Era o membro dos Jacksons 5 máis cativo e á vez, o máis talentoso. Quizais esa luz propia coa que brillaba no escenario xunto coa súa curta idade, fixo que moi cedo comezase a publicar discos en solitario que engaloiaban a todo o mundo. Por iso cando en 1979 Michael Jackson publicou Off the Wall era xa todo un veterano, malia que non había moito que aquel mociño deixara atrás a infancia. Era o quinto álbum que publicaba, á marxe da andaina dos Jacksons 5 e contaba cun produtor como Quincy Jones, capaz de pulir á perfección o diamante que tiña entre mans. Dese xeito poderíase dicir que Off the Wall era un entremés de todo o que habería de vir despois, cuxa apoteose chegaría co álbum seguinte Thriller. Para moitos críticos "Rock with You", o segundo single extraído de Off the Wall non só é o mellor dese excelente disco, senón que tamén de toda a carreira de Michael, por riba mesmo de "Don't Stop 'til You Get Enough". Para nós, é unha máis das imprescindibles de Michael Jackson, que merece un lugar destacado en calquera lista das mellores cancións funk de todos os tempos.
"Rock with You" ten infinidade de versións e tamén está na base dalgunha canción nova. No pasado ano 2013, a canción de Michael Jackson renaceu no tema "All Night" de Luxury Elite e Saint Pepsi no álbum Late Night Delight.
Tamén ese ano apareceu unha das versións máis curiosas que se teñen feito de "Rock with You". En clave bossanova, a brasileira Fabiana Passoni sorprendía a todos con esta versión no álbum Dim the Lights.
Ningún comentario:
Publicar un comentario