mércores, 12 de xuño de 2013

Hot Fun in the Summertime

Despois de catro discos publicados con notable éxito, en 1970 chegou ás tendas de música o primeiro recompilatorio de grandes éxitos de Sly and the Stone Family, que reunía as mellores razóns polas que esta banda era unha das mellores do momento. Por se fose pouco, o recompilatorio non se limitaba só a recoller o melloriño de Sly e o resto da familia Stone co engado duns cantos temas novos de recheo para facer máis atractiva á venda, senón que as tres cancións inéditas reincidían na calidade e o talento de Sly and the Stone Family para crear melodías e temas influentes. "Hot Fun in the Summertime" foi escollido como o single que presentaba o disco, unha decisión sumamente acertada.


Non pasaran nin dez anos cando a sona de "Hot Fun in the Summertime" comezou a dar os seus froitos. Fixémonos no comezo da canción de Toto "Hold the Line". O piano está inspirado no da canción de Sly and the Stone Family, como ben teñen recoñecido David Paich e Jeff Porcaro nas entrevistas cando lles preguntaron ó respecto, así como a admiración que senten pola música deste grupo. "Hold the Line" foi o primeiro éxito de Toto e aparece no álbum epónimo co que se deron a coñecer en 1978.


Tamén, aínda que en menor medida, "Hot Fun in the Summertime" está detrás da inspiración dunha canción doutra gran banda. "Misunderstanding", de Genesis, recollida no álbum Duke (1980), lembra levemente ó estilo de Sly Stone. Phil Collins dixo nalgunha ocasión que se inspiraran nela. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario