Dende que os dous primeiros traballos discográficos de Björk apareceran traendo consigo unha renovada corrente dentro da música alternativa, cada novo disco da artista islandesa levanta as expectativas máis optimistas por parte da crítica, que o recibe sempre como un raio de luz, e normalmente Björk non adoita defraudar. Cando en 1997 levou adiante o cuarto álbum da súa discografía, Homogenic, quedaba probado unha vez máis o inmenso talento que desborda á hora de superar o traballo anterior. En Homogenic está presente unha colección de cancións brillantes onde se mesturan os sons tradicionais procedentes de Islandia cos toques máis vangardistas, que conseguen diferenciarse das dos demais discos. O single elixido para promocionar Homogenic foi "Jóga", unha canción dedicada a unha amiga de Björk, que co tempo logrou converterse nun fermoso himno sobre a amizade.
Coma tantas outras cancións de Björk, "Jóga" influíu de xeito notable nas composicións doutros artistas, ora en forma de versións, ora coma sample ou simplemente, con ecos máis ou menos evidentes. Un destes últimos casos apréciase nalgunha canción de Evanescence como "Lost in Paradise", do álbum epónimo da banda de Amy Lee editado en 2011, onde a crítica ve certas similitudes.
Tamén o artista de hip hop Danny! recibe a influencia de "Jóga" en "Evil", do álbum Payback (2012), canción na que participa Gavin Castleton e a actriz Amber Tamblyn, sobriña do vocalista de The Standells, Larry Tamblyn.
Ningún comentario:
Publicar un comentario