Como músico e actor, Isaac Hayes tivo unha carreira intensa sobre todo desde finais dos anos 60 sen que unha ocupación lle roubase talento á outra. De feito, como músico, Isaac Hayes é unha referente destacado para centos de artistas que viron no seu traballo musical unha fonte de inspiración case sen límites. Por exemplo en Black Moses (1971), un dos discos máis persoais de Hayes, atópase un dos temas preferidos nos anos 90 por algúns músicos que se sentiron atraídos por "Ike's Rap 2". O caso é que "Ike's Rap 2" nin sequera é dos temas máis destacados dese dobre álbum; aparece na cara 2 como primeira parte dun medley que completa "Help Me Love". Ámbalas dúas pezas entrelázanse perfectamente como unha soa, pero tamén permite diferencialas claramente. A continuación ofrecémosvos a peza completa para que o comprobedes. Velaquí tal como aparece no disco "Medley: Ike's Rap 2/ Help Me Love".
O certo é que concretamente a parte "Ike's Rap 2" gozou dunha ampla popularidade nos anos 90. Non se sabe se por acción dos astros ou por unha sorprendente casualidade, no ano 1994 aparecía o debut discográfico de Portishead Dummy, moi aplaudido pola crítica, grazas sobre todo a un tema que non pasou desapercibido para as axencias de publicidade. Trátase de "Glory Box", un dos trallazos do álbum xunto con "Sour Times". "Glory Box" ten a particularidade de ser a primeira dunha serie de cancións que ían ir aparecendo derivadas da de Isaac Hayes.
http://youtu.be/yF-GvT8Clnk
A segunda corresponde a Tricky, que debutaba en 1995 co álbum Maxinquaye e ó igual que Portishead un ano antes, Tricky buscou a inspiración no tema de Hayes para un propio, neste caso "Hell Is Round the Corner".
http://youtu.be/E3R_3h6zQEs
Pero se hai unha banda que ten a "Ike's Rap 2" coma un verdadeiro emblema, eses son os brasileiros Racionais MC's. En 1997 publicaban o cuarto disco Sobrevivendo no Inferno, que se abre con "Jorge da Capadócia" e péchase con "Salve", onde senllas cancións están baseadas na canción de Isaac Hayes, quen ademais tamén está presente no álbum con outra canción, pero iso deixámolo para outro día. Agora quedamos con "Jorfe da Capadócia" en primeiro lugar e logo con "Salve".
http://youtu.be/1sKjtwSn5UU
http://youtu.be/Fpyk4633_Pw
Ningún comentario:
Publicar un comentario