De vez en cando os compositores xúntanse para crear novas cancións, que ben gravan en solitorio ou ben producen unha colaboración que normalmente adoita ser moi estimada. Bruce Springsteen e Patti Smith escribiron "Because the Night", que en principio só ía formar parte do álbum Darkness of the Edge of Town (1978) de Springsteen, pero este quedou tan desencantado co resultado cando a gravou, que finalmente non se incluíu no álbum nin en ningún dos posteriores do Boss. No entanto, Patti Smith, que naquel momento preparaba o álbum Easter (1978) no estudio contiguo ó de Bruce Springsteen, decidiu gravala para o seu álbum despois de que Jimmy Iovine, o produtor tanto do disco de Patti Smith coma do de Springsteen, lla ofrecese, e así "Because the Night" converteuse no primeiro single do álbum de Patti Smith Group e unha das cancións máis aclamadas da compositora.
E desde logo, moitas das versións que se fixeron de "Because the Night" tiveron moito éxito e nin sequera así Bruce Sprinsgteen se animou a tentar gravala de novo, malia que é habitual que a cante nalgúns concertos. Das versións exitosas, destaca a de 10000 Maniacs no seu MTV Unplugged (1993).
Un ano antes da versión de 10000 Maniacs, nas discotecas soaba unha versión dance a cargo de Co.Ro e Taleesa, que fixo que a popularidade do tema se disparase.
Tahúres Zurdos gravaron unha versión en castelán co título "La Noche Es", onde respecta con bastante fidelidade á letra orixinal. Pertence ó disco El Tiempo de la Luz (2000).
Das últimas versións que se fixeron, a máis interesante quizais sexa a de Garbage coa colaboración de Screaming Females, un single que editaron en 2013.
Ningún comentario:
Publicar un comentario