Amosando publicacións coa etiqueta Arcade Fire. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Arcade Fire. Amosar todas as publicacións

mércores, 6 de abril de 2016

Saturday Girl

Simple Minds editou en 1989 o seu oitavo álbum Street Fighting Years, cuxo segundo single, "This Is Your Land" contén na súa cara B a canción "Saturday Girl", que non aparece no disco, polo que a converte nunha canción menor dentro da discografía dos escoceses. En certa medida, enténdese a decisión de descartar "Saturday Night" para ese álbum que finalmente se compuxo dunha decena de cancións nas que se incluían algúns dos mellores temas de Simple Minds como "Kick It In" e "Belfast Child", así como as cancións dedicadas a Nelson Mandela que pechaban o disco, "Mandela Day" e a versión da canción de Peter Gabriel "Biko". Con todo, "Saturday Girl" non é un mal tema e podería formar parte de calquera outro traballo de Simple Minds sen socavar a calidade final. Afortunadamente, non o descartaron de todo e pódese desfrutar na cara B de "This Is Your Land", a outra gran canción de Street Fighting Years.

http://www.simpleminds.org.uk/89jamesmickcharlescold1989.jpghttps://youtu.be/55EnPUojOUc

Moi semellante no comezo a "Saturday Girl", aínda que logo non ten nada que ver coa canción de Simple Minds é o tema de Arcade Fire "Intevention", do álbum Neon Bible (2006). Fascinante o videoclip con imaxes da película de Sergei Eisenstein que aquí se traduciu como "O acorazado Potemkin".

http://img2-ak.lst.fm/i/u/arO/47fba94810cd4876a5e4635cf127dfc4https://youtu.be/ZO7ZWfvCjBE 

venres, 17 de outubro de 2014

Joan of Arc

Hai personaxes históricos que teñen un atractivo especial para o mundo da música, onde os compositores non dubidan en musicalizar a súa historia. Un dos favoritos é Xoana de Arco, (Jeanne d'Arc, en francés), a heroína francesa que acabou na fogueira acusada de herexía no século XV e inspirou algunhas cancións pop-rock ó longo das últimas décadas que cómpre ter presente. Leonard Cohen foi o primeiro en fixarse na tráxica historia da doncela de Orleáns para compór "Joan of Arc", tema pertencente a Songs of Love and Hate (1971). Na canción, Xoana fala co lume e contálle que está cansada da guerra, no que constitúe un punto de vista propio dun poeta coma Cohen.


Pero se houbo un grupo que tivo especial debilidade por Xoana de Arco foi OMD, que lle dedicou dúas cancións no álbum Architecture & Morality (1981). Orchestral Manoeuvres in the Dark incluíu no terceiro disco os temas "Joan of Arc" e "Maid of Orleans" sobre a figura da mística francesa. O tratamento de ámbalos dous é totalmente distinto e non digamos xa en comparación co de Cohen, que só teñen en común que falan do mesmo personaxe. A "Joan of Arc" de OMD ten o son propio da New Wave, mentres que "Maid of Orleans", unha das cancións con máis sona de OMD, caracterízase por unha especie de solemnidade que non ten a outra, moito máis informal.


http://youtu.be/9CGiL0Mp6Ns

A banda de heavy metal rioxana Tierra Santa incluíu unha canción sobre este personaxe no álbum Sangre de reyes (2001) chamda "Juana de Arco".

https://youtu.be/cHfMOiB4ifM

Os últimos que lle dedicaron unha canción á doncela de Orleáns foron os rapaces de Arcade Fire. "Joan of Arc" é unha das cancións que compoñen Reflektor (2013), o cuarto álbum da banda de Win Butler e Régine Chassagne.

 http://youtu.be/gfZCYDX4gEw

No último disco de Madonna Rebel Heart (2015) atopamos a enésima canción sobre a doncela de Orleáns, como non o título é "Joan of Arc".

https://youtu.be/Uv40WdbfVw8

luns, 16 de xuño de 2014

Temptation

Sempre é difícil tras un suceso tráxico como o que puxo fin a Joy Division volver comezar. Non obstante, os membros que formaran parte da banda de Ian Curtis souberon sobrepoñerse e sobre as faíscas de Joy Division montaron unha nova banda coa que seguir transitando pola senda dos sons máis vangardistas que ofrecía a música da década de 1980. Coa incorporación da teclista Gillian Gilbert, Peter Hook, Stephen Morris e Bernard Sumner puñan en marcha New Order, que comezou editando singles meses antes de publicar o primeiro disco de longa duración, Movement (1981). Con todo, os singles eran independentes dos discos e non se incluíron neles ata anos máis tarde, ben como parte de recompilatorios de éxitos ou ben en reedicións e remasterizacións. Este particular costume de New Order mantívose durante os primeiros anos e así cancións tan fantásticas coma "Temptation" (1982) só se podía adquirir cando se publicou en formato single, ora de sete pulgadas, ora de doce.


No novo álbum de Arcade Fire, Reflektor (2013), máis electrónico cós anteriores, pódese notar unha influencia indirecta de New Order e concretamente de "Temptation" nos primeiros acordes de "Afterlife". 

mércores, 9 de abril de 2014

Rebellion (Lies)

A gravación do primeiro disco de Arcade Fire está marcado polas sucesivas noticias luctuosas que afectaron os membros, de aí que leve o título de Funeral (2004). Pero o debut dos canadenses, lonxe do que pode suxerir tan aciago título, contén algunhas composicións luminosas mesturadas convenientemente cun ton épico que evita transmitir unha sensación de resignación ante a perda. "Rebellion (Lies)", noveno corte de Funeral, encaixa perfectamente nesta definición do álbum, pois é unha das cancións con máis personalidade dese traballo. De feito, foi o cuarto single extraído, pero o primeiro co que o nome de Arcade Fire comezou a callar nas publicacións de música independente de todo o planeta. O cumio acadaríano co seguinte single, "Wake Up", a canción que situou a Arcade Fire como unha banda á que non lle habería que perder a pista nos vindeiros anos.


A verdade é que Arcade Fire foise convertindo en algo menos dunha década como unha das bandas máis influentes, mesmo para artistas máis encamiñados cara a unha liña máis mainstream. A mellor proba diso viuse na canción da australiana Delta Goodrem "Sitting on Top of the World", single pertencente ó álbum Child of the Universe (2012). A base desa canción ten un son reminiscente da de Arcade Fire.

mércores, 27 de novembro de 2013

The Sultan

Neil Young sempre foi un músico con moitas inquietudes desde moi novo. Nos albores da súa carreira , coma calquera mozo que comeza, experimentou con tódolos estilos musicais na procura daquel que mellor lle acaese. Nesa búsqueda incesante que comezara tan cedo, Neil Young formou a banda The Squires xunto con Ken Koblun cando nin sequera fixera vinte anos, e aínda así, xa era o segundo grupo que o canadense formaba. The Squires tivo unha existencia máis ben breve e só deixou rastro cun single cuxa cara A é "The Sultan", cun son que parece sacado dunha película do Oeste e no que o mociño Young xa apuntaba maneiras de xenio.


Serían outros canadenses os que recuperarían solapadamente parte da melodía do único éxito de The Squires. Os fantásticos Arcade Fire homenaxean con esta lembranza a famosa cadeliña Laïka no álbum de debut Funeral (2004). A canción, por suposto, é "Neighborhood 2 (Laïka)".

luns, 26 de agosto de 2013

Ready to Start

Cada vez queda menos para o esperado cuarto disco de Arcade Fire, que con toda probabilidade, sairá no mes de outubro. E para face-la espera máis levadeira, non está nada mal recuperar o segundo single do seu anterior álbum The Suburbs (2010), o potente "Ready to Start", co que en moitos concertos a banda dos irmáns Will e Win Butler e Régine Chassagne, xunto cos demais membros Sarah Neufeld, Jeremy Gara, Tim Kingsbury e Richard Parry, arrincaban a súa actuación.


E é que sen dúbida, o feito curioso das últimas semanas que nos fai recordar que pronto se volverá falar moito de Arcade Fire é a excelente versión que de "Ready to Start" acaba de facer Tears for Fears. A veterana banda comandada por Roland Orzabal animouse a trasaldar a canción de Arcade Fire ó seu estilo no anticipo do seu vindeiro disco To Be Anounced que tamén saíra á venda proximamente. Unha forma intelixente de que o último traballo dunha das grandes bandas dos 80 non pase desapercibido.

xoves, 18 de xullo de 2013

Heart of Glass

O terceiro disco de Blondie Parallel Lines (1979) é un bo exemplo do mellor pop-rock de finais dos 70. Non obstante, hai un tema que destaca por riba dos demais e que adentra á banda de Debbie Harry nos sons máis achegados ó son discotequeiro. Ese tema é "Heart of Glass", hoxe convertido nun clásico e nunha das cancións máis emblemáticas de Blondie. Malia que foi das primeiras cancións escritas por Deborah Harry e Chris Stein varios anos antes, houbo que esperar a traballar con Mike Chapman para que se animasen a incluíla no terceiro disco de Blondie. Co tempo confirmouse que foi unha decisión acertada.


Hai versións en case tódolos estilos da canción de Blondie. Destaca a versión punk de Me First and the Gimme Gimmes no álbum Ruin Jonny's Bar Mitzvah (2004).


Algo máis tranquila, en clave jazz e instrumental, é a verisón de The Bad Plus no álbum These are the Vistas (2003).


No capítulo de samples, "Heart of Glass" tamén ten unha boa ración. Na que mellor se aprecia é na canción de Natalie Bassingthwaighte "Supersensual", no álbum 1000 Stars (2009).

http://youtu.be/aHCpOnKbPGA

E tamén a "Heart of Glass" débelle moito a canción de Arcade Fire "Sprawl II (Mountains Beyond Mountains)",  do álbum The Suburbs (2010). O estilo co que  Régine Chassagne a canta lembra moito ó de Debbie Harry.

http://youtu.be/rH_7_XRfTMs

venres, 14 de decembro de 2012

Ocean of Noise

O ano que vén preséntase con interesantes novidades. Unha delas o próximo disco de Arcade Fire, que tralo triunfal The Suburbs de 2010, espérase que os rapaces de Quebec continúen na mesma liña á que nos teñen acostumados, con eses sensacionais arranxos de cordas en cancións épicas. Mentres, quedamos cunha das súas cancións do segundo traballo de Arcade Fire Neon Bible, de 2007, "Ocean of Noise".


A canción que vos presentamos a continuación non ten moito que ver con "Ocean of Noise", mais si o grupo e por iso, tomámonos a licenza que traer por aquí a Fanfarlo, un grupo inglés formado en 2006 polo sueco Simon Balthazar e Giles J Davis. O estilo de Fanfarlo lembra moitísimo a Arcade Fire e os críticos non dubidan en comparalos cos canadenses e, se ben tódalas comparacións son odiosas, moitos chegamos a coñecer a Fanfarlo precisamente cando nos advertiron que o seu son estaba na liña de Arcade Fire. "I'm a Pilot" abre o álbum de debut de Fanfarlo Reservoir (2009).

É un feito que Arcade Fire están creando tendencia e oxalá aparezan máis grupos como eles e Fanfarlo. De momento os de Quebec xa contan con algunha banda tributo como Hervelle Fire.

venres, 8 de xuño de 2012

The Killing Moon

Echo & the Bunnymen é unha das bandas británicas que pertencen á xeración que se formou a finais dos 70 en Reino Unido trala eclosión do punk. Cun estilo moi persoal debido ante todo ó seu líder Ian McCulloch e as contribucións dos demais membros como o guitarrista Les Pattinson e o batería Pete de Freitas, en 1984, coa publicación do seu cuarto disco Ocean Rain, quedaba máis que demostrado que esta banda de Liverpool era unha das máis interesantes do panorama dos 80.


O estilo de Echo & the Bunnymen podémolo rastrexar en moitas bandas posteriores, como por exemplo Arcade Fire. No seu álbum de debut Funeral (2004) é onde mellor se aprecia esa posible influencia, concretamente no tema "Crown of Love".

mércores, 4 de abril de 2012

My Body Is a Cage

Trala publicación da súa ópera prima Funeral en 2004, Arcade Fire foi toda unha revelación na primeira década do século XXI. As expectativas confirmáronse tres anos despois co segundo álbum Neon Bible (2007), que ten o mesmo título que a primeira novela de John Kennedy Toole. Unhas letras coidadas, uns arranxos musicais elaborados cunha ampla variedade de instrumentos e unha produción brillante unido a un vertixinoso directo, converteu á banda de Win Butler e Régine Chassagne en todo un estandarte deste novo milenio como se veu co seu último traballo The Suburbs (2010). Os de Québec poden sentirse orgullosos de chegar tan lonxe sen contar sequera cunha gran discográfica detrás deles. Boa mostra do seu talento atopamólo en cancións como "Black Mirror" e "No Cars Go" do segundo álbum. Precisamente, este álbum pechábase cun corte que mostra toda a forza épica de Arcade Fire "My Body Is a Cage", un tema cun son escuro, pero terriblemente emotivo que foi incluido nun capítulo da sétima temporada de House.


Nos últimos anos instalouse entre os artistas consagrados a moda de editar un disco de versións en clave sinfónica. Sting e George Michael foron algúns que contan entre os seus últimos traballos con este fenómeno, pero un dos primeiros en apuntarse a isto foi Peter Gabriel, que ademais pactou cos artistas que ía versionar que estes gravasen algunha versión dos éxitos de Gabriel. Un dos temas que figuran no álbum Scratch My Back (2010) é "My Body Is a Cage".