Amosando publicacións coa etiqueta New Order. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta New Order. Amosar todas as publicacións

mércores, 16 de marzo de 2016

New Dawn Fades

 Se non fose pola desventurada vida de Ian Curtis, que acabou nun suicidio, seguramente os éxitos de Joy Division contaríanse por varios, pero o certo é que a breve traxectoria da banda británica, con tan só dous discos publicados, mostra un legado irrepetible que dá idea de todo o talento que posuía o seu líder e fundador. A ópera prima, Unknown Pleasures (1979), é un dos mellores debuts que se produciron aquel ano, no que a abundancia de grupos que se dedicaban ó post punk ía en aumento. No álbum non se incluíu o single de promoción "Transmission", que supuxo a aparición estelar de Joy Division na escena, pero o resto das cancións dan proba das enormes posibilidades da banda. "New Dawn Fades" é unha das cancións que integran o álbum.


Moby realizou unha magnífica versión de "New Dawn Fades" na cara B do single "Feel So Real", unha dos singles do álbum Everything Is Wrong (1994). A nova versión escapa do escurantismo na que está envolta a orixinal e que acabou por ser un dos símbolos de identidade de Joy Division. Anos máis tarde, Moby incluíu a súa versión nun álbum tributo á banda de Ian Curtis e tena interpretado nalgún concerto no que coincidiu con New Order, a banda que naceu das cinzas de Joy Division.

martes, 30 de xuño de 2015

Panic Attack

Como temos costume de ver no blog, hai grupos que basean o seu traballo nos samples alleos, facendo así unha sorte de arte da remestura que moita xente critica como unha falta evidente de creatividade, polo que lles resta mérito, mentres que para outros estes grupos rescatan cancións moitas veces esquecidas, á marxe do resultado que obteñan, que ás veces pode ser francamente bo. Hoxe é a quenda de Unkle, un dúo inglés dedicado á música electrónica e o trip hop dende mediados dos noventa. Malia que aínda non deron con esa gran canción decisiva que marque un punto de inflexión na súa traxectoria, James Lavelle e Tim Goldsworthy, os artífices de Unkle, ségueno intentando coas diveras influencias que marcan o seu estilo, algunhas tan boas como Joy Division e Frank Zappa. "Panic Attack" é unha das cancións do seu segundo álbum Never, Never, Land (2003).


A composición de "Panic Attack" xira en torno a dous temas da mesma época. Un é o de Richard Pinhas, "Variations sur le theme de Bene Gesserit", pertencente a Chronolyse (1978).


O outro é a canción de Joy Division "She's Lost Control", do debut Unknown Pleasures (1979).

mércores, 11 de febreiro de 2015

Dreams Never End

New Order xurdiu das cinzas de Joy Division, que se disolvera tralo suicidio de Ian Curtis en 1980. Aínda rotos pola dor de perder ó seu amigo e compañeiro de andanzas musicais, Bernard Sumner, Peter Hook e Stephen Morris comezaron un novo proxecto xunto con Gillian Gilbert, e en 1981 sacaban á luz o primeiro disco de New Order, Movement (1981), con múltiples referencias a Ian Curtis. Trátase polo tanto dun álbum catártico co que os membros da banda intentaban asimilar o tráxico suceso e ó mesmo tempo, servía de homenaxe ó malogrado músico, que antes de converterse nun mito, xa deixara patente a súa xenialidade con Joy Division. O disco estréase con "Dreams Never End", cantada por Sumner, que finalmente asumiría o papel de líder, máis por que a súa voz era moi diferente da de Curtis que por convicción propia e do resto dos membros. Había que deixar claro que a nova banda non era unha reconversión de Joy Division.


Xa temos visto algunha vez a forte influencia que a música de New Order exerceu na de The Cure, e neste caso, "Dreams Never End" foi fundamental na composición de "In Between Days", tema de The Head on the Door (1985).

luns, 16 de xuño de 2014

Temptation

Sempre é difícil tras un suceso tráxico como o que puxo fin a Joy Division volver comezar. Non obstante, os membros que formaran parte da banda de Ian Curtis souberon sobrepoñerse e sobre as faíscas de Joy Division montaron unha nova banda coa que seguir transitando pola senda dos sons máis vangardistas que ofrecía a música da década de 1980. Coa incorporación da teclista Gillian Gilbert, Peter Hook, Stephen Morris e Bernard Sumner puñan en marcha New Order, que comezou editando singles meses antes de publicar o primeiro disco de longa duración, Movement (1981). Con todo, os singles eran independentes dos discos e non se incluíron neles ata anos máis tarde, ben como parte de recompilatorios de éxitos ou ben en reedicións e remasterizacións. Este particular costume de New Order mantívose durante os primeiros anos e así cancións tan fantásticas coma "Temptation" (1982) só se podía adquirir cando se publicou en formato single, ora de sete pulgadas, ora de doce.


No novo álbum de Arcade Fire, Reflektor (2013), máis electrónico cós anteriores, pódese notar unha influencia indirecta de New Order e concretamente de "Temptation" nos primeiros acordes de "Afterlife". 

mércores, 8 de xaneiro de 2014

All the Way

Como unha das bandas de referencia dos anos 80, New Order era un proxecto máis que consolidado cando publicaron o quinto disco Technique (1989), un traballo que a diferenza dos antecesores, afondaba nos sons dance que ían marcar a década seguinte, sen renunciar á personalidade que New Order se fora forzando dende as súas orixes. Deste modo, Technique converteuse no álbum máis exitoso na carreira de New Order, que aínda logrou rabuñar uns feixes de novos fans. "All the Way", o segundo corte dese disco, non foi elixido como single e nin sequera se pode dicir que sexa das mellores cancións, mais o seu son é un resume perfecto do son dos anos 80, alegre e sofisticada a un tempo.


Moitos sinalan o gran parecido que existe entre esta canción de New Order e a de The Cure "Friday I'm  in Love", sobre todo no son do baixo. Pertencente a Wish (1992), o noveno disco da banda de Robert Smith, "Friday I'm in Love" é das cancións máis luminosas da carreira de The Cure.

xoves, 23 de maio de 2013

Leaving on a Jet Plane

O folk viviu unha época dourada nos anos 60 grazas ás voces de cantautores coma Bob Dylan, Joan Baez, Simon & Garfunkel, The Byrds e tantos outros que modernizaron os sons tradicionais e populares para adaptalos ós novos tempos. Procedentes de Nova York, o trío composto por Peter Yarrow, Paul Stookey e Mary Travers tamén son todo un referente desa época. Un dos seus maiores éxitos é "Leaving on a Jet Plane", que aparece no disco Album 1700 (1967).


"Leaving on a Jet Plane" serviu de sample para algunhas cancións tecno. A máis famosa é a de New Order "Run 2" do álbum Technique (1989). John Denver, o autor de "Leaving on a Jet Plane", denunciou que a melodía da  guitarra estaba baseada no seu tema.


Tamén o grupo alemán Culture Beat empregou unha parte de "Leaving on a Jet Plane" no seu coñecido "Tell Me that You Wait", que aparece no seu primeiro disco Horizon (1991).

luns, 11 de febreiro de 2013

A Day in the Life

O talento creativo do tándem composto por John Lennon e Paul McCartney proporcionou á música algúns dos momentos máis memorables na historia do rock e ese talento culminou nesa obra mestra que é Sgt. Pepper's Lonely Hearts Club Band, un dos discos que os Beatles publicaron en 1967, que se pecha con "A Day in the Life", unha canción que sorprende pola orquestración que lle dá un aire sinfónico.


O produtor de Sgt. Pepper's Lonely Heats Club Band é George Martin, cuxo traballo sempre se asociou á sona dos catro grandes de Liverpool, pero Martin tamén produciu os discos de outros artistas, sobre todo trala separación dos Beatles. Unha desas bandas que traballou con George Martin é Cheap Trick, que en 1980 contaron con el para a produción do álbum All Shook Up e evidentemente, nótase a influencia dos Beatles. En "Stop This Game", o comezo resulta parecido ó de "A Day in the Life" por ese toque de orquestra sinfónica que marca as primeiras notas da canción.

http://youtu.be/as62Ad4EvkE

Do mesmo xeito, a parte final de "A Day in the Life" reprodúcese nas úlitmas notas da canción de New Order "Every Little Counts", do álbum Brotherhood (1986).

http://youtu.be/V2KZ2PWwQyQ

martes, 15 de xaneiro de 2013

Confusion

Habería que esperar ata 1986 para que New Order publicase un LP pero a traxectoria do grupo nacido das cinzas de Joy Division remóntase a 1981 cando empezou a sacar singles que haberían de acadar facilmente o éxito como "Blue Monday" en 1983, o mesmo ano en que tamén publicaron "Confusion", un dos temas máis recoñecibles de New Order tras aparecer remesturada na banda sonora de "Blade", en 1998. Esta é a versión orixinal de 1983.


Convertida en referencia para a música dance, a versión remesturada de "Confusion" inspirou algúns temas de electrónica progresiva que fixeron furor nas discotecas. Por exemplo, o dos produtores alemáns Warp Bros e Aquagen titulado "Phat Bass" e o de Public Domain "Operation Blade". Tamén destaca a do DJ  neerlandés Randy Katana "Play it Louder". Tres exemplos ideais para torturar os oídos; mañá volvemos ó rock.



luns, 30 de xullo de 2012

Transmission

Joy Division, a banda de Ian Curtis e xermolo de New Order, tivo unha traxectoria breve que acabou abruptamente co suicidio de Curtis, mais o legado que deixou na música é dos máis profundos, xa que numerosos grupos e artistas como Moby, Red Hot Chili Peppers, Editors e Interpol, entre moitos outros, recoñeceron nalgunha ocasión a influencia de Joy Division. "Transmission", single que lanzaron en 1979, é unha homenaxe o mundo da radio.


Catpeople, a banda viguesa afincada en Barcelona, é quizais a que máis reivindica o son de Joy Division na actualidade musical española e así o demostra no seu tema "Radio", que aparecía no seu debut Reel #1 (2006), que en certo modo, retoma os mesmos argumentos de Joy Division.

luns, 30 de abril de 2012

Blue Monday

As cancións que che traemos hoxe tratan todas do mesmo. Están dedicadas ó luns, o dia da semana que menos simpatías levanta. E tanto é así que serviu de inspiración a moitos artistas. O primeiro autor  en acordarse da tristeza que lle producía os luns foi Dave Bartholomew a comezos dos anos 50 e que Smiley Lewis gravou en 1954. Esa mesma canción, "Blue Monday",  popularizouna Fats Domino en 1956.


Na década seguinte, a canción sobre os luns por excelencia escribiuna John Phillips para The Mamas & the Papas para o disco If You Can Believe Your Eyes and Ears (1966).


En 1979 a banda de Bob Geldof Boomtown Rats, publicou "I Don't Like Mondays" do seu disco The Fine Art of Surfacing, unha historia baseada nun tráxico suceso que conmocionou á opinión pública. Unha nena cometeu un crime e cando lle preguntaron por que o fixo, respondeu que non lle gustaban os luns.


Na década de 1980 para que apareceron novas cancións sobre os luns que quedarían para a  historia. A primeira en 1983 de New Orde,r titulada tamén como "Blue Monday".


A última, de 1986, é de The Bangles, un grupo de pop-rock americano que no seu segundo disco Different Light  incluían  "Manic Monday". Escrita por Prince, foi un dos maiores éxitos da banda de Susanna Hoffs. 

martes, 6 de marzo de 2012

True Faith

New Order naceu das cinzas de Joy Divison. Trala morte de Ian Curtis, Bernard Sumner; Peter Hook e Stephen Morris, xunto con Gillian Gilbert formaron New Order, que na década dos 80 marcaron a música electrónica. En 1987 publicaron o seu primeiro recopilatorio Substance 1987 despois de catro discos. Unha das cancións máis famosas que contén ese recopilatorio é "True Faith".

  http://www.goear.com/listen/ec363b6/true-faith-new-order


"True Faith" é unha das cancións máis versionadas de New Order. A primeira versión corre a cargo de The Boo Radleys, banda inglesa de rock alternativo, que en 1992 a incluiron no álbum Learning to Walk bautizada como "Boo! Faith"

 http://youtu.be/M2V7q8zCt6s

A última versión que máis repercusión tivo foi a de George Michael que en 2011 gravouna converténdoa nunha balada moi do seu estilo. En calquera caso, para nós a favorita segue sendo a orixinal, a versión definitiva que só New Order pode igualar, como demostrou en 1994.

http://www.goear.com/listen/c25d61c/true-faith-george-michael