Amosando publicacións coa etiqueta Chicane. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Chicane. Amosar todas as publicacións

venres, 29 de maio de 2015

Cars

Logo de publicar dous álbums coa súa banda, Tubeway Army, Gary Numan decidiu que era hora de deixar de agochar o seu nome limitándoo só os créditos e que debería lucir no primeiro termo. Foi así como pasou a presentarse como solista co seu terceiro disco, The Pleasure Principle (1979) tan só seis meses despois de asinar o que sería o último álbum com Tubeway Army, Replicas (1979). Nese álbum Gary Numan xa incluíra unha das cancións máis representativas da nova onda e do electropop emerxente, "Are 'Friends' Electric?" e co novo disco volveu repetir, desta vez co tema "Cars", unha marabilla do electropop, que conta con varias versións e un manchea de remesturas que non logran borrar a esencia da versión orixinal.

https://youtu.be/99fRdfVIOr4

Cuns acordes que recordan por momentos a esta canción de Gary Numan, Frank Zappa editou no álbum Them or Us (1984) "In France". A Zappa parecíanselle tanto que mesmo nalgúns concertos versionaba "Cars" coa letra de "In France".


"Cars" é desas cancións que supoñen unha presa doada para músicos de hip hop e de techno, así que hai uns cantos temas destes xéneros que a samplearon. Por suposto, o resultado da meirande parte é bastante desalentador. Tamén Chicane caeu na tentación de botar man dela para o seu "Hiding All the Stars", do álbum Giants (2009). Nin que dicir ten que é unha das mellores cancións que se fixeron coa base de "Cars". A interpretación vocal é de Natasha Andrews.

luns, 20 de abril de 2015

Bend and Break

Non parecía posible que nun mundo musical cada vez máis sofisticado a ausencia de guitarras en todo un álbum fose a triunfar e con todo, Keane presentouse en sociedade con só un piano e unha batería, e converteuse nunha das bandas revelación de 2004. Tom Chaplin, Tim Rice-Oxley e Richard Hughes souberon facer que unha carencia fose no fondo un engado no álbum co que se deron a coñecer, Hopes and Fears (2004). Lograron deste xeito crear un son orixinal moi fácil de identificar cunha banda que acababa de facer a súa aparición estelar, o que unido a unhas letras traballadas e a doce voz de Chaplin, garantían unha boa acollida por parte do público. "Bend and Break" foi un dos últimos singles que sacaron dese disco, pero tamén unha das cancións máis aclamadas.


Chicane remesturou "Bend and Break" en 2006 e acabou por elaborar unha nova canción coa base e o retrouso da de Keane. Titulouna "Wake Up".

mércores, 7 de xaneiro de 2015

Hoppípolla

Cunha posición cada vez máis influente, Sigur Rós publicaron o cuarto traballo da súa andaina Takk (2005) sabedores do impacto que haberían ter. O estilo suave das composicións do grupo islandés e a voz sedante de Jónsi fan que a música de Sigur Rós sexa moi atractiva para o sector audiovisual, especialmente para a publicidade, que ve nela un filón con inmensas posibilidades, de tal xeito que de vez en cando ata esquecen pedir permiso ós autores. Sen defraudar ás expectativas, Takk é dos mellores discos dos irlandeses e non supuxo ningunha sorpresa que a crítica o aclamase, así como que os singles que se escolleron para promocionalo, acadasen os postos máis altos das listas de Gran Bretaña e de Estados Unidos. "Hoppípolla" foi o terceiro single e pronto se converteu nunha das cancións favoritas dos seguidores de Sigur Rós.


Chicane fixo unha versión instrumental de "Hoppípolla" chamada "Poppiholla" no recompilatorio The Best of Chicane: 1996-2008 (2009) e que despois tamén aparecería no seguinte álbum de estudio deste produtor, Giants (2010).