Amosando publicacións coa etiqueta The Ramones. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Ramones. Amosar todas as publicacións

mércores, 5 de agosto de 2015

Poison Heart

Tan grandes coma nas súas orixes, The Ramones seguían ó pé do cañón nos anos noventa coa publicación de Mondo Bizarro (1992), o duodécimo traballo da banda e o primeiro sen o baixista Dee Dee Ramone, que abandonara a formación uns anos antes. No seu lugar entrou C. J. Ramone, que permanecería ata a disolución de The Ramones en 1996. Malia a súa ausencia, Dee Dee Ramone contribuíu ó novo álbum con tres cancións que os seus ex compañeiros gravaron. Unha delas é a que se elixiu como single de presentación, "Poison Heart", cun son algo máis diferente ó que The Ramones nos tiña acostumado. 


Os finlandeses HIM versionaron "Poison Heart" na cara B do single "Rip Out the Wings of a Butterfly" co que presentaron o álbum Dark Light (2005). Nin que dicir ten que o son desta canción de The Ramones adáptase perfectamente ó estilo da banda de Villie Valo, así que o resultado non podía defraudar ós fans de ámbalas bandas. 

xoves, 4 de xuño de 2015

Radio (2)

Hai anos dedicamos unha  entrada monográfica ó mundo da radio, cunhas poucas cancións que levaban no título a verba "radio", ou simplemente falaban dese importante medio de comunicación, fundamental para a difusión da música contemporánea. Cremos que vai sendo hora de retomar unha segunda parte debido ás outras boas cancións que daquela quedaran fóra e xa anunciamos que proximamente haberá unha terceira entrega. Por outra banda, non imos contar con excelentes cancións coma "Radio Nowhere" de Bruce Springsteen, que xa pasaron polo blog. Así que, sen máis, comezamos con "Mr. Radio", da Electric Light Orchestra, pertencente ó álbum epónimo que supuxo o debut da banda de Jeff Lynne en 1971.


Outro tema mítico que non pode faltar sobre un monográfico sobre a radio é a marabillosa "Do You Remember Rock 'n' Roll Radio?" de The Ramones, unha canción que mostra o apoxeo da banda no álbum producido por Phil Spector End of the Century (1980).


O guitarrista de Eagles, Joe Walsh, incluíu no seu álbum en solitario, Got Any Gum? (1987) un tema chamado "The Radio Song".


R.E.M  é unha das bandas que máis se acordaron da radio, pois teñen dúas cancións sobre ela. A última no álbum Out of Time (1991) chamada "Radio Song".

https://youtu.be/Q1LAtaxgfDk

A primeira é a canción coa que a banda de Michael Stipe comezaba a súa brillante andaina, "Radio Free Europe", single de presentación da ópera prima de R.E.M Murmur (1981).

https://youtu.be/XXUkddrnsXQ

Como tampouco hai que esquecer a canción de Hurt, "On the Radio", pertencente ó álbum Vol. II (2007).

 https://youtu.be/0ZbEuXBZE2s

martes, 31 de marzo de 2015

This Is Love

A crítica sempre loou cada traballo de PJ Harvey, algo que era sobre todo máis frecuente cos primeiros discos. Como artista consagrada, moitos dos que comezan fíxanse no seu estilo como cantautora de rock alternativo que sempre vai cun paso por diante, malia que hai que admitir que os seus últimos discos non teñen a frescura dos anteriores. Quizais por todo o que ten acadado, PJ Harvey pode concederse a licenza de deixar entrever de vez en cando algunhas das influencias que perfilaron a súa música, dun xeito máis visible do acostumado. Se xa vimos a súa preferencia por The Police, en "This Is Love", tema do quinto álbum Stories from the City, Stories from the Sea (2000), PJ Harvey móstranos a importanca da música de The Stooges e de Johnny Thunders and The Heartbreakers.

https://youtu.be/STxXS5lLunE

Desde logo que "This Is Love" soa case idéntica a "No Fun", un dos temas co que a banda de Iggy Pop, The Stooges, se deu a coñecer cun álbum epónimo en 1969.

https://youtu.be/vvRkJzVQBP0

E non obstante, pode dicirse que a parte que distingue a "This Is Love" de "No Fun" débese a un clásico do punk rock dos setenta, "Chinese Rocks", de The Heartbreakers, pertencente ó álbum L.A.M.F. (1977). Aínda que a canción de PJ Harvey garda máis similitude coa de The Stooges, é innegable que contén ecos da canción da banda de Johnny Thunders e de Richard Hell.

https://youtu.be/S3gPaSsCAiI

E xa que falamos dunha gran canción como "Chinese Rocks" sería inxusto non reproducir tamén a versión que fixo un dos seus compositores, Dee Dee Ramone, coa súa banda, Ramones, no álbum End of the Century (1980).

https://youtu.be/57nPAqBPGPE

mércores, 30 de abril de 2014

I'm Eighteen

Cando Alice Cooper publicou o terceiro disco, Love It to Death (1971), a banda aínda estaba medrando, pero levaban o tempo suficiente para que o seu nome non pasase desapercibido nos círculos de heavy metal e glam rock que ían gañando presenza no ámbito da música, e aínda faltaba uns anos para que Vincent Furnier emprendese o voo sen a compañía dos demais membros, pero conservando o nome da banda. A publicación de Love It to Death viña precedida polo single "I'm Eighteen", co que metían no peto a unha serie de novos talentos que pouco tempo despois asentaría as bases do punk. Cunha temática que fala da xuventude, do que supón ter dezaoito anos de idade, "I'm Eighteen" é unha das cancións que abordan un dos asuntos favoritos e clásicos no mundo do rock.

http://youtu.be/vMCyX0P_dGE

Joey Ramone foi un dos alumnos avantaxados de Alice Cooper e nunca ocultou a influencia que este exerceu na súa música. O exemplo máis claro está en "I Don't Care", que aparece no disco epónimo de The Ramones, editado en 1976, onde se notan ecos de "I'm Eighteen".

http://youtu.be/QveJv7V4OZI

Unha das bandas que se máis se miraron no espello de Alice Cooper é Hanoi Rocks. A banda finlandesa de glam rock inspirouse nos acordes da canción de Alice Cooper en "Until I Get You", tema pertencente ó álbum Back to Mystery City (1983) e que a pesar diso, non renuncia ó estilo propio que fixo de Hanoi Rocks unha das bandas máis admiradas.

http://youtu.be/RwgtbBAqdTY

A estela de Alice Cooper pode seguirse mesmo en bandas tan rodadas coma Kiss, que en "Dreamin'", un dos temas de Psycho Circus (1998) recorda lixeiramente a "I'm Eighteen".

http://youtu.be/jO-Ol1JQjcc

xoves, 9 de maio de 2013

Rockaway Beach

The Ramones foron crecendo como a banda á vez que o son punk ía progresando como algo máis ca un subxénero do rock e comezaba a ter autonomía propia. En 1977, cando tódolos medios musicais se facían eco deste estilo, sobre todo debido á actitude subversiva de Sex Pistols, a banda de Nova York Ramones publicaba o seu terceiro disco Rocket to Russia, que mesturaba o son máis actual co surf rock que aupara ós Beach Boys nos anos 50 e 60. Un dos mellores exemplos é "Rockaway Beach", canción estival onde as haxa dedicada a unha das praias máis famosas do distrito de Queens en Nova York.

http://www.goear.com/listen/4636765/rockaway-beach-ramones

Ademais dalgunhas versións en inglés que existen desta canción, "Rockaway Beach" tamén conta cunha adapatación ó castelán da man de Siniestro Total, na que a banda de Julián Hernández e Miguel Costas quixeron homenaxear á Samil, unha das praias máis coñecidas de Vigo. O resultado é "Rock en Samil", pertencente ó disco Bailaré sobre tu tumba (1985).

http://www.goear.com/listen/7adb73c/rock-en-samil-siniestro-total

Tamén moi influenciados pola música de The Ramones, a banda alemá Die Toten Hosen teñen versionado esta canción na cara B do single "Alles Wird Vorübergehen" mais tamén algunha outra canción deles mostra algunha reminiscencia de "Rockaway Beach" coma o caso de "Alles Wird Gut", que comeza dun xeito moi parecido. "Alles Wird Gut" está incluído no álbum Auf dem Kreuzzug ins Glück (1990).

http://www.goear.com/listen/5cb821f/alles-wird-gut-die-toten-hosen

martes, 5 de febreiro de 2013

Hang On to Yourself

2013 estreouse cunha moi boa nova: o regreso de David Bowie tras case unha década de silencio. Trala colaboración con Arcade Fire en 2004 pouco máis se soubo do Duque Branco, mais vese que este período de inactividade xa rematou e para o mes de marzo teremos novo material de Bowie, que xa nos ofreceu un adianto con "Where Are We Now?", unha moi agradable sorpresa. Nestes tempos musicais convulsos, cunha oferta de estilos dispar, pero moi monótona respecto ás regras que rexen o mercado discográfico, agradécese que un dos artistas máis innovadores da música volva dar guerra. Para celebralo, hoxe ofrecémosvos "Hang On to Yourself", un single de 1971 que un ano despois foi incluído nunha das obras mestras de Bowie: The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.


En "Hang On to Yourself", Bowie introducía un ritmo que lembra moito ó punk que se habería de facer uns anos despois. De feito, moitos críticos cualifican este tema de protopunk e sinalan que foi decisivo para a creación de cancións punk como o "Teenage Lobotomy" de The Ramones que se inclúe no álbum de 1977 Rocket to Russia.

mércores, 5 de decembro de 2012

Over the Rainbow

Onte tivemos a oportunidade de escoitar o sensacional popurri que Israel Kamakawiwo'ole fixo de dous clásicos indiscutibles: "What a Wonderful World" e "Over the Rainbow"; así que era case obrigatorio dedicarlle a entrada de hoxe á canción central da banda sonora do Mago de Oz, a película de 1939 que inmortalizou a Judy Garland no papel de Dorothy. Esta balada está escrita por E.Y. Harburg, que se encargou das letras, mentres que a música está asinada por Harold Arlen. A súa popularidade é tal que é moi difícil quedar cunha soa versión, xa que practicamente as atopamos en case tódolos estilos musicais habidos e por haber.


Unha das mellores versións é a de Jerry Lee Lewis. Un dos pioneiros do rock n' roll non se resistiu o encanto deste clásico e en 1980 gravouna no álbum Killer Country.


Xa vimos onte a homenaxe que Joey Ramone lle ofrecía o tema de Louis Armstrong, algo nada novo a preferencia de The Ramones polos clásicos, xa que tamén gravaron unha versión de "Over the Rainbow".


A importancia de "Over the Rainbow" tamén se deixou notar no retrouso de "Starman", de David Bowie. A canción pertence ó famoso álbum de 1972 The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.

http://youtu.be/tRcPA7Fzebw

Por acabar con este escaso repaso das versións, ofrecémosvos a de Mägo de Oz. O grupo de folk métal fixo unha curiosa interpretación baseada na de Israel Kamakawiwo'ole no álbum Belfast (2004).


martes, 4 de decembro de 2012

What a Wonderful World

Poucas cancións teñen un encanto tan permanente como "What a Wonderful World", a canción que Bob Thiele e George David Weiss escribiron para Louis Armstrong. O xenial trompetista interpretouna nun álbum homónimo que se publicou en 1967 convertíndoa nun clásico, xa que a súa letra invita de maneira indiscutible ó optimismo nunha época en que nos Estados Unidos se loitaba polos dereitos da poboación negra. Curiosamente, ten un título semellante "Wonderful World", a canción de Sam Cooke de 1960, unha das máis lembradas do malogrado cantante de soul.


Das versións máis rompedoras desta canción, é a que aparece no álbum póstumo de Joey Ramone Don't Worry About Me (2002), un xeito espectacular de modernizala no talento dun dos integrantes de The Ramones.


Tamén existe unha versión en galego a cargo dos Tamara "Qué Fermoso É Vivir", de 1990. Aínda que quizais a máis orixinal sexa a de Israel Kamakawiwo'ole que a mesturou con outro gran clásico "Over the Rainbow" a ritmo de ukelele. Esta versión aparece no álbum do artista de Honolulu Facing Future (1993).