Amosando publicacións coa etiqueta Neil Young. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Neil Young. Amosar todas as publicacións

mércores, 28 de outubro de 2015

He's a Bad Boy

Malia que tardou case dez anos en ver publicado o seu primeiro álbum en solitario, Carole King era unha reputada cantautora cuxos singles que ía editando espertaba o interese no colectivo de compositores e, sobre todo no dos outros cantantes que adoitaban gravar as súas letras. Como moitos outros na mesma situación ca ela, as cancións que escribía adoitaban triunfar noutras voces, de aí a tardanza en ver a súa obra nun elepé, que non se produciría ata 1970. Para entón, os numerosos singles que sacara os anos anteriores quedaron espallados na discografía de King, e aínda hoxe non se deron recuperado nun compilatorio completo cos primeiros anos da cantautora, pese que ninguén se esqueceu deles. Un deles é "He's a Bad Boy", de 1964.


Proba de que a obra inicial de Carole King segue presente para a crítica, alomenos cando a súa carreira estaba nunha etapa de apoxeo, é que a canción de Neil Young "Pocahontas", pertencente a Rust Never Sleeps (1979), ten un son semellante a "He's Bad Boy" e moitos críticos en seguida se decataron dese detalle sinalándoo.

luns, 2 de febreiro de 2015

Down by the River

Os discos que Neil Young publicou con The Crazy Horse son dos máis importantes na carreira do músico canadense tralo seu paso por Buffalo Springfield. Con Everybody Knows This Is Nowhere (1969), Young rodeouse dos componentes de Crazy Horse, e con esta banda habería de editar uns cantos álbums cos que se convetería nunha das figuras emblemáticas do rock. Nese álbum atopamos cancións coma "Cowgirl in the Sand", "Cinnamon Girl" e "Down by the River", que xustifican por si soas un dos traballos discográficos fundamentais de finais dos anos sesenta. Despois de escoitar no seu momento "Cinnamon Girl", hoxe dedicámoslle unha entrada a "Down by the River", que foi a encargada de presentar o disco. A duración deste single é de tres minutos, pero no álbum ronda os nove minutos, sen que en ningún intre dea a impresión de que sobren minutos.


 "Any Colour You Like", pertencente a The Dark Side of the Moon (1973) ten un son que parece tomado directamente da canción de Neil Young.

martes, 11 de novembro de 2014

(I Can't Get No) Satisfaction

Segundo as estatísticas, a meirande parte dos fans e da crítica especializada coincide en que "(I Can't Get No) Satisfaction" é a mellor canción de The Rolling Stones, unha conclusión comprensible, pero tamén difícil dado a cantidade de temas fabulosos que Mick Jagger e Keith Richards teñen composto desde que puxeron en funcionamento a banda. O que xa non todo o mundo sabe é que cando os Stones a incluíron na edición americana de Out of Our Heads (1965), para os seus creadores era un tema menor, máis de recheo que outra cousa, por moi polémica que puidese ser a letra. En definitiva, nin de lonxe poderían imaxinar que sería a canción por excelencia da extensa discografía dos Rolling Stones. Pénsese por un intre que nin sequera consideraron necesaria que aparecese na edición británica. Pero esa percepción negativa de "(I Can't Get No) Satisfaction" ía cambiar moi pronto.


Pouco despois da publicación en Estados Unidos da canción dos Stones, Otis Redding entraba nos estudios da Stax en Memphis para preparar o seu terceiro disco Otis Blue, que se publicaría en setembro de 1965. No novo álbum, Redding versionaba cancións doutros artistas de soul coma o seu admirado Sam Cook, Salomon Burke e Smokey Robinson, ademais de incluír cancións propias. Pero tamén hai versións dun temas blues de B.B. King, e máis sorprendente aínda, a versión en clave soul de "Satisfaction", duns Stones que trala invasión británica do ano anterior, aínda estaban empezando a ser coñecidos por aquelas terras. Pois ben, cando escoitaron a versión de Redding, Mick Jagger e compañía xa miraron con outros ollos a "(I Can't Get No) Satisfaction".

http://youtu.be/CpmZWUPrCgo

O caso é que non só a Otis Redding a canción dos Stones non lle parecía mala. A influencia de "(I Can't Get No) Satisfaction" pode rastrexarse mesmo na de Buffalo Springfield "Mr. Soul", que abría o segundo álbum da banda de Neil Young, Buffalo Springfield Again (1967).

http://youtu.be/HSqJf6JbpPA

É certo que das versións posteriores que se fixeron desta canción dos Rolling Stones, ningunha é tan espectacular coma a de Otis Redding, pero non pasa desapercibida a de Devo, imprimíndolle un toque new wave que situaban a "Satisfaction" como unha canción acorde no son de finais dos setenta. Aparece no álbum de debut de Devo Q: Are We Not Men? We Are Devo! (1978).

mércores, 22 de outubro de 2014

The Needle and the Damage Done

Tras un primeiro álbum en 1968 sen maior transcendencia, Neil Young volveu á carga con Everybody Knows This Is Nowhere (1969), acompañado esta vez da súa banda Crazy Horse, que habería estar presente nos créditos dalgúns discos de Young. Ó partir de aí, o nome de Neil Young perpetuaríase como un dos grandes do rock, non digamos cos seguintes traballos como After the Gold Rush (1970) e Harvest (1972), onde asina algunhas das cancións máis importantes do seu repertorio. Nese último, mesmo Young conta coa colaboración de Crosby, Stills e Nash cos que formara un dos supergrupos da época, ademais de ter de invitados a Linda Ronstadt e a James Taylor. "The Needle and the Damage Done", a única canción gravada en concerto, é un alegato contra a heroína que levaba por diante as carreiras dos músicos.

http://youtu.be/fi2XCsPKlY8

Baseada en "The Needle and the Damage Done", The Sisters of Mercy debutaban coa canción "The Damage Done" en 1980.

http://youtu.be/vilhLEgYtGE

martes, 22 de abril de 2014

Oh My Darling, Clementine

As orixes que empregou o autor de "Oh My Darling, Cleementine" para crear esta balada, unha das máis populares dos Estados Unidos, proceden de diversas fontes segundo os estudosos que lle dedicaron atención nas súas investigacións. En principio, baseada no poema de 1863 de H. S. Thompson, "Down by the River Liv'd a Maiden", seica a melodía coincide coa do vello romance castelán "Romance del conde Niño" que cantaban os  mexicanos que traballaban nas minas durante a Febre do Ouro. Cun estilo folk que remite ós tempos dos pioneiros e ó Far West, "Oh My Darling, Clementine" aparece en moitas películas, especialmente na de John Ford My Darling Clementine e gravouse en non poucas ocasións. Velaquí algunhas que apareceron a finais dos anos 50. A primeira, de Jan and Dean, co título "Clementine", editouse en 1959.


Tamén dese ano é a versión de Tom Lehrer que apareceu no álbum en directo An Evening Wasted with Tom Lehrer.


A golpe de swing, Bobby Darin ofrece na versión de 1960 unha "Clementine" cun son máis clásico que fixo as delicias dos seguidores deste músico e actor.


Pero aparte das versións, os brasileiros So Prá Contrariar baseáronse na melodía para compór "Santo Santo", que se atopa no álbum epónimo de 1999. Nesa canción conta  coa participación de Gloria Estefan, e ademais logo gravaron unha versión en castelán que se incluíu no disco Juegos de Amor co que a banda de Alexandre Pires aterraba no mundo hispanofalante.


A última versión que se fixo de "Oh My Darling, Clementine" é a do gran Neil Young  xunto a súa banda Crazy Horse no álbum Americana (2012) onde o músico canadense repasaba algunha das mellores cancións tradicionais americanas e no que non podía faltar "Clementine".


venres, 28 de febreiro de 2014

Hey Hey, My My

Non son moi numerosas as cancións que logran impactar de distintas formas en xeracións diferentes. "Hey Hey, My My" é unha das que pode presumir de acadar unha forma de éxito semellante, e iso que a discografía de Neil Young está chea de cancións das que non é doado pasar por alto. "Hey Hey, My My" aparece no álbum Rust Never Sleeps (1979) dúas veces; a primeira versión, coa que se abre o disco, é acústica, mentres que a versión que pecha Rust Never Sleeps é totalmente eléctrica, cun son potente das guitarras. Para diferencialas, a primeira leva o subtítulo de "Out of the Blue" e a segunda coñécese como "Into the Black" e ámbalas dúas resumen a esencia dun álbum metade acústico, metade eléctrico. Hai que ter en conta que a a elaboración de Rust Never Sleeps supuxo para Neil Young todo un reto, xa que a nova xeración de músicos empezaba a considerar ó rockeiro canadense unha reliquia e con cancións como "Hey Hey, My My", Neil Young rebatou de forma contundente semellante ocorrencia. De feito, "Hey Hey, My My" ten o mérito de influír tanto en grupos do britpop coma nas principais bandas de grunge, como ben recoñeceu Kurt Cobain citándoa na súa nota de suicidio.

http://youtu.be/t4Y1wDdMYH4

E tras escoitar a versión acústica, agora é a quenda de "Hey Hey, My My (Into the Black)".

http://youtu.be/GQhEvfeJocM

Hai unha canción onde o rastro de "Hey Hey, My My (Out of the Blue)", é dicir, a versión acústica, percíbese dende os primeiros acordes. Trátase de "The One I Love", unha das cancións estrela do álbum Document que R.E.M. publicou en 1987, e tal como recoñeceu  Peter Buck, está inspirada na de Neil Young.

http://youtu.be/j7oQEPfe-O8

mércores, 27 de novembro de 2013

The Sultan

Neil Young sempre foi un músico con moitas inquietudes desde moi novo. Nos albores da súa carreira , coma calquera mozo que comeza, experimentou con tódolos estilos musicais na procura daquel que mellor lle acaese. Nesa búsqueda incesante que comezara tan cedo, Neil Young formou a banda The Squires xunto con Ken Koblun cando nin sequera fixera vinte anos, e aínda así, xa era o segundo grupo que o canadense formaba. The Squires tivo unha existencia máis ben breve e só deixou rastro cun single cuxa cara A é "The Sultan", cun son que parece sacado dunha película do Oeste e no que o mociño Young xa apuntaba maneiras de xenio.


Serían outros canadenses os que recuperarían solapadamente parte da melodía do único éxito de The Squires. Os fantásticos Arcade Fire homenaxean con esta lembranza a famosa cadeliña Laïka no álbum de debut Funeral (2004). A canción, por suposto, é "Neighborhood 2 (Laïka)".

martes, 17 de setembro de 2013

Cortez the Killer

O devir da historia da humanidade, con acontecementos que supuxeron un pulo para o  avance da civilización coa paradoxa de que unha gran maioría foron actos atroces agochan un atractivo que lles serviu a escritores e compositores de inspiración para as súas obras. A conquista de Hernán Cortés no México sometendo ó imperio azteca cunha crueldade que estremece é o tema central da canción que Neil Young gravou no seu disco Zuma (1975) e que titulou "Cortez the Killer", remarcando o carácter sanguinario do personaxe co apodo de asasino.


A carreira dos Beatles e de Neil Young, entre outros, marcou especialmente o son da banda baionesa Niño y Pistola e iso reflíctese moi ben no tema "We've Had Enough", que pecha o último traballo discográfico que publicaron: There's a Man With a Gun Over There (2013). Concretamente os acordes de "Cortez the Killer" parecen filtrarse limpamente nesta canción, a mellor que recorda ó xenial Neil oung.






venres, 16 de agosto de 2013

Rhiannon

Con moita frecuencia, a literatura ten un poder inmenso para inspirar cancións. Son milleiros ás letras baseadas nalgunha historia escrita previamente, que cobran unha forma nova como cancións contemporáneas. Un exemplo é "Rhiannon", do álbum epónimo de Fleetwood Mac. Stevie Nicks escribiuna tras ler unha novela de Mary Leader, titulada "Triad", que á vez se basea nalgunhas lendas medievais galesas. Foi un momento importante, xa que había pouco tempo que Nicks se acababa de unir a Fleetwood Mac e o grupo estaba en pleno proceso de refundación e esta foi unha das primeiras contribucións que Stevie Nicks lle fixo ó proxecto.


A historia mitolóxica de Rhiannon engaiolou de tal xeito a Steve Nicks que uns anos despois volveu escribir sobre ela noutra canción de Fleetwood Mac. Foi no emblemático disco Tusk (1980) e chámase "Angel", curiosamente un título que Fleetwood Mac xa tiña no seu repertorio anterior á chegada de Steve Nicks.


Pero volvendo a "Rhiannon" e mais en concreto ó seu son, veremos que se reproduce tamén na canción de Hole "Starbelly", do álbum Pretty on the Inside (1991). Pódese dicir que en realidade é un fragmento de "Rhiannon" conservando á voz de Stevie Nicks ó que Courtney Love e as súas colegas só se limitaron a engadirlle unhas cantas guitarras eléctricas, algo que non só reducen á canción de Fleetwood Mac, xa que tamén o combinan co riff de guitarra de "Cinnamon Girl", o tema de Neil Young pertencente a Everybody Knows This Is Nowhere (1969).

venres, 2 de agosto de 2013

Dance Dance Dance

Crazy Horse foi un dos proxectos que a Neil Young máis lle chamou a atención e que deixaron maior pegada no artista. A combinación de rock e country atopou un lugar destacado desde o momento en que Crazy Horse publicou o seu debut, un disco que levaba o nome da banda en 1971. Precisamente, unha das cancións máis coñecidas dese disco é unha canción asinada por Young "Dance Dance Dance".


A mesma melodía de "Dance Dance Dance" aproveitouna Neil Young para crear un novo tema, aínda que carente do ritmo vibratorio que se aprecia na canción gravada por Crazy Horse. A nova composición titúlase "Love is a Rose" e apareceu no disco en solitario de Young Homegrown que viu a luz en 1975.


"Love is a Rose" conta cunha fermosa versión de Linda Ronstadt, que a artista de Arizona incluíu no disco Prisoner in Disguise en 1975, poucos meses despois da publicación do disco de Neil Young.

venres, 21 de decembro de 2012

Lady Jane

As composicións de Mick Jagger e Keith Richards son a esencia que conforman o estilo dos Rolling Stones, a banda máis lonxeva que aínda se mantén en activo. Co gallo da celebración dos seus cincuenta anos nos escenarios, os Stones volven sorprendernos cunha nova xira e novas cancións, aínda que nos imos quedar hoxe cun dos temas do álbum Aftermath (1966), o cuarto traballo dos ingleses. "Lady Jane" é unha balada que os Stones non interpretaban en directo dende o falecemento de Brian Jones en 1969 e que recuperaron recentemente para a última xira.

http://www.goear.com/listen/e239e1d/lady-jane-rolling-stones

Neil Young empregou a mesma melodía de "Lady Jane" no seu tema "Borrowed Tune", que se incluíu en Tonight's the Night (1975).

http://www.goear.com/listen/52875e7/borrowed-tune-neil-young

xoves, 9 de agosto de 2012

For What It's Worth

Unha das cancións históricas que nos legou a psicodelia dos anos 60 é "For What It's Worth" dos californianos Buffalo Springfield, que en 1966 debutaron cun disco homónimo que incluía esta canción que os perpetuaría na música, malia que a traxectoria do grupo foi bastante breve; dous anos despois e tras tres discos, os seus integrantes puñan o punto final a Buffalo Springfield. No entanto, algúns dos seus membros como Neil Young e Stephen Stills tiveron aínda unha gloriosa carreira por diante, primeiro uníndose a David Crosby e Graham Young no proxecto Crosby, Stills, Nash & Young e logo en solitario.

http://www.goear.com/listen/9af2ffa/for-what-its-worth-buffalo-springfield

En 1993, Chumbawamba incorporou o retrouso de "For What It's Worth" ó seu bailable "Timebomb", que se inclúe no disco Anarchy.

http://youtu.be/foF5j4jMTI8

A presenza de "For What It's Worth", co seu marcado ritmo "sampleable", atópase de xeito particular no mundo do cine, como na banda sonora de Forrest Gump e Lord of War, entre outras. Tamén algunhas cancións baseadas nela como a que Nathan Morris, componente de Boyz II Men, gravou en 1996 para a película Kazaam, protagonizada pola estrela da NBA Shaquille O'Neal, e que titulou "Wishes".

http://youtu.be/vVzLtxpmaxM

venres, 13 de xaneiro de 2012

Sweet Home Alabama

Neil Young compuxo a comezos dos setenta dúas cancións "Southern Man" e "Alabama" onde non deixa moi ben parada a sociedade sureña dos Estados Unidos tachándoa pouco menos de racista. A primeira delas apareceu no álbum After The Gold Rush, de 1970 cando Young formaba parte do supergrupo Crosby, Still, Nash & Young; e a segunda  está recollida no álbum Harvest, de 1973, cando xa Neil Young retomara a súa carreira en solitario. Quedamos agora con esta última.


Ronnie Van Zant, natural de Florida, líder da banda Lynyrd Skynyrd e admirador acérrimo de Young sentíase doído da actitude que o seu ídolo mostraba nas súas cancións cara os estados sureños e desa xenreira naceu o que sería o éxito máis importante da súa banda "Sweet Home Alabama" como réplica ás letras de Young. A canción recóllese no álbum de 1974 Second Helping, e tivo unha enorme repercusión no cine, na televisión e na publicidade. Empregouse como banda sonora orixinal dunha película co mesmo título, aparece nun capitulo dos Simpson e é un dos temas máis versionados.

 http://www.goear.com/listen/1bd90f8/sweet-home-alabama-lynyrd-skynyrd

Baseada nesta historia entre Ronnie Van Zant e Neil Young, o grupo de country alternativo e rock sureño procedente de Athens, e con membros de Alabama Drive-By Truckers recollían no seu dobre álbum conceptual de 2001 Southern Rock Opera o tema "Ronnie and Neil". Hai que indicar que o álbum xira precisamente en torno a historia de Lynyrd Skynyrd.

 http://youtu.be/wrG5_2-OH8c

En 2007, Kid Rock facíalle a súa particular homenaxe a "Sweet Home Alabama" na canción "All Summer Long", do seu álbum Rock N Roll Jesus, cos acordes máis emblemáticos da canción de Lynyrd Skynyrd.

 http://youtu.be/uwIGZLjugKA

Pero agora imos quedar coa versión española de "Sweet Home Alabama" , que correu a cargo do grupo vigués Siniestro Total e que se realizou tan só dez anos despois da publicación do álbum de Lynyrd Skynyrd. Está no álbum de 1984 Menos Mal que nos Queda Portugal e leva o título en galego "Miña Terra Galega". Naturalmente, a letra de Julián Hernández non fala de Alabama senón de Galicia e, se no estado sureño "os ceos son azuis", en Galicia "o ceo é sempre gris". A canción recolle tódolos tópicos que se lle atribuén a Galicia comezando coa emigración e a morriña; a voz narradora é a dun emigrante nunha illa do Caribe que acha de menos a súa terra; para despois ir enumerando toda unha sucesión de imaxes típicas galegas, sen renunciar á retranca, tamén moi característica destes lares.

 http://youtu.be/pg5dLHef2oc