Little Richard é un dos rockeiros máis lonxevos de todos os tempos. Desde que comezou a súa andaina na música nos últimos anos da década dos 40, o músico americano converteuse en todo un referente, tanto polo seu estilo como polas súas actuacións en directo, onde cun ritmo frenético facía soar o piano, o que facía que moitas veces o instrumento acabase moi mal parado. Considerado un mestre por moitos dos grandes coma Otis Redding, James Brown, Tina Turner, John Fogerty e Michael Jackson, por citar só uns poucos exemplos, as composicións de Little Richard son case todas auténticos clásicos do rock e do soul. Un deles é "The Girl Can't Help It", single de 1956.
Versionada nunhas cantas ocasións, a influencia de "The Girl Can't Help It" pode apreciarse facilmente no estilo doutras cancións posteriores. Por exemplo, na canción de Emerson, Lake & Palmer "Are You Ready, Eddy?", do álbum Tarkus, de 1971.
Cun salto de varias décadas, The Fratellis tamén se basean na canción de Little Richard para crear "Stragglers Moon", no álbum Here We Stand (2008), malia que xa non estamos diante dun tema de rock and roll propio dos anos 50.
Tampouco falta o seu uso como sample, aínda que o resultado sexa bastante descorazonador. Fergie, a cantante de The Black Eyed Peas, sampleouna no tema "Clumsy" no seu primeiro traballo en solitario The Dutchess (2006). Unha mágoa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario