Sempre é difícil tras un suceso tráxico como o que puxo fin a Joy Division volver comezar. Non obstante, os membros que formaran parte da banda de Ian Curtis souberon sobrepoñerse e sobre as faíscas de Joy Division montaron unha nova banda coa que seguir transitando pola senda dos sons máis vangardistas que ofrecía a música da década de 1980. Coa incorporación da teclista Gillian Gilbert, Peter Hook, Stephen Morris e Bernard Sumner puñan en marcha New Order, que comezou editando singles meses antes de publicar o primeiro disco de longa duración, Movement (1981). Con todo, os singles eran independentes dos discos e non se incluíron neles ata anos máis tarde, ben como parte de recompilatorios de éxitos ou ben en reedicións e remasterizacións. Este particular costume de New Order mantívose durante os primeiros anos e así cancións tan fantásticas coma "Temptation" (1982) só se podía adquirir cando se publicou en formato single, ora de sete pulgadas, ora de doce.
No novo álbum de Arcade Fire, Reflektor (2013), máis electrónico cós anteriores, pódese notar unha influencia indirecta de New Order e concretamente de "Temptation" nos primeiros acordes de "Afterlife".
Ningún comentario:
Publicar un comentario