Amosando publicacións coa etiqueta Pet Shop Boys. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pet Shop Boys. Amosar todas as publicacións

mércores, 16 de decembro de 2015

Go West

Nada como unha boa festa disco culminada polas cancións de Village People. Así adoita suceder en calquera acontecemento festivo dos setenta, onde a música deste peculiar grupo no cada membro ía disfrazado de diferente xeito, non podía faltar de ningunha das maneiras. Así que no imaxinario popular quedaron cancións como "In the Navy", "Y.M.C.A" e tantas outras ás que aínda recorrer en calquera tipo de festa. Non é o caso de "Go West", a canción que titula o cuarto álbum do grupo, publicado en 1979, pois o enorme éxito da versión de Pet Shop Boys, que de vez en cando aínda se corea nos estadios de fútbol, fixo que a versión orixinal pasase ó esquecemento absoluto.


"Go West" conta cunha gran versión a cargo de Pet Shop Boys no álbum Very (1993), que revitalizou por completo este clásico de Village People. Lonxe do que é habitual, a versión de Neil Tennant e Chris Lowe é incluso superior á orixinal; ten o engadido de que no retrouso participa un coro de voces masculinas a imitación dos musicais de Broadway como South Pacific, amais de introducir as bases do Canon de Pachelbel, dous elementos ben combinados cos que Pet Shop Boys se fan donos por completo do "Go West".

venres, 13 de marzo de 2015

Love Sensation

Loleatta Holloway non tivo grandes éxitos internacionais, pero as poucas cancións que triunfaron na súa voz tiveron a repercusión suficiente para que moitos artistas que viñeron detrás as tivesen en conta á hora de elaborar algunha das súas composicións cando andaban algo faltos de imaxinación creativa. O tema máis paradigmático destes é, non cabe dúbida, "Love Sensation", a última gran canción de Loleatta Holloway, que acadou os primeiros postos das listas estadounidenses de música disco. A canción, que titula o sexto álbum da cantante de Chicago e que se editou en 1980, non tardou en ser unha presa fácil tanto para músicos de hip hop coma para os productores de techno, e aínda hoxe se segue botando man de "Love Sensation" para novas creacións.


É difícil escoller entre a variedade de cancións ás que "Love Sensation" prestou o seu son, pero desta volta imos quedar con dous dos proxectos perfectamente consagrados. O primeiro deles, o de Pet Shop Boys, que na reedición de Behaviour (1990) incluíron a canción "We All Feel Better in the Dark", coas bases do tema de Holloway.


A segunda é o tema de Moby que tamén empregou "Love Sensation". Trátase do single "Move" que se editou en 1993.

venres, 30 de xaneiro de 2015

Always on My Mind

Johnny Christopher, Wayne Carson e Mark James escribiron unha canción inmortal que, curiosamente, malia estar concibida como un tema country, habería triunfar como balada e despois, como canción de música electrónica. O caso é que a comezos dos setenta, estes compositores tiñan unha execelente canción que lle ofreceron a dúas cantantes con estilos bastante dispares: a Brenda Lee, máis próxima ó pop, ó country e o rockabilly; e a Gwen McCrae, cuxa carreira estaba máis orientada cara ó soul e o R&B, pero a ambas a canción encantoulles e publicaron cadansúa versión en 1972. A de Brenda Lee tivo máis algo máis de éxito nas listas country e finalmente aparecería no álbum epónimo da artista publicado en 1973. 

http://youtu.be/ywZcPC9Uwho

A de Gwen McCrae tivo un éxito máis discreto, pero ó igual que a de Brenda Lee, foi das primeiras en gravar esta canción uns meses antes de que aparecese a versión de Elvis Presley, coa que "Always on My Mind" acadaría a máxima popularidade.

http://youtu.be/hj90zb8CAJQ

Porque ademais de Brenda Lee e Gwen McCrae, en 1972 a canción tamén lle chegou a Elvis Presley, que a gravou pouco despois de separarse de Priscilla, pero non se editou ata o mes de novembro. Con esta versión Elvis volveu a ocupar os primeiros postos das listas.

http://youtu.be/u9sRJ-eOHnc

Xa nos oitenta, a versión de Pet Shop Boys con son electrónico, devolvería a "Always on My Mind" á primiera liña de actualidade. Aparece en Introspective (1988), terceiro disco do dúo británico.

venres, 20 de setembro de 2013

The Frost Scene

O compositor Henry Purcell é un dos favoritos polos músicos modernos, xa se dediquen á música clásica ou a estilos máis modernos. A súa influencia é decisiva na obra de The Who, pero tamén de autores como Michael Nyman. A ópera "King Arthur", estrenada en 1691, ofrécenos o melloriño do repertorio de Purcell que chegou a callar nos músicos do século XX. En concreto, o "Preludio" co que comeza a segunda escena do terceiro acto, ten unha melodía  á que poderíamos de definir de pegadiza, difícil de esquecer, e polo tanto, moi fácil de permanecer na memoria colectiva durante un longo período de tempo, algo que se pode aplicar á toda a música desa escena, coñecida co nome "The Frost Scene".


Michael Nyman, de quen falabamos antes, baseou algunha das súas composicións na música desa escena e unha das máis famosas é "Chasing Sheep Is Best Left  to Shepherds", pertencente á banda sonora da película The Draughmn's Contract, de 1982.


E recentemente, Pet Shop Boys recolleron a melodía de Nyman para ilustrar un dos temas do seu último disco Electric (2013). "Love Is a Bourgeois Construct" é o último single extraído do disco.

xoves, 20 de xuño de 2013

Give It Up

A samba, a música brasileira por excelencia, sempre exerceu un atractivo especial para os dj's de house que vían no ritmo un incentivo para crear novos sons. A comezos dos anos 90 os neerlandeses Zki & Dobre, tamén coñecidos como The Good Men publicaron un single que faría bailar a toda Europa. "Give It Up" converteuse en todo un hit que remitía a Brasil; algo nada raro, xa que os produtores neerlandeses introduciran samples dalgunhas das cancións de Sérgio Mendes, un dos grandes autores brasileiros e máis recoñecidos internacionalmente, aínda que The Good Men non utilizaron o maior éxito de Sérgio Mendes, o famoso "Máis que Nada". Pero antes de revisar as cancións orixinais, vexamos como lle quedou a canción a Zki & Dobre en 1993.


As cancións de Sérgio Mendes que empregaron foron, "Magdalenha" e "Fanfarra", interpretadas as dúas xunto con Carlinhos Brown. En primeiro lugar, "Magdalenha".


E agora, "Fanfarra".


Ademais das cancións de Sérgio Mendes, The Good Men tamén as mesturou no seu éxito cun tema de Sinnamon, "I Need You Now".


O resultado destas mesturas é "Give It Up", que tivo tal éxito, que non lle pasou desapercibido a Mick Hucknall, e en 1995 Simply Red presentaba o seu álbum máis exitoso Life con "Fairground".


As batucadas estaban tan de moda á mediados dos 90, que mesmo Pet Shop Boys non se resistiron a elas. En 1996 o segundo single do álbum Bilingual era "Se a vida é (That's the Way Life Is)", que nos volvían recordar a paisaxe brasileira.




mércores, 3 de abril de 2013

Wild World

Cat Stevens publicou o seu cuarto álbum Tea for the Tillerman en 1970 e non cabe dúbida que é un dos discos máis influentes deste compositor, pois algunhas das cancións que o compoñen forman hoxe parte da banda sonora de moita xente e foron versionadas por moitos artistas. Xunto con "Father and Son", "Wild World" é desas cancións que de tantas versións que ten, ás veces ata é dificil saber quen é o seu autor orixinal, pero ademais diso, "Wild World" está na base de novas cancións, algunhas envoltas na polémica, como acontece a miúdo coas composicións de Stevens.


Unha canción moi parecida que semella inspirarse en "Wild World" é "Could It Be Magic", de Barry Manilow, que aparecía no disco epónimo deste compositor en 1975.


A canción que desatou a controversia en torno a "Wild World" é "It's a Sin", de Pet Shop Boys. En principio, o estilo e a melodía desta canción do dúo británico, que aparece no álbum Actually (1987) non parece ter nada que ver co traballo de Cat Stevens, pero ese mesmo ano DJ Jonathan King denunciou publicamente que se trataba claramente dun plaxio. A cousa, como era de prever, acabou nos tribunais.


DJ Jonathan King tratou de probar o suposto plaxio cun mash-up.


A  canción máis recente baseada en "Wild World" atopámola no primeiro disco de Lily Allen Alright, Still (2006). Titúlase "Littlest Things".

http://www.goear.com/listen/065bc79/littlest-things-lily-allen

Por último, rematamos cunha versión en portugués de "Wild World" a cargo dos brasileiros Pepê & Nenem, que titularon "Nada me Faz Esquecer", do álbum Tudo Bem (2000).

http://youtu.be/lF5sGfiEBL4

martes, 20 de novembro de 2012

The Message

Grandmaster Flash and the Furious Five é unha das bandas de hip-hop que a comezos da década dos 80 potenciaron este son combinándoo coa música electrónica, tan en boga naqueles anos. O resultado é un dos máis interesantes dos 80. O primeiro álbum  The Message (1982) é hoxe todo un clásico que influíu en numerosos artistas de hip-hop e a canción que lle dá título é un referente indiscutible.


Unha das cancións que máis presente ten o son de Grandmaster Flash and the Furious Five é outro clásico dos 80. Nin máis nin menos que o éxito de Pet Shop Boys "West End Girls", do álbum Please (1986).


"West End Girls" convertido xa nun clásico, tamén serviu á vez de inspiración para novos temas. O máis sonado é o de Madonna "Jump", terceiro single do disco Confessions on a Dance Floor (2005), un dos traballos discográficos no que a raíña do pop  máis se dedicou a empregar samples dalgunhas das súas cancións favoritas, como o caso do primeiro single en que sampleaba un dos éxitos de ABBA.

xoves, 24 de maio de 2012

New York, New York

A canción de Jay Z "Empire State of Mind" que viamos na entrada anterior está dedicada a Nova York, posiblemente a cidade máis cosmopolita do mundo, pero nin moito menos é a única canción que se escribiu sobre a cidade dos rañaceos, xa que esta inspirou dende moi cedo a músicos e compositores; así que imos  repasar algunhas destas cancións que homenaxean a Nova York.

A primeira delas é o todo un himno por excelencia e tamén a banda sonora cando se fala desa fantástica cidade. Un clásico con maiúsculas a cargo de Frank Sinatra. "New York, New York" aparecía na película do mesmo nome de Martin Scorsesse de 1977 cantada por Liza Minelli, pero gañou fama coa versión de Sinatra de 1980 Trilogy: Past Present Future.

 http://www.goear.com/listen/f749705/new-york-new-york-frank-sinatra

A seguinte que vos presentamos é a de Ryan Adams. O compositor canadense tamén titulou así a un tema que aparecía no seu segundo traballo Gold (2001).

 http://www.goear.com/listen/9fba2d9/new-york-new-york-ryan-adams

Como non podía ser menos, o neoiorquino Moby tamén lle rendía tributo á súa cidade no disco recompilatorio Go. The Very Best of Moby (2006) acompañado doutra célebre veciña de Nova York, Debbie Harry.

 http://www.goear.com/listen/0498e30/new-york-new-york-moby

A británica Paloma Faith tamén facía o seu debut cunha homenaxe a Nova York con "New York" en Do You Want the Truth or Something Beautiful? (2009) cun sensacional coro gospel.

 http://www.goear.com/listen/bcfb4e5/new-york-paloma-faith

Outras canción, no entanto, ambientan as súas historias en Nova York dándolle total protagonismo á cidade. Por exemplo, o tema de Sting "Englishman in New York", un tema moi sampleado posteriormente e que está no seu segundo álbum en solitario ...Nothing Like the Sun (1987).

 http://www.goear.com/listen/c08baa7/englishman-in-new-york-sting

En España, Los Rebeldes gravaron "Un Español en Nueva York" no seu álbum Más Allá del Bien y del Mal (1988).

 http://www.goear.com/listen/855eb19/un-espaaol-en-nueva-york-los-rebeldes

Ese mesmo ano, Mecano publicaba Descanso Dominical onde unha das súas cancións máis aclamadas é "No Hay Marcha en Nueva York", unha hilarante historia asinada por José María Cano.

 http://www.goear.com/listen/c32bb59/no-hay-marcha-en-nueva-york-mecano

 Pet Shop Boys  tamén homenaxearon a esta cidade con "New York City Boy" do álbum de 1999 Nightlife.

 http://www.goear.com/listen/8976c60/new-york-city-boy-pet-shop-boys

E xa para rematar, deixámosvos co tema de REM "Leaving New York" do álbum Around the Sun (2004).

 http://www.goear.com/listen/d4b51b1/leaving-new-york-rem