habitual, e ese mesmo ano aparecía no mercado unha nova versión, esta vez coas voces de The Undisputed Truth nun disco epónimo.


Unha das versións posteriores máis destacadas é a que gravou Joan Osborne coa colaboración de Isaac Hayes no seu álbum de versións How Swett It Is (2002).


Pero volvendo unha vez máis ás primeiras versións editadas pola Motown, o seu son non pasou desapercibido e un ano despois, en 1972 The O'Jays publicaban "Back Stabbers", cuns arranxos moi semellantes ó tema de Whitfield. Incluído no álbum Back Stabbers, tamén se converteu en todo un referente.


A principal versión da canción dos O'Jays é a de Tina Turner no álbum Love Explosion (1979).


"Back Stabbers" foi sampleada nunhas cantas ocasións. Quizais a mellor canción na que se empregou como sample sexa a do trío TLC no tema "Case of the Fake People", do seu aclamado disco Crazy, Sexy, Cool (1995).

Ningún comentario:

Publicar un comentario