Amosando publicacións coa etiqueta Kool and the Gang. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Kool and the Gang. Amosar todas as publicacións

venres, 6 de marzo de 2015

Get Down on It

Non son moitos os grupos que se saben adaptar á perfección ós gustos do momento e moito menos os que adoitan manterse en primeira liña sen sufrir un desgaste que os leve o retiro. Un bo exemplo é Kool & the Gang que comezaron nos sesenta como un grupo de soul e jazz, pero tiveron os seus maiores éxitos entre finais dos setenta e comezos dos oitenta grazas á reconversión do seu son en funk, disco e R&B, sendo un dos grupos estrela de calquera pista de baile. Unha das súas cancións máis recordadas é "Get Down on It", pertencente a Something Special (1981), o álbum número trece na discografía do grupo de Nova Jersey, que lonxe de pensar na xubilación, aínda seguen sacando discos novos cada pouco.


Hai unha chea de versións de "Get Down on It" que apenas achegan algunha novidade destacable que a diferencie da orixinal. Imos quedar entón cunha das máis esquecidas, a de Peter André no álbum Natural (1996), que tamén foi unha das primeiras en gravarse.


Claro que distinta é a canción de Snoop Dogg "We Just Wanna Party with You", pertencente á banda sonora de Men In Black (1997) , pero tamén é verdade que sen as bases de "Get Down on It" quedaría en nada.

xoves, 11 de setembro de 2014

Freeek!

Non é ningunha novidade que tódolos artistas teñen altibaixos ó longo da súa traxectoria profesional, momentos en que a creatividade, deles e dos colaboradores cos que traballan, falla. George Michael é quizais un dos artistas que máis acostumados nos ten a pasar por etapas pouco brillantes e moitos achácano a problemas persoais. En 2004, George Michael tentou volver á senda do éxito con Patience, un álbum que salvo algunhas poucas cancións, está bastante afastado dos grandes discos que fixeron do artista británico de orixe grega un dos solistas máis importantes das últimas décadas. Unha boa mostra da pouca consistencia de Patience é a cantidade de cancións compostas a base de samples doutras, que tampouco teñen nada de especial. O single de presentación, "Freeek!" xa daba unha idea do que ía ser a tónica xeral do álbum e desde logo, non quedará como unha das mellores cancións na discografía de George Michael.

http://youtu.be/n3E-oKQw3rg

Para a elaboración de "Freeek!", George Michael botou man de tres cancións. Unha delas é o tema de Kool & the Gang "N.T", single de 1971.

http://youtu.be/LSAqC6zxlnY

Tamén recorreu ó hip hop coa canción de Q-Tip "Breathe and Stop", do álbum Amplified (2009).

http://youtu.be/NOw-iNJvylM

E tamén do R&B de Aaliyah con "Try Again", pertencente á banda sonora de Romeo Must Die, película de 2000.

http://youtu.be/aRcAvsZgjXA

venres, 20 de xuño de 2014

Ladies' Night

Referente sen dúbida da música disco e funk dos anos 80, Kool & the Gang deixou un legado ó que aínda hoxe recorren artistas con falta de creatividade. Pero o éxito deste grupo formado en Nova Jersey non foi espontáneo, xa que as súas orixes remóntanse a finais dos anos 60 e cando o funk eclosionou nos 70, o gran público non se fixou especialmente en Kool & the Gang ata uns anos e uns cantos discos máis tarde. Habería que esperar a 1979 cando publicaron Ladies' Night, o álbum que facía o número 13 na conta do grupo, cando se lle empezou a prestar verdadeira atención. O momento non foi casual porque Kool & the Gang sufriu algúns cambios na formación, especialmente ó mudar de vocalista principal. A chegada de James "J.T." Taylor imprimiulle coa súa voz un selo inconfundible ó estilo de Kool & the Gang, e cancións coma "Ladies' Night", que abre o disco do mesmo nome así o corroboran.


Ningunha das versións que se fixeron de "Ladies' Night" achega nada que as faga realmente interesantes. No peor dos casos, a canción estrágase estrepitosamente, así que imos a centrarnos nun par de cancións que se basean nela. A de maior nivel sen dúbida é a de Leon Haywood "Don't Push It Don't Force It", pertencente ó álbum Naturally (1980), que mantén a esencia da canción orixinal.


En cambio, na canción de Samantha Mumba "Baby, Come Over (This Is Our Night)", do álbum Gotta Tell You (2000), a cantante irlandesa engade o retrouso de "Ladies' Night" polo medio da canción cara ó final, o que non lle serve de recurso para mellorar un tema bastante frouxo.