Amosando publicacións coa etiqueta Joni Mitchell. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Joni Mitchell. Amosar todas as publicacións

martes, 13 de xaneiro de 2015

Blue

En xuño de 1971 Joni Mitchell publicaba Blue, cuarto disco da compositora canadense, que pronto se ía converter nun dos favoritos dos fans de Mitchell. Nel están algunhas das cancións máis coñecidas e que fixeron dela unha das cantautoras máis reputadas dos anos setenta. Por unha vez, non contén ningunha versión e tódolos temas asínaos ela. Con todo, as letras das súas cancións, ó igual que lle ocorría a outras cantautoras do momento, eran motivo dunha estensa análise por parte da crítica, que cría ver nesas composicións anacos da vida das autoras e axiña afirmaba que tal canción estaba dedicada a tal mozo co que supostamente a artista tiña un romance. "Blue", a canción que lle dá título ó álbum, tampouco se librou e a pesar das constantes negativas de Joni Mitchell, moitos sosteñen que vai dirixida a alguén moi concreto, un autor polo que Mitchell estaría interesada.

http://youtu.be/w5782PQO5is

"Blue" conta con dúas fantásticas versións. A primeira é a de Sarah McLachlan no recompilatorio Rarities, B-Sides and Other Stuff (1996).

http://youtu.be/STRGKm7T72M

 A outra é a que Catpower gravou no álbum de versións Jukebox (2008).

http://youtu.be/lmRcrsP_Pzk

Pero á parte das versións, "Blue" tamén serviu de base para outras cancións, coma a de A.R. Kane en "Catch My Drift" (1989), aínda que dunha forma tan distorsionada que case non se recoñece. Non conseguimos unha ligazón coa canción soa, así que vos temos que ofrecer unha que aparece nesta remestura de varios temas de A. R. Kane.

http://youtu.be/dhGK2iTL1xg

Blue e Exile empregaron a mesma fórmula na canción "My World Is..." no álbum Below the Heavens (2007). Como se pode apreciar, o resultado dista moito da sensibilidade coa que Joni Mitchell comuxo "Blue".

http://youtu.be/jjTyrfmO_Mw

xoves, 14 de agosto de 2014

California

Ás veces a televisión e o cine logran que un artista ou un grupo acaden unha repercusión que sen eses medios non sería posible. A banda californiana Phantom Planet sempre lle estará agradecida á serie xuvenil The O.C. porque grazas a ela a súa popularidade aumentou considerablemente en todo o mundo. Os produtores da serie escolleron o seu tema "California", do álbum The Guest (2002) para ilustrar as aventuras dos protagonistas, asemade que a mesma canción servía de banda sonora para a película Orange County. A decisión de darlle relevancia á canción de Phantom Planet non é casual; tanto a serie como a película están ambientadas en Orange County, un dos lugares máis coñecidos de California e que mellor representa a idea que todos teñen dese Estado da Costa Oeste estadounidense, así que nada mellor que "California", unha canción que canta as virtudes do lugar. Pero antes da canción de Phantom Planet houbo outras"Californias", que segundo moitos, acabaron contribuíndo dalgún xeito á do grupo californiano.


A achega máis evidente que se atopa no tema de Phantom Planet é a de Al Jolson, que en 1924 gravou "California, Here I Come" como parte do musical de Broadway Bombo. Para moita xente "California" pode cualificarse de versión moderna da canción de Jolson porque nalgúns momentos ámbalas dúas soan case igual, a pesar de que a melodía non é a mesma.


Tamén seica se sinala que a canción de Joni Mitchell "California", do álbum Blue (1971) comparte algo máis que o título coa de Phantom Planet. Neste caso apúntase que a melodía da de Phantom Planet ten algo da de Joni Mitchell.

martes, 7 de febreiro de 2012

Big Yellow Taxi

Antes da publicación de Blue, o álbum que consagrou definitivamente a Joni Mitchell como unha das grandes cantautoras folk, o terceiro traballo da canadense Ladies of the Canyon (1970) contiña algunha das súas cancións máis emblemáticas como a dedicada a Woodstock e "Big Yellow Taxi". Tras unha viaxe a Hawaii, Joni Mitchell ideou esta canción, imprescindible no seu repertorio.


O primeiro en versionala foi Bob Dylan tres anos despois e teriamos que esperar ata 1994 para que unha nova voz feminina, neste caso a cantautora irlandesa Máire Brennan, publicase unha versión no seu álbum Misty Eyed Adventures, que ó igual que a versión de Dylan, segue as mesmas pautas que a versión orixinal. Con todo, ese mesmo ano de 1994, a cantautora americana Amy Grant incluiu outra versión de "Big Yellow Taxi" no seu álbum House of Love. A principal diferenza que se advirte é o cambio da letra nalgunhas partes da canción.

http://youtu.be/oiJWwWP1g7w

En 1997, Janet Jackson empregou un sample desta canción no single de presentación do seu álbum The Velvet Rope "Got Till It's Gone" no que colaboraba o rapeiro Q-Tip's.

 http://youtu.be/AnyqVRijCNw

Pero para moita xente, "Big Yellow Taxi" deuse a coñecer nas voces de Counting Crows e Vanessa Carlton, que aparecía na banda sonora da película "Two Weeks Notice" e que orixinariamente Counting Crows gravaran no álbum da banda Hard Candy (2002) sen a colaboración de Carlton.

 http://www.goear.com/listen/e88fba4/big-yellow-taxi-counting-crows-and-vanessa-carlton

venres, 23 de decembro de 2011

A Case Of You

A comezos da década de 1970, a cantautora canadense Joni Mitchell estreaba o seu cuarto disco Blue, un dos máis exitosos na súa carreira e que contiña a excepcional canción que agora che presentamos "A Case Of You", que a consolidou como unha das compositoras de referencia da música folk do seu país. Nesta composición colabora James Taylor tocando a guitarra acústica.

  http://youtu.be/6voJjexENok

As cancións de Joni Mitchell foron versionadas en moitas ocasións por grupos e artistas que seguiron a súa mesma liña musical, como por exemplo Counting Crows e a versión que fixeron xunto con Vanessa Carlton de "Big Yellow Taxi", quizais a súa canción máis versionada xunto coa propia "A Case Of You". Por iso sorprende que neste 2011 que agora se despide, unha das revelacións do ano como foi o cantante ingés James Blake, que se presentou na escena musical cun disco de debut que resultou ser dos mellores de música electrónica do último ano, fixese unha versión deste clásico folk. Grabada en principio para Radio 1 da BBC, inclúese agora no EP Enough Thunder, unha edición especial do seu álbum homónimo.

 http://youtu.be/IG2E3qyFqsw