venres, 7 de febreiro de 2014

You're So Vain

"You're So Vain" é na actualidade a única canción pola que se recorda a Carly Simon, algo que coma noutros casos non deixa de ser unha inxustiza que ensombrece outras cancións igual de boas, pero sempre é mellor que nada. O maior éxito de Carly Simon forma parte do terceiro disco da cantautora No Secrets (1972), e xa desde o comezo a súa letra dedicada a un personaxe masculino que se caracteriza pola vaidade manifesta e un egocentrismo absoluto suscitou todo tipo de hipóteses sobre a identidade real do destinatario. Pola mente da crítica desfilaron os nomes dalgúns dos mozos cos que saíu Carly, algúns tan famosos coma o de James Taylor, co que acabaría casando, malia que a maioría decantábase por Mick Jagger, cousa que co tempo Carly Simon desmentiu. En calquera caso, o importante é que "You're So Vain" é unha canción atemporal que segue namorando.


Non faltan as numerosas versións que se fixeron de "You're So Vain". A máis orixinal, sen dúbida, é a de Queens of Stone Age que no álbum Rated R (2000) revolucionaron o son da versión orixinal e con pequenas variacións na letra, que pasa a ser "You're So Vague", a banda de Mark Lanegan ofrecénos unha canción totalmente renovada.


No caso de uso de samples da canción de Carly Simon, dos que tampouco se libra, destaca o que fixo Janet Jackson na canción "Son of a Gun (I Betcha Think This Son Is About You)", do álbum All for You (2001). O retrouso está tomado directamente da canción orixinal, pero polo menos Janet contou coa colaboración da mesmísima Carly Simon, que aceptou participar na gravación, xunto con Missy Elliot, a terceira estrela feminina desta canción da pequena dos Jackson.

Ningún comentario:

Publicar un comentario