Amosando publicacións coa etiqueta The Black Crowes. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Black Crowes. Amosar todas as publicacións

mércores, 2 de marzo de 2016

Jealous Again

En xaneiro de 1990 vía a luz o álbum de debut de The Black Crowes, unha banda comandada polos irmáns Robinson, Chris e Rich, que haberían de volver pór ó rock sureño na primeira liña. O título dese disco é Shake Your Money Maker, como a canción de Elmore James, que malia a non versionala, dá idea das influencias de The Black Crowes. Agás a versión da canción de Otis Redding, "Hard to Handle", o resto de composicións son orixinais da banda, onde o blues brilla especialmente cun son fresco, pero con todo o sabor clásico das vellas composicións. O primeiro single foi o corte 2,  "Jealous Again", unha das composicións máis senlleiras de todo o repertorio de The Black Crowes.


Gretchen Wilson levou unha desagradable sorpresa cando The Black Crowes a levaron os tribunais pola canción "Work Hard, Play Harder", do seu álbum I Got Your Country Right Here (2010), xa que ten bastante semellanza con "Jealous Again". Os irmáns Robinson saíronse coa súa e agora aparecen como coautores do tema de Wilson.

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Cocaine

JJ Cale é un dos músicos, que sen facer demasiado ruído mediático e centrado só na súa música, deixou unha pegada imborrable no rock. Comezou a finais dos anos cincuenta gravando singles ata que en 1972 lanzou o primeiro álbum de longa duración. Para entón  xa era un artista respectado que xa contaba no seu haber con cancións coma "After Midnight", pero o gran público haberíao de coñecer sobre todo, cando a Eric Clapton se lle deu por versionar algunhas das súas cancións, o que fixo que en moitas ocasións servise para centrarse na figura daquel compositor que non renunciara a gravar as súas propias cancións. Sen que a sona se lle subise á cabeza, en 1976 publicou Troubadour, o cuarto disco, que contén unha canción inmortal como é "Cocaine", hoxe considerada unha das máis grandes do rock. 


Mestre para boa parte dos músicos dos anos 60 e 70, posiblemente foi Eric Clapton quen mellor soubo renderlle tributo a JJ Cale coas súas versións. A de "Cocaine" foi das que máis éxito tivo. Pertence a Slowhand (1977), polo que é unha das versións temperás de "Cocaine" e co tempo a popularidade que acadou chegou a superar á orixinal.


Gretchen Wilson débelle parte do éxito da súa canción "Work Hard, Play Harder", de I Got Your Country Right Here (2010) ó parecido que ten con "Cocaine", mais tamén debido a que os irmáns Robinson, de The Black Crowes, pensan que a canción de Gretchen Wilson ten parte da estrutura de "Jealous Again", tema do álbum Shake Your Money Maker (1989).


E para que non nos quede atrás, velaquí a canción de The Black Crowes pertencente ó debut da banda dos irmáns Robinson, que curiosamente, a pesar do título, non incluíron ningunha versión da canción de Elmore James que vimos hai uns días.

martes, 6 de novembro de 2012

Hard to Handle

O soul viviu unha época de esplendor durante a década dos 60 e unha das voces privilexiadas que ensalzou este estilo orixinario dos Estados Unidos foi Otis Redding. O malogrado cantante nacido en Dawson, no estado de Xeorxia, converteuse nunha lenda grazas a cancións como "Hard to Handle", un éxito póstumo publicado no verán de 1968, seis meses despois de que Redding perdese a vida; unha nova traxedia para o soul que se sumaba á perda de Sam Cooke uns anos antes.


Das numerosísimas versións de "Hard to Handle", os críticos musicais destacan a que fixo The Black Crowes no álbum Shake Your Money Maker (1990), o álbum de debut da banda dos irmáns Robinson, que acertan de cheo ó imprimirlle a "Hard to Handle" un toque rockeiro sen renunciar ó aire blues que emana a versión orixinal.

martes, 2 de outubro de 2012

Night of the Thumpasorus Peoples

O funk eclosionou como estilo musical de pleno a mediados da década de 1970, cando as discotecas  norteamericanas comezaron a apostar forte polos novos sons que se estaban innovando cos sintetizadores, cada vez máis habituais nos estudios de gravación. Unha desas primeiras bandas que contribuíron á difusión do funk é Parliament. A banda de Nova Jersey, que se formara a comezos dos 60 como un de tantos grupos cun son tan tradicional como o doo-wop e o soul, soubo transformarse en dez anos nun dos estandartes do novo estilo. Co seu cuarto traballo, Mothership Connetion, o segundo que editaban en 1975, está considerado un dos mellores traballos discográficos de Parliament. Pecháse con "Night of the Thumpasorus Peoples".


Os irmáns Chris e Rich Robinson formaron en 1989 unha das mellores bandas de rock dos 90. The Black Crowes pronto conseguiron popularidade, sobre todo a raíz da publicación do seu segundo disco The Southern Harmony and Musical Companion (1992). O single que o presentaba, "Remedy" ten un riff de guitarra moi característico que lembra claramente á canción de Parliament.