Amosando publicacións coa etiqueta Tino Casal. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tino Casal. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de xaneiro de 2015

Don't You Want Me

The Human League redefiniron o seu son co terceiro disco Dare (1981) cara a un pop máis comercial. A fórmula saíulles ben, xa que lograron ter moita máis visibilidade nunhas listas de vendas onde predominaban os grupos da new wave, sen que o seu estilo sufrise unha transformación radical que afectase gravemente á credibilidade do grupo de Sheffield. Dare tivo numerosos singles, pero o máis recordado de todos despois de tantos anos é "Don't You Want Me", quizais tamén a canción máis coñecida de The Human League. Ademais, as constantes versións que se levan facendo da canción desde practicamente a súa publicación fan que sexa máis complicado que caia no esquecemento, polo que "Don't You Want Me" seguirá sendo por moito tempo unha das cancións máis representativas da new wave británica dos anos oitenta.


Como comentabamos antes, "Don't You Want Me" é un tema moi versionado, pero nesta ocasión imos quedar coa única que atopamos que non está en inglés. É a adaptación ó castelán que Tino Casal fixo no seu quinto e derradeiro disco, Histeria (1989), co título "No fuimos héroes".

venres, 21 de novembro de 2014

Eloise

En 1968 dous irmáns xemelgos ingleses, Barry e Paul Ryan, editaban un single deses que non tardan nada en facerse memorables. Sumábase así á lista de grandes cancións da música "Eloise", a única gran canción no repertorio dos Ryan. O mérito do éxito de "Eloise" está ben repartido entre os dous irmáns. Paul escribiuna e Barry interpretouna. Era a segunda canción que gravaba, nos comezos dunha carreira que se habería de estender ata os anos noventa, pero ningunha outra canción repetiu a xesta que "Eloise" lograra no seu momento.


"Eloise" forma parte desas cancións que por algún motivo especial empezou a ter versións noutras linguas distintas do inglés. Tan só un ano despois xa se podía escoitar "Eloise" en idiomas coma o búlgaro e en checo. Neste último caso Karel Gott foi o responsable da "Eloise" checa.


Nese mesmo ano tamén aparece a primeira versión en castelán, da man dos arxentinos Los Náufragos.


As primeiras versións de "Eloise", aínda que estivesen noutras linguas, mostrábanse bastante fieis o son orquestral da orixinal e non innovaban gran cousa. Habería que esperar ós anos oitenta para que en "Eloise" se introducisen novos instrumentos como as guitarras eléctricas, como fixeron na súa versión The Damned en 1986.


En 1987 no álbum Lágrimas de cocodrilo Tino Casal incluía unha nova versión en castelán que nada tiña que ver coa que case vinte anos antes gravaran Los Náufragos. Con letra distinta e un son techno máis acorde coa moda, foi unha das grandes cancións do malogrado artista asturiano.


Stravaganzza tomou como modelo a  de Tino Casal para facer a súa versión de "Eloise", aínda que en clave rock gótico, máis achegado á de The Damned. Pertence a Requiem (2007).

mércores, 22 de maio de 2013

White Room

A partir de 1966 comezou a darse un fenómeno curioso no rock: a aparición dos supergrupos, é dicir, a reunión de grandes músicos, tanto en solitario coma componentes dunha banda para crear un proxecto común. Un dos máis destacados é Cream, unha banda de rocorrido efémero, que con todo, nos deixou catro discos na súa curta carreira, que non chegou nin sequera a 1970. Cream estaba formado por Eric Clapton, que proviña de The Yardbirds, Jack Bruce e Ginger Baker. En 1968 editaron un doble disco, o terceiro na conta de Cream, metade gravado en estudio e a outra metade en directo chamado Wheels on Fire (1968), que contén esta sensacional "White Room".


Son moitas as versións que se fixeron de "White Room" ó longo do tempo, mais nós imos quedar coa de Tino Casal, onde transforma o son do blues psicodélico nunha boa mostra de glam. Co título de "Blanca Estancia" e perfectamente adaptada ó castelán, a versión pechaba o primeiro disco de longa duración de Tino Casal Neocasal (1981).

venres, 29 de xuño de 2012

Embrujada

Resulta difícil imaxinar o rumbo que tomaría a carreira de Tino Casal se aínda se atopase entre nós, pero seguro que coas novas tecnoloxías que se desenvolveron nas últimas décadas e os novos sons que na actualidade dominan o mundo pop e rock Tino Casal seguiría indo un paso máis aló sen deixar de sorprendernos, elevando o nivel da música española como adoitaba facer dende que este asturiano debutou na escena musical en 1981 con Neocasal, un dos primeiros discos en castelán que apostaban claramente polo glam rock e que contiña unha moi boa versión de "Life On Mars?" de Bowie. Dous anos despois vía a luz Etiqueta Negra (1983), que contén un dos grandes clásicos de Casal, "Embrujada".



Sen dúbida é un tema perfecto e desde logo, nada doado de versionar. Con todo, o grupo manchego Despistaos animouse a gravar "Embrujada" en clave pop no seu recompilatorio de grandes éxitos Lo Que Hemos Vivido (2008) e o resultado non está nin moito menos á altura da versión orixinal, pero alomenos haille que agradecer a Daniel Varela e ó resto da banda que recuperase a música de Casal e así a posibilidade de que as novas xeracións chegue a coñecelo.

mércores, 18 de xaneiro de 2012

Comme d'habitude

Como moitos artistas tras un fracaso sentimental, Claude François compuxo unha balada que fala do desamor. O resultado foi "Comme d'habitude" escrita coa axuda de Jacques Revaux.  Está dedicada á cantante France Gall, coa que Claude rompera. Publicouse en 1967.


Ese ano, Paul Anka elixira Francia como destino de vacacións e alí non lle pasou desapercibida a canción de Claude François, tanto que comprou os dereitos da canción para adaptala ó inglés, aínda que ó principio non lle concedeu moita importancia. Xa de volta en Estados Unidos, ó ver que o seu gran amigo Frank Sinatra estaba pasando un mal momento persoal, Anka sentiuse inspirado para compoñer a letra da nova versión, aínda que esta pouco tiña que ver coa de François. Foi así como naceu "My Way", que se convertiría en todo un clásico na voz de Frank Sinatra en 1969.


Sería unha tarefa interminable enumerar tódalas versións que se fixeron de "My Way" dende o momento da súa publicación porque abarca a un conxunto de artistas e grupos de estilos moi variados que levaron "My Way" ó seu propio terreo. Desde a versión que fixo o propio Paul Anka, a de Aretha Franklin, a de Elvis Presley, a de Cliff Richards, a de Nina Simon e a de Joan Baez ata as versións rockeiras de Pearl Jam e Los Piratas, as máis punks a cargo de Sid Vicious e Green Day, sen esquecer a de Radiohead e a máis hip-hopeira de Kanye West. Mesmo Andrés Calamaro se atreveu a darlle un aire reggae no seu disco de caras B Las otras caras de Alta Suciedad. E que dicir da interpretación dos Tres Tenores? A letra tamén se adaptou ó español como "A Mi Manera", que cantaron Julio Iglesias e Raphael respectivamente. E esta é tan só unha pequena mostra.

Mais a intrahistoria de "My Way" non remata aquí. En 1968, un ano antes de que Sinatra gravase a gran versión, un compositor de nome Davy Jones tampouco se resistiu o encanto de "Comme d'habitude" e fixo unha adaptación ó inglés que Frank Sinatra acabou rexeitando en favor da versión de Anka. Titulábase "Even a Fool Learns To Love" e que pouco despois, ese mesmo compositor baixo o seu nome artístico, David Bowie, gravaría.

 http://youtu.be/4b06WRq566Y

A decepción que lle causou a Bowie o rexeitamento da súa versión fixo que creara unha parodia de "My Way" que se convertiría nun dos éxitos máis aclamados de Bowie: "Life on Mars?", que se publicaría no álbum de 1973 Hunky Dori e que tamén sería moi versionado.
http://youtu.be/v--IqqusnNQ

Das versións de "Life on Mars?" imos quedar agora coa que fixo Tino Casal, un dos artistas máis innovadores que deu o panorama español nos anos 80. Esta versión aparece no álbum de debut do asturiano Neocasal, de 1981.

 http://youtu.be/0LOwXfcaCU4

xoves, 8 de setembro de 2011

Killing Me Softly With His Song

A finais da década de 1960, Lori Lieberman, unha moza californiana, compuxo un poema titulado "Killing Me Softly With His Blues" tras asistir a un concerto de Don McLean. Nese concerto, Lori quedara impresionada coa interpretación que o cantante do famoso "American Pie" fixo do tema "Empty Chairs". O poema non pasou inadvertido para os compositores Charles Fox e Norman Gimbel, que se basearon nel para escribir en 1971 o que posteriormente sería unha canción mítica. A propia Lori Lieberman, que daquela trataba de abrirse paso no mundo da música e acababa de firmar un contrato con Capitol Records, foi a encargada de pórlle voz á versión que Fox e Gimbel fixeron do seu poema. En 1972, aparecía no mercado o disco homónimo de Lori Lieberman onde estaba recollido "Killing Me Softly With His Song", que gravara un ano antes.


Pero sería en 1973, ó incluir a cantante de soul Roberta Flack unha versión deste tema no seu álbum que levaba precisamente o título de Killing Me Softly, cando esta canción acadaría a popularidade de que goza. Roberta Flack conseguiu varios Grammys con este tema e de feito, hoxe en día, moita xente pensa que a versión orixinal é dela.


E coma toda canción cun éxito sen precedentes, comezaron tamén a circular novas versións nas décadas posteriores. Frank Sinatra, Carly Simon, Toni Braxton e máis recentemente Alicia Keys son claros exemplos. Mais talvez a versión máis popular tras a de Roberta Flack sexa a dos Fugees, con Lauryn Hill á cabeza xunto con Wyclef Jean, no seu álbum de 1996 The Score.


En español, tamén se levaron a cabo versións de "Killing Me Softly". En México, destaca a versión de Pandora, que titularon "Matándome Suavemente Con Su Canción", no seu álbum Ilegal (1992).

 http://www.goear.com/listen/4891f05/matandome-suavemente-pandora

En España, a versión máis libre correspondeulle ó xenial Tino Casal no seu derradeiro álbum Histeria (1989), co título "Tal Como Soy".

 http://www.goear.com/listen/d818da6/tal-como-soy-tino-casal