Amosando publicacións coa etiqueta Björk. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Björk. Amosar todas as publicacións

martes, 18 de febreiro de 2014

Jóga

Dende que os dous primeiros traballos discográficos de Björk apareceran traendo consigo unha renovada corrente dentro da música alternativa, cada novo disco da artista islandesa levanta as expectativas máis optimistas por parte da crítica, que o recibe sempre como un raio de luz, e normalmente Björk non adoita defraudar. Cando en 1997 levou adiante o cuarto álbum da súa discografía, Homogenic, quedaba probado unha vez máis o inmenso talento que desborda á hora de superar o traballo anterior. En Homogenic está presente unha colección de cancións brillantes onde se mesturan os sons tradicionais procedentes de Islandia cos toques máis vangardistas, que conseguen diferenciarse das dos demais discos. O single elixido para promocionar Homogenic foi "Jóga", unha canción dedicada a unha amiga de Björk, que co tempo logrou converterse nun fermoso himno sobre a amizade.


Coma tantas outras cancións de Björk, "Jóga" influíu de xeito notable nas composicións doutros artistas, ora en forma de versións, ora coma sample ou simplemente, con ecos máis ou menos evidentes. Un destes últimos casos apréciase nalgunha canción de Evanescence como "Lost in Paradise", do álbum epónimo da banda de Amy Lee editado en 2011, onde a crítica ve certas similitudes.


Tamén o artista de hip hop Danny! recibe a influencia de "Jóga" en  "Evil", do álbum Payback (2012), canción na que participa Gavin Castleton e a actriz Amber Tamblyn, sobriña do vocalista de The Standells, Larry Tamblyn.



martes, 7 de maio de 2013

Hyperballad

A mediados dos anos 90 a artista islandesa Björk estaba no cumio da súa carreira. Consagrada xa como un dos alicerces da música electrónica máis vangardista, a colleita de boas críticas, así como a ampla recepción entre o público, non apagaron o talento creativo de Björk, que aínda nos segue ofrecendo excelentes traballos discográficos, que non deixan indiferente a ninguén. En 1995 publicou o terceiro disco, o da confirmación de que Björk ía deixar unha pegada moi difícil de borrar. Post contén algunhas xoias como "Hyperballad".


O estilo tan persoal da música de Björk fixo que á islandesa lle saísen centos de alumnas que a tomaron de referente para encauza-la súa andaina na procura dun selo propio; xa vimos que mesmo Madonna non soubo resistir o halo de vangarda que chegaba dende Islandia. Unha das discípulas avantaxadas de Björk en España é Najwa Nimri en cuxos primeiros traballos lembran un pouco á música de Björk, pero é posiblemente na canción "Hey Boys, Girls", do segundo disco da navarra Mayday (2003) o máis evidente, xa que parece inspirarse en "Hyperballad".


"Hyperballad" callou de xeito especial na música española, porque non só Najwa a tivo en conta. Celtas Cortos fixeron unha versión en castelán á que chamaron "Abismo" sen renunciar ó son folk que os caracteriza. Pertence ó recompilatorio de grandes éxitos 40 de Abril (2008).

martes, 12 de febreiro de 2013

When the Levee Breaks

Hai certas cancións que se poden considerar verdadeiros xermolos doutras que, con posterioridade, son moito máis recoñecidas, pero sen esas notas ou eses acordes da canción primitiva apenas chegarían a ser o que son. Xa temos visto aquí algúns exemplos e hoxe imos ver un máis. "When the Levee Breaks" é un blues de 1929, un mais da época, creado polo matrimonio Joe McCoy e Memphis Minnie.


A repercusión desta canción chegaría da man da versión que en 1971 farían os sempre presentes rapaces de Led Zeppelin. John Bonham, o batería da banda, imprimiulle un son que, aparte das demais versións que se fixeron a partir desta, serviría de sample para moitas outras cancións que, nalgúns casos, non gardan nin sequera unha pequena relación co xénero do blues nin do rock. Está incluída no disco Led Zeppelin IV.


Pois deixando de lado con pesar as versións de "When the Levee Breaks", algunhas tan boas como a de Perfect Circle, imos quedar con algunhas das cancións baseadas nese son de batería da versión inconfundible de Led Zeppelin, aínda que non imos incluír a de Neneh Cherry, que veremos noutra entrada. Empezamos entón coa do proxecto de Michael Cretu, Enigma, tamén empregou o mesmo son para o seu gran éxito dese anos "Return to Innocence", no álbum The Cross of Changes, algo que repeterían en 1999 coa canción "Gravity of Love".


De 1994 tamén é a canción de Mike Oldfield "Magellan", do álbum The Songs of Distant Earth sen renunciar o toque celta tan característico da música deste compositor. 


Björk tamén se basea na versión de Led Zeppelin en "Army of Me", do disco Post (1995). Por suposto, a lista destas cancións é moitísimo máis ampla, mais estes exemplos son algúns dos máis interesantes.