Un dos mellores discos de 1992 ou polo menos, dos máis agradables dese ano é Ingénue, o segundo na carreira da cantautora canadense K.D. Lang, que se pecha cunha canción que bateu marcas nas listas de vendas. Trátase de "Constant Craving", un tema pop cunha atmosfera relaxante que a achega ó traballo doutras artistas coma Sade e Des' Ree, que daquela estaban no máis alto. Quizais por iso a atención por "Constant Craving" por parte da crítica foi inmediata e loou a composición escrita por K.D. Lang e Ben Mink como unha das mellores do ano, algo que se traduciu coa obtención dun Grammy.
http://youtu.be/8khg9A_RXN0
En 1997, os Rolling Stones viviron unha situación irónica que non adoita producirse moitas veces no mundo da música. Mentres acusaban a Richard Ashcroft de plaxio polo tema de The Verve "Bittersweet Symphony", comezáronse a oír voces que dicían que o flamante single de presentación do disco Bridges to Babylon, "Anybody Seen My Baby?", contiña certo parecido nalgún momento do retrouso con "Constant Craving". Jagger e Richard defendéronse alegando que non a coñecían, pero o caso foi que finalmente os nomes de K.D. Lang e Ben Mink tiveron que incluírse nos créditos do disco como autores de "Anybody Seen My Baby?" xunto cos de Keith Richards e Mick Jagger.
Ningún comentario:
Publicar un comentario