Amosando publicacións coa etiqueta The Damned. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Damned. Amosar todas as publicacións

luns, 29 de febreiro de 2016

Baby Sign Here with Me

Debido á súa efémera traxectoria, que só abrangueu apenas un lustro, Henry Badowski é un dos compositores e músicos da new wave máis esquecidos. E non obstante, o seu único disco editado Life Is a Gand... (1981) contén algúns singles francamente bos que cómpre rescatar das sombras, sobre todo, porque a música de Henry Badowski inspirou a outros músicos do seu tempo. Unha das primeiras cancións que Badowski editou como single antes de que aparecese no seu álbum definitivo foi "Baby Sign Here with Me", que viu a luz en 1979.


Os rapaces de The Damned foron uns pupilos aventaxados de Henry Badowski, con quen tocaron nalgunha xira. Talvez por iso, a influencia deste compositor transmitiuse á canción de The Damned "Edward the Bear", do álbum Phantasmagoria (1985), que garda un parecido sospeitoso con "Baby Sign Here with Me".

venres, 21 de novembro de 2014

Eloise

En 1968 dous irmáns xemelgos ingleses, Barry e Paul Ryan, editaban un single deses que non tardan nada en facerse memorables. Sumábase así á lista de grandes cancións da música "Eloise", a única gran canción no repertorio dos Ryan. O mérito do éxito de "Eloise" está ben repartido entre os dous irmáns. Paul escribiuna e Barry interpretouna. Era a segunda canción que gravaba, nos comezos dunha carreira que se habería de estender ata os anos noventa, pero ningunha outra canción repetiu a xesta que "Eloise" lograra no seu momento.


"Eloise" forma parte desas cancións que por algún motivo especial empezou a ter versións noutras linguas distintas do inglés. Tan só un ano despois xa se podía escoitar "Eloise" en idiomas coma o búlgaro e en checo. Neste último caso Karel Gott foi o responsable da "Eloise" checa.


Nese mesmo ano tamén aparece a primeira versión en castelán, da man dos arxentinos Los Náufragos.


As primeiras versións de "Eloise", aínda que estivesen noutras linguas, mostrábanse bastante fieis o son orquestral da orixinal e non innovaban gran cousa. Habería que esperar ós anos oitenta para que en "Eloise" se introducisen novos instrumentos como as guitarras eléctricas, como fixeron na súa versión The Damned en 1986.


En 1987 no álbum Lágrimas de cocodrilo Tino Casal incluía unha nova versión en castelán que nada tiña que ver coa que case vinte anos antes gravaran Los Náufragos. Con letra distinta e un son techno máis acorde coa moda, foi unha das grandes cancións do malogrado artista asturiano.


Stravaganzza tomou como modelo a  de Tino Casal para facer a súa versión de "Eloise", aínda que en clave rock gótico, máis achegado á de The Damned. Pertence a Requiem (2007).

venres, 11 de outubro de 2013

Life Goes On

O punk dos anos 70 reflectía como ningún outro subxénero do rock que a música ante todo era actitude. Na fornada de grupos punk que se formaron en Reino Unido nesa época seguindo a estela dos Sex Pistols, The Damned demostrou que tiña as ideas moi claras. Foi a primeira banda punk en facer unha xira polos Estados Unidos, en 1977, e ese mesmo ano telonearon a T. Rex nos que serían os derradeiros concertos da banda de Marc Bolan. E por se iso fose pouco, The Damned elixiu a Syd Barret como produtor do seu segundo disco, algo do que finalmente terían que desistir, xa que daquela o antigo líder de Pink Floyd aínda seguía cos mesmos problemas de saúde que o apartaran de Pink Floyd e do mundo da música. "Life Goes On", do álbum Strawberries (1982) é unha das cancións máis recordadas.


Killing Joke, unha banda coetánea de The Damned, baseouse no riff de guitarra de "Life Goes On" para crear "Eighties", canción que pechaba o álbum Night Time (1985) e que saíu como single.

http://youtu.be/B0uxOn1K8uc

E ese famoso riff volve aparcer nunha das grandes cancións de Nirvana "Come As You Are", pertencente ó mítico disco Nevermind (1991).

http://youtu.be/vabnZ9-ex7o