Amosando publicacións coa etiqueta Alicia Keys. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Alicia Keys. Amosar todas as publicacións

xoves, 26 de marzo de 2015

Walk on By

Non cabe dúbida de que a parella de compositores formada por Burt Bacharach e Hal David é das máis prolíficas da historia da música, e ademais, boa parte desas composicións acadaron un éxito masivo en voces de distintos artistas, que logo eran versionadas por outros co mesmo resultado. En resume, pódese asegurar que gravar unha canción asinada por eles é practicamente unha garantía de éxito, sempre que elementos tan importantes como a produción e a interpretación estean minimamente coidados. Un exemplo típico é "Walk on By", unha das que ten máis versións, xa que desde que Dionne Warwick a editase no álbum Make Way for Dionne Warwick (1964) non se deixaron de facer novas versións. Imos ver unhas poucas, empezando pola de Dionne Warwick.


Un dos grandes mestres do soul dos sesenta como Isaac Hayes non ía deixar escapar a ocasión de gravala ó seu xeito. A súa sensacional versión, de máis de dez minutos de duración,  publicouse no álbum Hot Buttered Soul (1969).


Pero non tódalas versións se circunscriben ó ámbito soul. Unha das máis rompedoras, en clave punk rock, é a de The Stranglers no álbum Black and White (1978).


Máis clásica pode considerarse a versión de Gabrielle no seu álbum epónimo publicado en 1996.


E para rematar, a canción de Alicia Keys "If I Were Your Woman/Walk on By", que como indica no título, é un medley composto coa canción composta por Burt Bacharad e Hal David e outra que cantaron Gladys Knight & The Pips. Pertence ó segundo álbum de Alicia Keys The Diary of Alicia Keys (2003).

https://youtu.be/hKcpZ1_GB8A

luns, 18 de marzo de 2013

Doesn't Mean Anything

Do mesmo xeito que o seu terceiro traballo, Alicia Keys presentou o cuarto The Element of Freedom (2009) cun single que se caracterizaba polo son da batería e do piano. Se en 2007 foi "No One" o adianto de As I Am, dous anos despois "Doesn't Mean Anything" repetía unha fórmula semellante que lle garantía o éxito á cantante neoiorquina. Confirmábase así que o talento de Alicia Keys era xa dos máis prestixiosos en Estados Unidos e aquela moza que marabillara tanto ó público como á crítica co seu debut en 2001 non quedara só nunha promesa. E é que Alicia, ademais de cantar estupendamente, é unha reputada compositora e música.


Un ano despois da publicación do terceiro álbum de Alicia Keys, debutaba no panorama musical Peter Hernández, baixo o nome artístico de Bruno Mars co álbum Doo-Woops & Hoolingans (2010) e non deixou indiferente a ninguén. Os seus movementos no escenario lembraban moito ós do desaparecido Michael Jackson e moitos non dubidaron en sinalalo como o herdeiro do rei do pop, que había só un ano que falecera. Por se fose pouco, o primeiro single "Just the Way You Are" ten un son parecido ó da canción de Alicia Keys, e con estas boas referenciaso facíase inevitable non estar atento a este mozo disposto a revolucionar o pop.

mércores, 23 de maio de 2012

Love on a Two-Way Street

Sylvia Robinson e Bert Keyes compuxeron en 1968 unha das baladas soul máis recoñecidas de todos os tempos "Love on a Two-Way Street". Sylvia era co-propietaria da discográfica All Platinum e ofreceulle esta canción a unha das súass artistas, Lezli Valentine, que foi a primeira en gravala.


Pero a fama viría coa versión que fixeron The Moments, tamén coñecidos comoRay, Goodman & Brown, un grupo de R&B que a publicou en 1970 no seu disco Not on the Outside, But on the Inside, Strong!


Outras dúas versións destacadas son a de Stacy Lattisaw en 1981 e a de Gloria Estefan en 1994, mais imos quedar con algunhas cancións que a empregaron como sample. A primeira delas é a do canadense Caribou no seu tema "Subotnik" do álbum The Milk of Human Kindness (2005).


No entanto, a canción que máis repercusión tivo nos últimos anos é a do rapeiro Jay-Z que, en colaboración con Alicia Keys, creou "Empire State of Mind", toda unha homenaxe á cidade de Nova York, no álbum The Blueprint 3 (2009).

venres, 30 de decembro de 2011

It's a Man's Man's World

James Brown é un dos referentes da música soul e o R&B, ademais de estar considerado o creador do funk. Non deixaba indiferente a ninguén nos seus concertos, cargados dun ritmo electrizante. Cancións  como "I Got You (I Feel Good)" e "Get Up (I Feel Like Being a) Sex Machine" serán recordadas sempre, sobre todo porque foron popularizadas tanto no cine coma na televisión. Pero hoxe imos a ocuparnos doutro dos seus clásicos: "It's a Man's Man's World", incluído no álbum homónimo publicado en 1966. Escrita polo propio James Brown e Betty Jean Newsome, baséase nas observacións de Betty sobre as relacións entre sexos. O título é unha parodia dunha comedia de 1963 titulada "It's a Mad  Mad Mad Mad World".


As versións que se fixeron desta canción son innumerables. Artistas como Tom Jones, Seal, Joss Stone, Cher, Van Morrison e Etta James entre outros moitos artistas gravárona nalgún dos seus discos (En Espña destaca a adaptación que fixeron Los Tamara), e mesmo serviu como sampling de cancións de Alica Keys e Macy Gray. Non obstante, ímosche presentar a canción de Neneh Cherry "Woman", incluída no seu álbum de 1996 Man, que constitúe unha réplica á canción de Brown, tomando á súa base. A irmá de Eagle Eye Cherry e Titiyo gañara popularidade dous anos antes tras colaborar co músico senegalés Youssou N'Dour na canción "Seven Seconds", de contido antirracista, malia a que Neneh Cherry comezara a súa carreira profesional a comezos dos anos 80.

 http://youtu.be/z0W212af1uk

"It's a Man's Man's World" tamén serviu de base para o primeiro gran éxito de Alicia Keys "Fallin'", do seu debut Songs in A Minor, de 2001.

http://www.goear.com/listen/c7076f6/fallin-alicia-keys