Amosando publicacións coa etiqueta Rolling Stones. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rolling Stones. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de febreiro de 2016

Rain (2)

Segunda entrega do monográfico dedicado ás cancións que levan no título a verba "choiva". Desta volta arrincamos coa famosa canción de George Hamilton IV "Early Morning Rain", pertencente ó álbum Steel Rail Blues (1966). Esta canción tivo un enorme éxito nas voces doutros artistas coma Bob Dylan, Judy Collins e Elvis Presley, entre outros moitos, o que lle acabou quitando protagonismo á versión orixinal de George Hamilton IV.

https://youtu.be/nP6W8wEC4KI

Albert Hammond deleitounos coa canción "It Never Rain in Southern California", que lle daba título ó album de 1972. Co tempo, volveuse unha das composicións máis recoñecidas deste artista.

https://youtu.be/-pyC7WnvLT4

Outra canción que fala por excelencia da choiva é a de Led Zeppelin "The Rain Song" no álbum Houses of Holy (1973).


Cambiando de terzo, o debut de Terence Trent D'Arby Introducing the Hardline according to Terence Trent D'Arby (1987) tamén contén unha canción titulada "Rain".

https://youtu.be/ro8ys2Px_8g

Os incombustibles Rolling Stones tamén lle compuxeron á choiva en "Rain Fall Down", canción dun dos últimos discos da banda, A Bigger Bang (2005).

https://youtu.be/2mHHq7zcim8

E por hoxe, non podiamos rematar sen outra gran canción sobre a choiva, a marabillosa "Singing in the Rain", que lle daba título ó musical de Gene Kelly. Se xa a canción roza a excelencia por si soa, a escena na que Kelly pasea baixo a choiva bailando co paraugas fica a imaxe da canción como unha das máis significativas, facendo que a molestia que supón a chuvia para andar polas rúas resulte ata agradable.

https://youtu.be/w40ushYAaYA

luns, 18 de xaneiro de 2016

Bitch

Os Rolling Stones viviron unha maior etapa de esplendor entre 1968 e 1972, un período de tempo no que a banda sacou do estudio os  mellores discos da súa lonxeva carreira, coa excepción de Some Girls de 1978. E sempre cunha actitude provocativa e irreverente, que quedou plasmada sobre todo no álbum Sticky Fingers (1971), cuxa portada era o primeiro plano dunha entreperna, o que desgustou nos sectores máis reaccionarios e foi censurada nalgúns países coma en España, que se substituíu por outra de carácter gore, na que se ve uns dedos saíndo dunha lata. Respecto ás cancións, non sorprende atopar nese álbum unha titulada "Bitch", pois só os Stones poderían empregar como título dunha canción unha palabra con connotacións negativas sen que estas transcendan na súa música.


Kiss baseou os acordes de "Deuce", canción pertencente ó álbum epónimo da banda de 1974 no "Bitch" dos Rolling Stones.

luns, 23 de novembro de 2015

2120 South Michigan Avenue

Hai moitos anos que os Rolling Stones deixaron de gravar temas exclusivamente instrumentais, pero no seus comezos non resultaba raro atopar algunha canción carente de voz e onde simplemente se pode desfrutar da música. Ese é o caso de "2120 South Michigan Avenue", un tema que apareceu por primeira vez no EP Five by Five (1964) e que sería o xermolo do segundo álbum de longa duración dos Stones, 12 X 5 (1964), que viu a luz poucos meses despois do EP. "South Michigan Avenue" é tamén das escasas cancións que levan a sinatura de tódolos membros que compuñan a banda naquel momento, aínda que o fixeron baixo o pseudónimo Nanker Phelge. O título fai referecia á direccción de Chess Records, a discográfica de Chicago especializada en blues, soul e rock and roll.


Sly Stone, antes de montar cos seus parentes Sly and the Stone Family, sacou unha canción chamada "Buttermilk" (1965) que reproduce a música da canción dos Stones. Case se podería dicir que é unha versión con letra de "2120 South Michigan Avenue".

martes, 13 de outubro de 2015

Shine a Light

O décimo álbum dos Rolling  Stones, Exile on Main St (1972) é dos máis variados da banda inglesa. Canda ós habituais xéneros que configuran o son dos Stones coma rock, o blues e o contry, a banda atreveuse con estilos algo máis arriscados coma o gospel, que ata daquela aínda non asomara ó cada vez máis amplo repertorio desta. A canción máis paradigmática neste sentido é "Shine a Light", unha das últimas cancións pertencentes a ese magnífico dobre álbum dos Stones e tamén unha das máis coreadas nos seus concertos. 


Malia a que apareceu no álbum Exile on Main St, "Shine a Light" non era unha canción totalmente nova, pois Mick Jagger e Keith Richards xa a compuxeran uns anos antes e os Rolling Stones xa a gravaran en 1969 ó lado de Leon Russell baixo o título "Get a Line on You", que acabaría formando parte do álbum epónimo do músico de Oklahoma, que se editou un ano despois.


Allison Crowe fixo unha moi boa versión de "Shine a Light" no álbum Tidings (2004).


É un feito probado que as influencias coas que Noel Gallagher compoñía as cancións de Oasis son moi transparentes. No entanto, malia que Noel ten afirmado máis dunha vez que para escribir "Live Forever", unha das cancións de Definitely Maybe (1994), se inspirou na canción dos Stones "Shine a Light" e tentou reproducir un anaco da melodía vocal, o caso é que, en comparación con outras cancións de Oasis, "Live Forever" ten moi pouco das musas inspiradoras de Gallagher, porque doutro xeito, xa os señores Jagger e Richards se encargarían de axustar contas cos Gallagher. Ou senón, que lle pregunten a Richard Ashcroft.


martes, 18 de agosto de 2015

Susie Q

Dale Hawkins sempre será recordado pola canción que escribiu xunto con Stan Lewis e Eleanor Broadwater, e que editou en maio de 1957 converténdose no maior éxito deste músico de Louisiana, un dos pioneiros do rockabilly. Malia que ningunha das outras cancións que forman parte do seu repertorio chegou a ter a repercusión de "Susie Q" ,ou "Suzy Q" como figura nos créditos dalgunhas carátulas da época, Hawkins foi un respectado músico que compartiu casa de discos con outros grandes coma Willie Dixon, con quen gravou algún single ca outro. As continuas versións que se fixeron de "Susie Q" ó longo do tempo, especialmente nos sesenta, dan boa fe do carácter atemporal deste clásico do rock.


Os Rolling Stones foron os primeiros en incluír unha versión de "Susie Q" nun dos seus discos, concretamente no segundo, The Rolling Stones No. 2 (1965) cando na maioría dos seus traballos aínda abondaban as composicións alleas.


Creedence Clearwater Revival versionou "Susie Q" no álbum epónimo que supuxo o seu debut en 1968. A diferenza coa versión orixinal é a dos Stones, é que a banda dos irmáns Fogerty alongan a canción dándolle máis protagonismo á parte instrumental das guitarras.

mércores, 17 de xuño de 2015

Empty Heart

O ano 1964 foi frénetico para os Rolling Stones. Poucos días despois de comezar xaneiro a banda debutaba cun EP que sería o primeiro dunha serie discos, entre EP's e LP's, cos que Jagger, Richards, Jones, Watts, Wyman e Stewart daban inicio a unha aventura que cincuenta anos máis tarde segue vixente e levantando as mesmas paixóns. Tras estrear en abril o primeiro álbum conseguindo unha moi boa acollida tanto en Gran Bretaña como en Estados Unidos, en agosto dese ano saía o segundo EP, Five by Five, con varias cancións que logo integrarían o segundo LP, que se editaría en outubro co título 12 X 5. Unha desas cancións é "Empty Heart".


No terceiro álbum de The Pretenders, Learning to Crawl (1984), a canción escollida como single de promoción e na actualidade unha das máis coñecidas da banda de Chrissie Hynde, "Middle of the Road", garda certo parecido con "Empty Heart".

martes, 28 de abril de 2015

Jumpin' Jack Flash

O ritmo intrépido con que nos anos sesenta as bandas publicaban os seus traballos discográficos, ás veces máis dun disco por ano, facía que cada pouco tempo saíse ó mercado un compilatorio de grandes éxitos que recollían os últimos trallazos sementados e algunha canción inédita. Por iso non sorprende que no ano 1969 os Rolling Stones fosen xa polo seu segundo grandes éxitos oficial, Through the Past, Darkly (Big Hits Vol. 2) cando apenas levaban unha década revoluncionando o rock. Como adoitaba acontecer con cada álbum dos Stones, este contou con dúas edicións: unha británica e outra estadounidense onde non sempre coinciden as mesmas cancións e a orde das que si aparecen en senllas versións é distinta. Unha das inéditas que está nas dúas versións é  "Jumpin' Jack Flash", outro clásico da banda.


Como xa pasara con "Satisfaction" e Otis Redding, "Jumpin' Jack Flash" tamén foi interpretado por outra lenda do soul, neste caso por Aretha Franklin, quen realizou unha espectacular versión no álbum epónimo de 1986. O produtor da versión non foi outro que Keith Richards.


Unha canción cun riff moi semellante a de "Jumpin' Jack Flash" é a dos Kinks "Catch Me Now I'm Falling", pertencente a Low Budget (1979).

xoves, 22 de xaneiro de 2015

Paint It Black

The Rolling Stones comezaron a diferenciarse do resto das grandes bandas británicas dos sesenta con Aftermath (1966), un álbum que os puña nun nivel superior, case á mesma altura que os fabulosos de Liverpool, e iso non era doado, pois a enorme calidade da música daquelas bandas marcaron a historia do rock. Pero xusto nese fantástico ano de 1966 parecía que Mick Jagger e Keith Richards estivesen tocados por unha variña máxica, ó igual que Brian Jones, cuxos dedos sacaban os mellores sons de calquera instrumento que tocase como o sitar, que non era moi habitual que se empregase no rock. Aínda así, os Stones recorreron a este inusual instrumento en "Paint It Black", unha da melloriñas que o tándem Jagger/Ricahrds compuxo na dilatada carreira da banda. O curioso é que "Paint It Black" só aparecía na edición americana do disco, con moitas menos cancións que a edición británica, que malia iso, careceu das dotes interpretativas de Jones co sitar nesta canción.


As versións de "Paint It Black" apareceron coma setas pouco despois e cada certo tempo é habitual atopar algunha nova. Unha das primeiras e das mellores é a de Eric Burdon & War. O cantante de The Animals gravou esta orixinal versión en clave funk coa banda californiana no álbum The Black Man's Burdon (1971).


Máis achegada ó son orixinal é a versión española que fixeron Los Salvajes poucos anos despois da publicación dos Stones co título "Todo negro".


É unha versión da de Los Salvajes foi a que fixo M-Clan no álbum en directo Sin enchufe (2001).


A última versión máis destacada foi a de Plan B en 2007, unha revisión total titulada "Paint It Blacker".

martes, 11 de novembro de 2014

(I Can't Get No) Satisfaction

Segundo as estatísticas, a meirande parte dos fans e da crítica especializada coincide en que "(I Can't Get No) Satisfaction" é a mellor canción de The Rolling Stones, unha conclusión comprensible, pero tamén difícil dado a cantidade de temas fabulosos que Mick Jagger e Keith Richards teñen composto desde que puxeron en funcionamento a banda. O que xa non todo o mundo sabe é que cando os Stones a incluíron na edición americana de Out of Our Heads (1965), para os seus creadores era un tema menor, máis de recheo que outra cousa, por moi polémica que puidese ser a letra. En definitiva, nin de lonxe poderían imaxinar que sería a canción por excelencia da extensa discografía dos Rolling Stones. Pénsese por un intre que nin sequera consideraron necesaria que aparecese na edición británica. Pero esa percepción negativa de "(I Can't Get No) Satisfaction" ía cambiar moi pronto.


Pouco despois da publicación en Estados Unidos da canción dos Stones, Otis Redding entraba nos estudios da Stax en Memphis para preparar o seu terceiro disco Otis Blue, que se publicaría en setembro de 1965. No novo álbum, Redding versionaba cancións doutros artistas de soul coma o seu admirado Sam Cook, Salomon Burke e Smokey Robinson, ademais de incluír cancións propias. Pero tamén hai versións dun temas blues de B.B. King, e máis sorprendente aínda, a versión en clave soul de "Satisfaction", duns Stones que trala invasión británica do ano anterior, aínda estaban empezando a ser coñecidos por aquelas terras. Pois ben, cando escoitaron a versión de Redding, Mick Jagger e compañía xa miraron con outros ollos a "(I Can't Get No) Satisfaction".

http://youtu.be/CpmZWUPrCgo

O caso é que non só a Otis Redding a canción dos Stones non lle parecía mala. A influencia de "(I Can't Get No) Satisfaction" pode rastrexarse mesmo na de Buffalo Springfield "Mr. Soul", que abría o segundo álbum da banda de Neil Young, Buffalo Springfield Again (1967).

http://youtu.be/HSqJf6JbpPA

É certo que das versións posteriores que se fixeron desta canción dos Rolling Stones, ningunha é tan espectacular coma a de Otis Redding, pero non pasa desapercibida a de Devo, imprimíndolle un toque new wave que situaban a "Satisfaction" como unha canción acorde no son de finais dos setenta. Aparece no álbum de debut de Devo Q: Are We Not Men? We Are Devo! (1978).

xoves, 25 de setembro de 2014

Green Onions

Booker T. & the M.G.'s. foi unha das bandas de cabeceira da discográfica Stax, unha das máis importantes dos anos 60 sobre música soul, pero tamén adoitaba apostar por outros xéneros musicais que combinaban blues, rock e soul. A banda formada por Booker T. Jones, Steve Cropper, Al Jackson Jr. e Lewi Steinberg reunía todas esa calidades e certificárono no seu álbum de debut Green Onions (1963) onde posiblemente a canción máis destacada sexa precisamente á que lle dá título ó álbum. "Green Onions" é un tema instrumental que arrasou tanto pola melodía como polos arranxos da guitarra de Crooper deixando unha fonda pegada noutros músicos.


Ó amparo do éxito que colleitou "Green Onions", Booker T. & the M.G.'s gravaron  unha segunda parte á que titularon "Mo Onions" e que foi single en 1964.  http://youtu.be/ZxEmgFpkR3g

O certo é que a rápida sona de "Green Onions" nos circuitos de blues fixo que moitos reproducisen algúns patróns para novos temas, coma o caso de John Lee Hooker con "Onions", no álbum The Big Soul of John Lee Hooker (1963).


Dese mesmo ano é tamén o single de Sonny Boy Williams, "Help Me", que tamén adopta a mesma estrutura de "Green Onions".


As bandas emerxentes do momento tamén viraron os ollos e os oídos cara o éxito de Booker T. & the M.G.'s. The Rolling Stones imitárono en "Stoned", single que tamén apareceu en 1963.


Os Beatles non foron menos e compuxeron o tema instrumental "12-Bar Original", que gravaron en 1965. Non obstante non se publicou ata 1996 incluído no recompilatorio Anthology 2.


E en clave funk, a canción de Stevie Wonder "Higher Ground" recolle algúns dos elementos de "Green Onions". Atópase no álbum Innervisions (1973).

martes, 12 de agosto de 2014

Miss You

A década de 1970 foi das máis produtivas para os sempre inquietos Rolling Stones. Nese período de tempo a banda de Mick Jagger, Keith Richards, Charlie Watts e Ronnie Wood editou os seus mellores discos tras sobrevivir a momentos convulsos dentro da formación coma a expulsión de Brian Jones e o seu posterior falecemento, e o paso fugaz de Mick Taylor, un dos mellores guitarristas que se podía encontrar daquela. Por se fose pouco a ambición dos compoñentes, especialmente dos pesos pesados Jagger e Richards, foi superior ó acomodamento que supuña vir dunha etapa onde xa deixaran algunhas cancións imborrables. Some Girls (1978) é un dos mellores álbums para moitos fans e para boa parte da crítica, que o sitúa nos primeiros postos dos traballos dos Stones. O single que serviu de presentación é o potente "Miss You", co que Jagger e Richards se introducen timidamente nos sons disco que marcaban a música nesa época.


Hai unha versión de "Miss You" por riba de todas as demais. Etta James pousou o ritmo frenético da versión orixinal e converteuna nun moderno blues no álbum Matriarch of the Blues (2000). Poucas versións coma esta están á altura do tema orixinal cun estilo tan diferente.


Pero riff de guitarra de Keith Richards en "Miss You" tamén serviu de inspiración a outros músicos para as súas cancións. Talvez a máis destacada sexa a de Red Hot Chili Peppers "Knock Me Down", do álbum Mother's Milk (1989), que garda algún eco do tema dos Stones.

mércores, 16 de abril de 2014

Constant Craving

Un dos mellores discos de 1992 ou polo menos, dos máis agradables dese ano é Ingénue, o segundo na carreira da cantautora canadense K.D. Lang, que se pecha cunha canción que bateu marcas nas listas de vendas. Trátase de "Constant Craving", un tema pop cunha atmosfera relaxante que a achega ó traballo doutras artistas coma Sade e Des' Ree, que daquela estaban no máis alto. Quizais por iso a atención por "Constant Craving" por parte da crítica foi inmediata e loou a composición escrita por K.D. Lang  e Ben Mink como unha das mellores do ano, algo que se traduciu coa obtención dun Grammy.

http://youtu.be/8khg9A_RXN0

En 1997, os Rolling Stones viviron unha situación irónica que non adoita producirse moitas veces no mundo da música. Mentres acusaban a Richard Ashcroft de plaxio polo tema de The Verve "Bittersweet Symphony", comezáronse a oír voces que dicían que o flamante single de presentación do disco Bridges to Babylon, "Anybody Seen My Baby?", contiña certo parecido nalgún momento do retrouso con "Constant Craving". Jagger e Richard defendéronse alegando que non a coñecían, pero o caso foi que finalmente os nomes de K.D. Lang e Ben Mink tiveron que incluírse nos créditos do disco como autores de "Anybody Seen My Baby?"  xunto cos de Keith Richards e Mick Jagger.

luns, 10 de febreiro de 2014

You Can't Always Get What You Want

O oitavo álbum dos Rolling Stones, Let It Bleed (1969), pasou á historia por ser o último no que traballou Brian Jones e o primeiro no que participou Mick Taylor, polo que marcaba unha época de transición que habería de repercutir no devir dunha das bandas que xa entón era das máis importantes. E precisamente, por estar chamada xa daquela a liderar o rock xunto cos Beatles, a crítica pronto inventou unha  rivalidade máis ben ficticia entre ámbolos dous grupos, cando en realidade, tanto os membros dunha banda coma da outra non tiñan ningún problema en colaborar xuntos, sempre que as respectivas casas discográficas non puxesen impedimentos. "You Can't Get What You Want" é a canción que pecha o excelente Let It Bleed.

http://youtu.be/PkGrkNu6mDg

E baseada nesta canción dos Stones, George Michael compuxo "Waiting for That Day", que aparecería no segundo disco en solitario do ex membro de Wham! Listen Without Prejudice Vol. 1 (1990). Pero como Jagger e Richards, ou as persoas que os asesoran, son listos coma raposos, fixeron que George Michael se vise obrigado a incluír nos créditos da canción os nomes dos dous Stones e ademais, o título final da canción de George Michael inclúe a dos Rolling Stones, quedando por tanto: "Waiting for That Day (You Can't Always Get What You Want)", como se fose unha unha versión máis cunhas cantas variacións. Anos máis tarde, Mick Jagger e Keith Richards haberían de facer unha xogada semellante con The Verve, como xa vimos  nunha ocasión.

http://youtu.be/iUNfAIRcpRU

xoves, 26 de decembro de 2013

The Eyes of Truth

Michael Cretu, o artífice de Enigma, demostrou que sabía crear auténticos cócteles musicais mesturando as máis variadas tendencias e estilos de xeito arriscado, pero cun resultado perfectamente coherente que se convertiu no selo inconfundible de Enigma. Iso de empregar cantos gregorianos con sons propios das discotecas chegou a escandalizar no seu momento, mais a ninguén se lle escapa hoxe que a contribución de Cretu é máis que positiva. "The Eyes of Truth", canción do álbum The Cross of Changes (1994), resume moi ben o labor de Enigma, ese estilo peculiar de crear algo novo a partir do xa existente. En "The Eyes of Truth" conflúen unha variedade de samples dos máis diversos estilos que a converten nunha amálgama única, e todo concentrado en apenas algo máis de cinco minutos.


Un dos samples que Cretu empregou pertence ó tema de Vangelis "Mare Tranquilitatis", do álbum  Albedo 0.39 (1976). Unha forma de homenaxear a un dos pioneiros da música electrónica e experimental do que Cretu tanto aprendeu.


Mais as influencias que inspiran o tema de Enigma son  practicamente coétaneas do álbum The Cross of Changes e pertencen a cancións que se editaran pouco tempo antes. O disco de Anne Dudley e Jaz Coleman  Songs from the Victorious City (1991) foi decisivo para a composición de "The Eyes of Truth", como ben reflicte "Endless Festival".


Por outra parte, cómpre sinala-la influencia dos últimos traballos de  Genesis e de Peter Gabriel nesta canción . En "Eyes of Truth" atopamos un rastro directo do tema de Genesis "Dreaming  While You Sleep", do álbum We Can't Dance (1991).


Tamén resulta curioso o leve parecido da canción de Peter Gabriel "Kiss That Frog" do álbum Us (1992) co tema anterior dos seus ex compañeiros de Genesis, e de certa maneira, Cretu soubo aproveitalo.


E tamén de xeito moi directo está presente U2 con"Ultraviolet (Light My Way)", pertencente ó gran álbum Achtung Baby (1991). Ese traballo foi o mellor dese ano, e tendo en conta a cantidade de temas que Cretu emprega do ano 1991, resultaría raro que se lle pasase desapercibido a Cretu.


E dando unha volta máis, "Ultraviolet (Light My Way)" lembra moitísimo no retrouso á canción de The Rolling Stones "Out of Time", pertencente a  Aftermath (1966). Seguro que Cretu non recorreu a ningún tema dos Stones precisamente porque xa se atopaban ecos dun deles na canción de U2.