Por dar orixe á popularización do fútbol en todo o mundo, Inglaterra sempre viviu dunha maneira especial os grandes eventos coma Mundiais e Eurocopas nas que participa a súa selección, e non digamos nada se por riba se celebran alí. Se a iso se lle engade a paixón pola música pop e rock coa que os ingleses nos teñen acostumados desde hai tanto tempo, a combinación pode ser explosiva. En plena moda do britpop, Inglaterra organizou a Eurocopa do 96 e tal como correspondía a unha ocasión tan sinalada, os grupos ingleses fixeron cancións relacionadas co fútbol que puxeron a banda sonora ó acontecemento. Mais hai unha que sobresaíu entre todas e que resumía perfectamente o sentir do pobo inglés. "Three Lions", de Lightning Seeds, converteuse en todo un himno futbolístico. O verso "Football's Coming Home", o fútbol volve á casa, expresa como nada as sensacións daquel momento. Ian Broudie logrou crear unha canción que foi máis aló da Eurocopa do 96 para ser considerada unha das grandes cancións sobre fútbol recoñecida tanto por afeccionados ó balompé coma por afeccionados á música. "Three Lions" publicouse no álbum The Beautiful Game - The Official Album of Euro '96.
Co motivo da participación da selección inglesa no mundial de Francia 98, Lightning Seeds gravou unha nova versión acompañados dos presentadores de televisión David Baddiel e Frank Skinner con algunhas variantes na letra que non modifican a esencia da canción.
E como con "Three Lions" o éxito estaba asegurado, para a Eurocopa de 2000 disputaba en Bélxica e nos Países Baixos, Ian Broudie gravou unha nova versión xunto con Baddiel e Skinner outra vez e á que se sumaron Robbie Williams e o actor Russel Brand, baixo o nome de The Squad. A produción correu a cargo de Trevor Horn. Que todo sexa polo maior lucimento da selección inglesa!
Deixando de lado as versións de "Three Lions", tampouco nos vaiamos aburrir dunha excelente canción, The Campesinos! fixeron unha canción totalmente nova, e cando dicimos totalmente nova referímonos tanto á letra coma á música, co mesmo espíritu de "Three Lions". É dicir cunha mínima referencia á canción de Lightning Seeds, "Every Defeat a Divorce (Three Lions)", do álbum Hello Sadness (2011), recolle parte do seu espíritu.
Ningún comentario:
Publicar un comentario