Cutting Crew é unha de tantas bandas que acadou ó éxito grazas a unha soa canción e que acabou eclipsando os seguintes traballos da banda. Se por riba, esa canción é coa que se debuta, é fácil entender que a esixencia ás demais cancións por estar á altura dese éxito temperán sexa aínda meirande. Cutting Crew naceu en 1985 da man de Nick Van Eede. Ó ano seguinte publicaron o seu primeiro disco Broadcast cun primeiro single que lanzou a Cutting Crew ó estrelato. Ese single era "(I Just) Died in Your Arms", todo un trallazo que se colou nos primeiros postos das listas de vendas de medio mundo.
E como todo éxito que se precie, non tardaron en chegar as versións e os samples. Facemos un pequeno repaso á pegada de "(I Just) Died in Your Arms"), xa que a lista é bastante ampla. Amerie inspirouse nesta canción para o tema "I Just Died", que se inclúe no seu debut All I Have (2002).
En 2006 Mika tamén a aproveitou no seu disco de debut Life in Cartoon Motion na canción "Relax, Take It Easy", xa que comeza do mesmo xeito.
Tamén no debut de Pixie Lott atopamos a canción de Cutting Crew sampleada. Concretamente en "Coming Home", que canta xunto con Jason Derülo. O disco no que aparece é Turn It Up (2009).
E para acabar co repaso, unha das últimas máis coñecidas. A canción de Britney Spears "Hold It Against Me" do disco Femme Fatale (2011).
Ningún comentario:
Publicar un comentario