Amosando publicacións coa etiqueta Styx. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Styx. Amosar todas as publicacións

luns, 30 de novembro de 2015

Minstrel in the Gallery

O folk e o rock progresivo uníronse maxistralmente na música das principais bandas de rock dos setenta. Unha delas, Jethro Tull, conxugou á perfección o estilo tradicional cos sons modernos que se estaban desenvolvendo no rock. A extensa discografía da banda británica culminouse co espectacular Aqualung (1971), o seu cuarto álbum, toda unha obra mestra que tería continuidade cos sucesivos discos. Catro anos despois, Ian Anderson e os seus compañeiros editaban Minstrel in the Gallery (1975), o oitavo álbum xa na andaina da banda, cuxa canción que lle dá título tamén foi o primeiro single.


O riff de "Minstrel in the Gallery" inspirou a James Young para crear a canción de Styx "Miss America", pertencente ó ´álbum The Grand Illusion (1977).

venres, 9 de outubro de 2015

Babe, I'm Gonna Leave You

Escrita pola cantautora Anne Bredon e gravada por primeira vez por Joan Baez no álbum Joan Baez in Concert, Part. 1 (1962), "Babe, I'm Gonna Leave You" era un tema folk máis, con pinta de acabar formando parte do repertorio de calquera cantautor que se decantase por incluír versións nos seus discos. Por tanto, era unha canción habitual das bandas folk e seguramente unha das favoritas de Robert Plant. Malia que non está moi claro, non sería de estrañar que Plant, gran admirador de Joan Baez, lle propuxese a Jimmy Page, outro fan da cantautora estadounidense, facer unha versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", mentres preparaban o primeiro disco de Led Zeppelin, a nova banda que Page acababa de pór en marcha, e que debutou con Led Zeppelin (1969), cuxo corte 2 era a versión de "Babe, I'm Gonna Leave You".


Sería precisamente a versión de Led Zeppelin, que apareceu no álbum epónimo da banda de Jimmy Page en 1969 a que marcou as pautas do desenvolvemento do rock progresivo, co que poderiamos dicir que se inauguraba unha nova fase na evolución do rock. Ó transformala nunha canción máis achegada ós sons electrificados, "Babe, I'm Gonna Leave You" convertiuse nunha das cancións que mellor definen o estilo de Led Zeppelin.


A mesma escala harmónica que Led Zeppelin reproduciu nas súas cancións seguírona logo outros grupos coma a Electric Light Orchestra nos seus primeiros traballos e Jethro Tull, ó igual que outras bandas que fixeron do rock progresivo a súa razón de ser. Fíxemonos senón, na canción de Chicago "25 or 6 to 4" que se inclúe no álbum Chicago (1970) e cómo a influencia de Led Zeppelin, e concretamente da versión de "Babe, I'm Gonna Leave You", é máis que palpable.


O mesmo se pode aplicar a "Suite Madame Blue", tema de Styx pertencente a Equinox (1975) totalmente ledzepeliano que parece fluctuar entre "Babe, I'm Gonna Leave You" e o magnífico "Starway to Heaven".


A Steve Miller Band non quedou atrás e en Book of Dreams (1977) amosaba a canción "Winter Time", parente sen dúbida das cancións anteriores coas que garda tódalas similitudes propias do xénero.


xoves, 20 de agosto de 2015

The Best of Times

Hai uns días comentabamos, a próposito do álbum de Pink Floyd More(1969), como ás veces as bandas recorren a un mesmo riff ou unha mesma liña melódica en máis dunha canción dentro dun só disco. Nese senso, Styx amósanos o exemplo máis claro, pois no décimo álbum da banda de Chicago, Paradise Theatre (1981), aproveitan trazos da mesma melodía en tres cancións das once que o compoñen e as tres levan a sinatura de Dennis DeYoung. Quizais a máis coñecida das tres sexa o corte 5, "The Best of Times", que foi o tema escollido como single de presentación deste álbum conceptual.


Pero a canción que abre o disco, "A.D. 1928", é unha peza de algo máis dun minuto, que xa anticipa a melodía de "The Best of Times" e que normalmente se presenta como introdución ó corte 2, "Rockin' the Paradise", como se xa formase parte desa canción.


Non obstante, as sorpresas non rematan aí ó escoitar Paradise Theatre. No corte 5 da cara B do álbum, "A.D. 1958", vólvese optar de novo pola mesma liña melódica das cancións anteriores, o que fai dela o son representativo do álbum, incidindo no seu carácter puramente conceptual.

mércores, 13 de abril de 2011

Fanfare for the Common Man

Aaron Copland é, posiblemente xunto con George Gershwin, o compositor norteamericano do século XX que máis influíu na música rock. Proba disto é a Fanfarra para o Home Común, unha peza que Copland compuxo en 1942 para a Orquesta Sinfónica de Cincinnati por encargo do seu director Eugene Goossens. A fanfarra está inspirada nun discurso político do vicepresidente dos Estados Unidos Henry Wallace, que defendía a importancia do home corrente fronte a ola de euforía que se desatou nalgúns medios de comunicación polo papel hexemónico que ían exercer os Estados Unidos no mundo trala Segunda Guerra Mundial.


 A primeira banda que se animou a incorporar esta peza ó seu repertorio rock foi Styx en 1972 no seu álbum homónimo que incluía unha interpretación libre da fanfarra á que denominaron "Movement For The Common Man".

http://youtu.be/DLUdv8QyROc


Os seguintes que se atreveron coa fanfarra foron Emerson, Lake & Palmer, no seu traballo (nunca mellor dito) de 1977 Works, Vol1. cunha excelente interpretación.

 http://www.goear.com/listen/bf0a660/fanfare-for-the-common-man-emerson-lake-and-palmer

A peza de Aaron Copland ten moito éxito nos concertos, xa que moitos artistas teñen abeto o espectáculo das súas xiras coa Fanfarra, como os Rolling Stones, na xira de presentación do álbum Black and Blue (1976); Asia, que tiña como membro destacado a Carl Palmer, integrante anteriormente de Emerson, Lake & Palmer; e tamén Bob Dylan.

Quen mellor entendeu a combinación da fanfarra cos grandes espectáculos en estadios foi a banda de Freddie Mercury, Queen. Brian May empregou as bases da fanfarra para compoñer o tema mítico "We Will Rock You", que aparecería no álbum de 1978 News of the World, e que se convertería nunha canción imprescindible en calquera estadio.

 http://www.goear.com/listen/62ae33a/we-will-rock-you-queen