Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que falan do marabilloso período de vacacións e comezamos cunha dos temas pop máis coñecidos dos anos oitenta, o "Holiday" de Madonna, pertencente ó álbum epónimo co que debutaba a ambición roxa en 1983, e terceiro single que se extraeu tras "Everybody" e "Burning Up".
Outro "Holiday", pero en clave "madchester" é o de Happy Mondays no seu terceiro álbum Pills 'n' Thrills and Bellyaches (1990), álbum onde se incluía tamén unha das cancións máis famosas do grupo, "Kinky Afro".
No debut de Weezer, o coñecido coma The Blue Album (1994), tamén se inclúe unha canción co título "Holiday", unha estupenda peza de rock alternativo asinada por Rivers Cuomo.
Máis coñecida que as dúas últimas cancións é o "Holiday" de Green Day, terceiro single de American Idiot (2004), co que a banda de Billie Joe Armstrong se adentraba polo carreiro do compromiso social.
Os australianos Jet ofrecíannos tamén a súa visión das vacacións en "Holiday", tema pertencente a Shine On (2006).
E para rematar esta entrega por hoxe, quedamos co "Holiday" de Vampire Weekend, terceiro single de Contra (2010), segundo álbum da banda de Ezra Koenig.
Ningún comentario:
Publicar un comentario