Amosando publicacións coa etiqueta U2. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta U2. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de setembro de 2015

Against the Sky

Brian Eno deu os seus primeiros pasos no mundo da música formando parte de Roxy Music, pero non obstante, as enormes inquedanzas musicais que o movían fixeron que apenas dous anos despois do despegue da banda, Eno a abandonase para traballar en varios proxectos en solitario case ó mesmo tempo que se asociaba con outros músicos para editar discos conxuntos e se encargaba de producir os álbums doutros tantos artistas e bandas. En 1984 o prolífico músico editou o álbum The Pearl (1984) en colaboración con Harold Budd, no que se adentraba unha vez máis na chamada música ambiental, destinada a buscar o rélax do oínte, unha música coa que Eno levaba traballando desde uns poucos anos atrás. Producido polo propio Eno e Daniel Lanois, con quen adoitaba coincidir en moitas producións, The Pearl contén a canción "Against the Sky".


Brian Eno e Daniel Lanois son os produtores habituais de U2 e volveron traballar xuntos no duodécimo álbum da banda irlandesa, No Line on the Horizon (2009). Unha das achegas de Eno a ese álbum é o arranxo que lle fixo á canción "Cedars of Lebanon", onde introduciu elementos de "Against the Sky", que se notan especialmente no comezo da canción.

mércores, 28 de xaneiro de 2015

I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight

Mentres preparaba o disco de The Black Eyed Peas The E.N.D. (2009), Will.i.am participou na produción de "I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight", unha das cancións de No Line on the Horizon (2009), o esperado álbum de U2 tras How to Dismantle an Atomic Bomb (2004), e quedou tan encantado coa melodía que non puido menos que inspirarse nela para unha das novas cancións do seu grupo. Por esas cousas que nunca se acaban moi ben de entender, "I'll Go Crazy If I Don't Go Crazy Tonight" escolleuse como terceiro single, pero non puido cambiar a idea xeral de que o álbum, sen ser malo, era un fracaso, xa que coa pésima escolla dos singles,- "Get On Your Boots", o primeiro single, é de lonxe a peor canción de todas-, U2 lograra crear a percepción de que No Line on the Horizon non estaba á altura dunha das mellores bandas do mundo. Non obstante, asemade que isto se producía, The Black Eyed Peas arrasaba cun trallazo coma "I Gotta Feeling", herdeira do son de "I'll Go Crazy IF I Don't Go Crazy Tonight".


Nos últimos anos The Black Eyed Peas incrementou a súa popularidade con trallazos coma "I Gotta Feeling", que soaron en cada recanto do planeta de forma continua, ata o punto que a cancionciña chegaba a saturar a calquera de tan presente que estaba en todas partes. "I Gotta Feeling" era o single de presentación de The E.N.D. (2009), o quinto disco do grupo, que confirmaba a progresión que The Black Eyed Peas experimentaran nos últimos anos, e aínda que pareza incrible, o son do comezo, case imperceptible, está tomado da canción de U2.

xoves, 2 de outubro de 2014

Pump It Up

Elvis Costello emerxeu coma un dos grandes cantantes de rock nos 70 cando publicou o primeiro álbum tras pasar uns anos probando sorte na procura dun proxecto que o catapultase ó estrelato. Tras logralo con My Aim is True (1977), Costello converteuse nun músico prolífico publicando unha media de disco por ano e cada vez con cancións de maior nivel. This Year's Model (1978) foi o segundo disco na carreira de Costello, pero para a súa publicación fíxoo baixo o epígrafe da banda que o acompaña en todas as actuacións, The Atractions. Unha das cancións de This Year's Model é "Pump It Up", unha das máis celebradas de Elvis Costello, cun riff de guitarra dos que fan historia.


Mesturada con samples doutras cancións, "Pump It Up" forma parte duha das cancións de Beastie Boys, "Egg Man", do álbum Paul's Boutique (1989).


O riff de guitarra de "Pump it Up" tamén lle valeu a Rogue Traders para que o tema "Voodoo Child" tivese algo de consistencia. Pertence a Here Comes the Drums (2005).


Pero tamén se conta que "Get on Your Boots", single de presentación do fallido álbum de U2 No Line on the Horizon (2009) ten ecos da canción de Elvis Costello, cousa que de ser certa, demostraría que non é necesario recorrer ós samples para devolver ó presente unha canción antiga. Tamén é verdade que "Get on Your Boots" é unha das peores cancións de U2 e que a elección desta como single só fixo desvirtuar un álbum que no fondo non é tan malo. Xa deberían ter aprendida a elección.

martes, 8 de xullo de 2014

Fade to Grey

A New Wave empezou a coller forma nos derradeiros anos dos 70 cando varios grupos cederónlle o protagonismo na instrumentación da súa música ó sintetizador. En pouco tempo o novo estilo tomaba o testemuño que o funk e a música disco tivera uns anos antes e o son da  New Wave definía a música dos 80 dominándoa case na súa totalidade. Na fornada de grupos que constituíron a New Wave, e máis concretamente os Novos Románticos, cómpre non esquecer nomes coma os de Visage, que debutaron en 1980 cun álbum epónimo onde destaca "Fade to Grey", unha das cancións que marcaron a New Wave e das máis inesquecibles. Na súa composición interveu Midge Ure, o líder de Ultravox, outra das bandas máis importantes da Nova Onda.


Da repercusión que tivo "Fade to Grey" no seu momento dá fe a canción de U2 "New Year's Day", do álbum War (1983). O comezo está inspirado na canción de Visage, xa que Adam Clayton intentou reproducir o mesmo son do baixo, pero quitado ese detalle, non existe máis parentesco entre ambas cancións.


Cousa distinta é a canción "One Word" que aparece no segundo disco de Kelly Osbourne Sleeping in the Nothing (2005). Escrita e producida pola compositora de gran sona Linda Perry, que triunfara nos 90 con 4 Non Blondes, "One Word" semella estar baseada case de forma descarada na canción de Visage, o que lle valeu un toque de atención por parte de Midge Ure e Chris Payne, os autores de "Fade to Grey", que puxeron o asunto en mans dos tribunais. Claro que a polémica só beneficiou á filla de Ozzy Osbourne, que dese xeito tamén trataba de afastarse da fama de seu pai con Black Sabbath.


E baseada en "One Word", Tiziano Ferro ofrece no seu terceiro disco Nessuno è solo (2007) o tema "Stop! Dimentica", aínda que máis ben a canción que está detrás non deixa de ser "Fade to Grey".


E de "Fade to Grey" tamén se acordou Kylie Minogue para darlle base a canción "Like a Drug" do álbum X (2007) coa que a diva australiana reaparecía trala súa enfermidade.

xoves, 8 de maio de 2014

You Showed Me

The Byrds pasou á historia como unha das bandas dos 60 que mellor souberon versionar ós artistas contemporáneos coma Bob Dylan, pero tamén sería inxusto recoñecer que Jim McGuinn e Gene Clark, ademais de excelentes músicos, tamén sabían compór cancións propias cun selo de lonxevidade que triunfaron noutras voces distintas a de The Byrds. É o caso de "You Showed Me", de 1964, que por algún motivo, talvez debido a que The Byrds parecían estar especializados en éxitos alleos, non tivo demasiada repercusión e nin chegou a incluírse nos primeiros discos de longa duración da banda anxelina.


Non obstante, "You Showed Me" gravárona The Turtles no álbum The Turtles Present the Battle of the Bands (1968) e a aceptación da nova versión foi máxima por parte do público e da crítica, tanto que está considerada como unha das mellores cancións de The Turtles. E que a diferencia da orixinal, pois? The Turtles ralentizaron o ritmo, déronlle menos revolucións e aí posiblemente estea o segredo que fai que aínda hoxe moita xente prefira a versión de The Turtles á de The Byrds.


A sona que acadou "You Showed Me" tamén lle valeu para estar detrás doutras cancións coma na do grupo de hip hop De La Soul "Transmitting Live From Mars (Interlude)", pertencente ó álbum 3 Feet High and Rising (1989).


Tamén U2 introduciu algúns acordes de "You Showed Me" no tema "The Playboy Mansion", unha das cancións de Pop (1997).


O último en acordarse de "You Showed Me" para compór unha nova canción foi Kanye West, na canción "Gorgeous", no exitoso My Beautiful Dark Twisted Fantasy (2010).

xoves, 26 de decembro de 2013

The Eyes of Truth

Michael Cretu, o artífice de Enigma, demostrou que sabía crear auténticos cócteles musicais mesturando as máis variadas tendencias e estilos de xeito arriscado, pero cun resultado perfectamente coherente que se convertiu no selo inconfundible de Enigma. Iso de empregar cantos gregorianos con sons propios das discotecas chegou a escandalizar no seu momento, mais a ninguén se lle escapa hoxe que a contribución de Cretu é máis que positiva. "The Eyes of Truth", canción do álbum The Cross of Changes (1994), resume moi ben o labor de Enigma, ese estilo peculiar de crear algo novo a partir do xa existente. En "The Eyes of Truth" conflúen unha variedade de samples dos máis diversos estilos que a converten nunha amálgama única, e todo concentrado en apenas algo máis de cinco minutos.


Un dos samples que Cretu empregou pertence ó tema de Vangelis "Mare Tranquilitatis", do álbum  Albedo 0.39 (1976). Unha forma de homenaxear a un dos pioneiros da música electrónica e experimental do que Cretu tanto aprendeu.


Mais as influencias que inspiran o tema de Enigma son  practicamente coétaneas do álbum The Cross of Changes e pertencen a cancións que se editaran pouco tempo antes. O disco de Anne Dudley e Jaz Coleman  Songs from the Victorious City (1991) foi decisivo para a composición de "The Eyes of Truth", como ben reflicte "Endless Festival".


Por outra parte, cómpre sinala-la influencia dos últimos traballos de  Genesis e de Peter Gabriel nesta canción . En "Eyes of Truth" atopamos un rastro directo do tema de Genesis "Dreaming  While You Sleep", do álbum We Can't Dance (1991).


Tamén resulta curioso o leve parecido da canción de Peter Gabriel "Kiss That Frog" do álbum Us (1992) co tema anterior dos seus ex compañeiros de Genesis, e de certa maneira, Cretu soubo aproveitalo.


E tamén de xeito moi directo está presente U2 con"Ultraviolet (Light My Way)", pertencente ó gran álbum Achtung Baby (1991). Ese traballo foi o mellor dese ano, e tendo en conta a cantidade de temas que Cretu emprega do ano 1991, resultaría raro que se lle pasase desapercibido a Cretu.


E dando unha volta máis, "Ultraviolet (Light My Way)" lembra moitísimo no retrouso á canción de The Rolling Stones "Out of Time", pertencente a  Aftermath (1966). Seguro que Cretu non recorreu a ningún tema dos Stones precisamente porque xa se atopaban ecos dun deles na canción de U2.



venres, 27 de setembro de 2013

Love to Love You Baby

Onte ó revisa-la canción de The Temptations "Papa Was a Rolling Stone" diciamos que a súa influencia deixábase notar en moitos artistas dos 70, coma por exemplo Donna Summer. E seguramente a mellor canción da cantante americana que reflicte esa influencia sexa "Love to Love You Baby", un sensual tema que lle daba nome ó  seu segundo disco e o primeiro publicado internacionalmente, xa que o seu debut só se editou nos Países Baixos. Era o ano 1975 e "Love to Love You Baby" ía ter unha gran acollida tanto en Europa coma en Estados Unidos, tanto que enseguida Donna Summer se ía converter nunha das raíñas indiscutibles da pista de baile.

http://youtu.be/UPXizlnS7go

A influencia que ía ter "Love to Love You Baby" tamén ía ser enorme. Pronto comezaron a circula-las versións, así como o emprego de samples.Un dos primeiros foi Digital Underground en "Freaks of the Industry" no álbum Sex Packets (1990).

http://youtu.be/NxVsQ4ujCs8

Pero máis repercusión tivo o single de U2 "Discoteque" co que presentaban o disco Pop (1997). Cunha estética no videoclip na que Bono e compañía homenaxeaban os Village People, a canción tiña de fondo o éxito de Donna Summer.

http://youtu.be/p2AjpPNDe-8

Do ano 1999 é o disco de TLC Fanmail. Nel está a canción "I'm Good at Being Bad" que contén o sample máis claro da canción de Donna Summer, aínda que non é a única da que se serviron.

http://youtu.be/A8wCm34vWGw

E é que moitos recoñecerían na canción de TLC os restos dun tema de Janet Jackson, concretamente "What About", pertence o disco The Velvet Rope (1997).

http://youtu.be/V9W0QxGAebo

venres, 8 de marzo de 2013

Even Better than the Real Thing

U2 acadou as cotas máis sublimes da música coa publicación de Achtung Baby en 1991. Se todo o traballo anterior fora alabado tanto polo público como pola crítica, o sétimo álbum da banda irlandesa marcou un antes e un despois, converténdose no disco que calquera artista lle gustaría gravar. Por iso non sorprende que moitas das cancións dese disco sexan todo un referente, non só para indicar o mellor de U2, senón tamén por que moitas outras bandas e artistas se fixaron especialmente en Achtung Baby na procura de inspiración. Por exemplo "Even Better than the Real Thing", que non é das cancións máis importantes, tamén serviu de inspiración no seu momento.


En 1992, xusto cando Achtung Baby dominaba as listas de vendas, unha banda de Wigan, de nome The Verve, formada uns anos antes e á espera de lanzar un disco de longa duración que vería a luz un ano despois, sacaban ó mercado o single "All in the Mind", claramente inspirada na canción de U2. Por sorte, a banda de Richard Ashcroft conseguiría moi pronto un son propio.

venres, 24 de agosto de 2012

Numb

As expectativas que se crearon trala publicación de Achtung Baby (1991) foron altas para U2. Mais o que podería ser un contratempo para unha banda novel non supuxo outra cousa que un reto de fácil superación para Bono e compañía. Así que en 1993, tanto público coma crítica aplaudiron a publicación de Zooropa, oitavo álbum dos irlandeses que se presentaba cunha sorpresa. O single elexido para a promoción foi o corte 3 "Numb" onde The Edge se puña á fronte do micrófono principal. 


Moi parecido é o tema co que os australianos Savage Garden se deron a coñecer en medio mundo, "I Want You", do álbum epónimo publicado en 1996.

http://www.goear.com/listen/19dd06e/i-want-you-savage-garden

Moito está dando que falar o novo single que acaba de presentar Muse como adianto do seu novo traballo discográfico The 2nd Law que con toda seguridade sairá ó mercado o vindeiro mes de outubro. "Madness" é a segunda canción que se coñece deste novo disco tras "Survival", a canción oficial dos Xogos Olímpicos que se celebraron en Londres, e dende que a deron a coñecer todo o mundo empezou a comparala con outras cancións buscando posibles influencias e semellanzas, xa que todos parecen coincidir en que ten un aire demasiado "oitenteiro". Para algúns parécese "I Want to Be Free" de Queen, e é innegable que a canción débelle moito á banda do inesquecible Freddie Mercury; xa só a guitarra que se escoita cara ó final do tema parece propia de Brian May. Para outros, lembra moito tamén ós primeiros tempos da carreira de George Michael en solitario e apuntan directamente a "Faith". Na nosa humilde opinión, estamos de acordo con todas estas análises, pero se nos temos que decantar cunha das influencias máis claras é a de U2; o son en xeral ten tamén moito de Zooropa, en concreto de "Numb"; case se podería dicir que Matt Bellamy mesturou con mestría todas esas influencias en "Madness" e mesmo se sinala que a canción está máis próxima a "Undisclosed Desires", de The Resistance (2009) ca a calquera outra canción de Muse. En calquera caso, estamos de novo ante unha enorme canción dos de Devon, xa só falta que deseñen definitivamente o seu propio estilo para que non se volva confundir cos dos demáis artistas.

martes, 26 de xuño de 2012

Promenade

The Unforgettable Fire (1984) é o cuarto álbum de U2 e o primeiro producido polo tándem formado por Brian Eno e Daniel Lanois, despois de traballar nos primeiros discos con Steve Lillywhite. Dende logo o cambio na produción foi un gran acerto por parte de Bono e compañía, xa que a colaboración con Eno e Lanois nos seguintes traballos discográficos, agás Rattle and Hum (1988) producido por Jimmy Iovine, ía enriquecer de xeito notable a traxectoria de U2 ata o feito de converterse na banda de rock máis importante dos últimos tempos, un auxe que acadarían en 1991 con Achtung Baby. "Promenade", quinto corte de The Unforgettable Fire non chegou a ser single e nin moito menos é a mellor canción dese disco, onde ese privilexio teno "Pride (In the Name of Love)", pero é un gran tema de U2 e por suposto, non pasa desapercibido.


Snow Patrol, unha banda escocesa formada na universidade de Dundee a mediados dos anos 90, son hoxe un referente para moitos artistas desde 2007 debido ó éxito que acadaron cando algunhas das súas cancións comezaron a aparecer nas bandas sonoras de series de culto e películas. Iso fixo que moitos se empezasen a fixar no seus traballos de estudio e tamén nos seus concertos, polo que hoxe o nome de Gary Lightbody, o cantante, resulta bastante coñecido. Pero Snow Patrol debutou en 1998 e en 2003 publicaron o seu terceiro disco Final Straw que contén "Run", un tema con claras reminiscencias a "Promenade" e en xeral, o son de U2.

mércores, 20 de xuño de 2012

Sunny Afternoon

Os irmáns Ray e Dave Davies montaron en Londres a comezos dos anos 60 unha das bandas máis significativas do rock británico do momento. Tanto foi así que foron dos primeiros en principiar a chamada invasión inglesa en Estados Unidos. En 1966 publicaron o seu cuarto traballo discográfico Face to Face, que co paso do tempo se convertiu nun disco imprescindible na carreira de The Kinks. Unha das cancións máis emblemáticas dese álbum é "Sunny Afternoon".


The Divine Comedy, unha banda procedente de Irlanda do Norte formada a finais dos 80 por Neil  Hannon, ía darlle un xiro ó pop barroco situándoo como unha  corrente que se tería moi en conta na década seguinte. En 1997, no seu quinto disco A Short Album About Love destaca a canción "Everybody Knows (Except You)", con certas reminiscencias de The Kinks.


Dese mesmo ano tamén é a canción de U2 "Staring at the Sun" que xa pasou polo blog nunha entrada anterior. A canción do ábum Pop (1997) tamén lle ten moito que agradecer á de The Kinks.

http://youtu.be/s4D5hSPjftI

A influencia de "Sunny Afternoon" tamén é evidente no tema de Gorillaz "Feeling Good Inc.", single de presentación do álbum Demon Days (2005).

http://youtu.be/pls_luhVdAw

Aínda que onde está máis presente dun xeito bastante máis claro "Sunny Afternoon" é na canción de Take That "Kidz", do seu último álbum Progress (2010), que por outra parte, tamén é o máis maduro da formación de Gary Barlow, todo un referente para as mozas dos anos 90.

xoves, 10 de maio de 2012

When the Stars Go Blue

Ryan Adams publicou o seu segundo disco Gold en 2001, un ano despois do seu debut en solitario tras pasar un certo tempo en Whiskeytown. Este segundo traballo consagrou a Ryan Adams como un dos cantantes de country alternativo máis prometedores da nova década, con cancións tan destacadas como "New York, New York", "Sylvia Plath" e "When the Stars Go Blue", a súa canción máis coñecida e versionada.


Unha das primeiras versións que se fixeron foi a que gravaron os irlandeses The Corrs xunto co seu compatriota de U2 Bono para un álbum en directo: VH1 Presents: The Corrs, Live in Dublin (2002) e que aparecería remesturada en 2007 para o álbum recompilatorio Dreams: The Ultimate Corrs Collection.


Pero 2006 foi o ano das versións para este temazo de Ryan Adams. Tim McGraw, os noruegueses Venke Knutson & Kurt Nilsen e a cantautora Sevigny gravaron cadansúa versión. Quedamos agora coa da lucense Sevigny, que debutou ese ano con Melalcoholic, e de paso confirmaba o bo momento das cantautoras indies na escena española, xa que xunto con Russian Red e Anni B Sweet forma parte dunha nova xeración que segue a estela emprendida hai unhas décadas por Christina Rosenvinge e Mercedes Ferrer, entre outras, e que por outra parte, seguen ó pé do cañón.



martes, 24 de xaneiro de 2012

The Sun Always Shines on TV

Os noruegos A-ha forman parte dese conxunto de bandas da new wave que marcaron os anos 80. A voz inconfundible de Morten Harkett conferiulle unha personalidade notoria a A-ha, axudada polo que sería o maior seu éxito "Take on Me", que xunto co seu videoclip innovador faría que o álbum Hunting High and Low, de 1985, fose un dos máis vendidos nesa década. Nese mesmo álbum atópabase "The Sun Always Shines on TV", unha das cancións de referencia de A-ha e que hoxe vos presentamos.

 http://www.goear.com/listen/d718f53/the-sun-always-shines-on-tv-a-ha


En 2000 publicouse o esperadísimo álbum de U2 despois dun silencio de tres anos. All That You Can't Leave Behind abríase cun primeiro single cheo de optimismo "Beautiful Day", que vaticinaba un novo éxito na carreira dos irlandeses. Con todo, houbo moitos que notaron certa influencia da canción de A-ha no tema de U2, pero na nosa modesta opinión, agás en que ámbalas dúas coinciden nun "touch me", poderíase dicir que non se parecen practicamente en nada. En calquera caso, sérvenos de pretexto perfecto para ofrecervos dúas marabillosas cancións que comparten tamén a posibilidade de animar a quen queira escoitalas. De tódolos xeitos, moitos cren que Bono se inspirou no tema de The Kinks "Sunny Afternoon", pero iso será motivo dunha nova entrega.

 http://www.goear.com/listen/169424f/beautiful-day-u2

martes, 5 de abril de 2011

One

"One" é unha das mellores cancións da década dos 90, incluída nun dos mellores álbums: Achtung, Baby (1991), que confirmaba á banda irlandesa U2 como a mellor do panorama rock nese momento, algo que xa se percibía cos anteriores traballos de Bono e compañía, como The Joshua Tree (1987) e Rattle and Hum (1988). Por iso non é de estrañar que dez anos despois, este clásico inspirase a outros artistas e grupos. E é que a canción producida por Brian Eno e Daniel Lanois é preciosa.


Case unha década máis tarde, en 2000, atopamos o primeiro cover deste tema nun traballo discográfico (R.E.M. xa tocara "One" en directo en 1993 xunto con Larry Mullen e Adam Clayton): no álbum acústico do formidable cantante country Johnny Cash  American III: Solitary Man.


Ese mesmo ano, Craig David debutaba co álbum Born To Do It, onde está recollida a canción "Walking Away", cuxos primeiros acordes son moi semellantes ó tema de U2.

  http://www.goear.com/listen/7aaffe3/walking-away-craig-david

Un ano despois, Lighthouse Family incorporaría o retrouso de "One" ó final da súa canción "(I Wish I Knew How It Would Feel To Be) Free" no seu álbum Whatever Gets You Through The Day.

 http://www.goear.com/listen/57d1f8d/free-lighthouse-family

En 2005, Mary J. Blige faría un cover de "One" no seu álbum The Breakthrough contando coa insestimable colaboración do propio Bono.

 http://www.goear.com/listen/25329f8/one-mary-j-blige-y-u2-

Para rematar, neste 2011 a última banda en inspirarse neste clásico de U2 é o grupo de Ohio, The National co seu tema "Think You Can Wait", banda sonora da película independente Win Win, que aínda que non é unha versión, conta con certas reminiscencias. Deixámosvos a ligazón a Youtube.

 http://www.youtube.com/watch?v=nVo7MkjReO8