xoves, 20 de agosto de 2015

The Best of Times

Hai uns días comentabamos, a próposito do álbum de Pink Floyd More(1969), como ás veces as bandas recorren a un mesmo riff ou unha mesma liña melódica en máis dunha canción dentro dun só disco. Nese senso, Styx amósanos o exemplo máis claro, pois no décimo álbum da banda de Chicago, Paradise Theatre (1981), aproveitan trazos da mesma melodía en tres cancións das once que o compoñen e as tres levan a sinatura de Dennis DeYoung. Quizais a máis coñecida das tres sexa o corte 5, "The Best of Times", que foi o tema escollido como single de presentación deste álbum conceptual.


Pero a canción que abre o disco, "A.D. 1928", é unha peza de algo máis dun minuto, que xa anticipa a melodía de "The Best of Times" e que normalmente se presenta como introdución ó corte 2, "Rockin' the Paradise", como se xa formase parte desa canción.


Non obstante, as sorpresas non rematan aí ó escoitar Paradise Theatre. No corte 5 da cara B do álbum, "A.D. 1958", vólvese optar de novo pola mesma liña melódica das cancións anteriores, o que fai dela o son representativo do álbum, incidindo no seu carácter puramente conceptual.

Ningún comentario:

Publicar un comentario