Amosando publicacións coa etiqueta Amerie. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Amerie. Amosar todas as publicacións

luns, 14 de xullo de 2014

Evil

Devagar, pero cun ritmo constante, o grupo de funk de Chicago Earth, Wind & Fire foi editando discos durante os anos 70 asemade se convertía en imprescindible en calquera discoteca onde os novos sons do funk e a música disco ían gañando terreo á hora de entreter á xuventude. Na actualidade, Earth, Wind & Fire aínda nos segue ofrecendo a súa música tratando de adaptarse ós novos estilos pero sen renunciar á identidade que a converteu en banda de referencia; de feito, os seus anos de gloria remóntanse ós 70 e 80 e desa época quédanos un legado necesario para comprender o impacto que tivo o funk daquela. Xa nos primeiros traballos discográficos pódese apreciar a influencia que ían exercer. O cuarto álbum, Head to the Sky (1973), contén cancións coma "Evil", unha das tantas de Earth, Wind & Fire que deu orixe a algunha nova canción.


"Evil", en concreto, está detras da canción de Amerie, "Can We Go", pertencente ó álbum Touch (2005). Esta canción do segundo disco da artista está interpretada xunto con Carl Thomas.

xoves, 22 de agosto de 2013

Take Control

Volvamos hoxe con outra canción que lle debe as súas orixes a dúas cancións diferentes. Como levamos visto, case tódolos xéneros de música son propensos a esta forma de crear cancións, pero hai algúns como o funk e o hip hop que sobresaen por riba de todos desde os seus comezos. Hoxe imos cun tema funk bastante recente; trátase de "Take Control", o single de presentación do terceiro disco de Amerie Because I Love It, que veu á luz en 2006. Hai quen lle quita méritos a este tipo de cancións por carecer precisamente de orixinalidade en todo, pero quizais o principal encanto que teñen é saber conxugar dun xeito bastante coherente distintas formas de facer música e, ás veces, mesmo serve para redescubrirnos cancións caídas no esquecemento colectivo. A letra de "Take Control" está asinada pola propia Amerie xunto con Mike Caren e Cee-Lo Green, unha das metades de Gnarls Barkley, que tamén conta cunha carreira en solitario á marxe do seu proxecto co gran Danger Mouse.


A primeira canción que contribuíu a este éxito de Amerie é "Jimmy, renda-se" de Tom Zé, que está no álbum epónimo do compositor brasileiro, de 1970. Malia que a música de Tom Zé no é coñecida mundialmente, é un dos músicos máis importantes de Brasil, pero só a partir dos anos 90, cando fichou pola discográfica de David Byrne, a súa música empezou a ter certa relevancia internacional.


A segunda é un tema de Hall & Oates de 1980, "You Make My Dreams", unha fermosa canción con ritmos dance, que os compositores Daryl Hall e Joahn Oates escribiron coa colaboración de Sara Allen. Pertence ó disco Voices (1980).

martes, 18 de xuño de 2013

(I Just) Died in Your Arms

Cutting Crew é unha de tantas bandas que acadou ó éxito grazas a unha soa canción e que acabou eclipsando os seguintes traballos da banda. Se por riba, esa canción é coa que se debuta, é fácil entender que a esixencia ás demais cancións por estar á altura dese éxito temperán sexa aínda meirande. Cutting Crew naceu en 1985 da man de Nick Van Eede. Ó ano seguinte publicaron o seu primeiro disco Broadcast  cun primeiro single que lanzou a Cutting Crew ó estrelato. Ese single era "(I Just) Died in Your Arms", todo un trallazo que se colou nos primeiros postos das listas de vendas de medio mundo.


E como todo éxito que se precie, non tardaron en chegar as versións e os samples. Facemos un pequeno repaso á pegada de "(I Just) Died in Your Arms"), xa que a lista é bastante ampla. Amerie inspirouse nesta canción para o tema "I Just Died", que se inclúe no seu debut All I Have (2002).


En 2006 Mika tamén a aproveitou no seu disco de debut Life in Cartoon Motion na canción "Relax, Take It Easy", xa que comeza do mesmo xeito.


Tamén no debut de Pixie Lott atopamos a canción de Cutting Crew sampleada. Concretamente en "Coming Home", que canta xunto con Jason Derülo. O disco no que aparece é Turn It Up (2009).


E para acabar co repaso, unha das últimas máis coñecidas. A canción de Britney Spears "Hold It Against Me" do disco Femme Fatale (2011).