Como vimos tantas veces, as cancións tradicionais son unha fonte inagotable de influencia para a música moderna dende sempre. Moitas cancións rock cun estilo innovador en realidade están baseadas en melodías antigas que perviven a través de interpretacións novas que se van adaptando á actualidade. A tradición irlandesa é unha das máis prolíficas, pois a ela acoden os músicos continuamente e por iso a lírica irlandesa é das máis coñecidas do mundo. "She Moved Though the Fair" conta con innumerables versións gravadas, especialmente desde a década de 1950, algúns respectando estritamente o estilo tradicional e outros, coma o irlandés Paddy Tunney reescribindo parte da letra pero sen meterse coa liña melódica. En calquera caso, cada músico deulle a "She Moved Through the Fair" o seu toque persoal, que fai que cada versión desta canción sexa realmente única. Unha das máis importantes é a de Davey Graham en 1962, que aparece no EP From a London Hootenary. A versión de Graham ten a particularidade de que é só instrumental, é dicir, prescinde completamente da letra para deixar só a melodía.
Baseada na versión de Davey Graham, Jimmy Page compuxo durante a súa etapa en The Yardbirds o tema instrumental "White Summer" e que apareceu no álbum Little Games (1967). A principal novidade que Page engade é certa influencia oriental que a distingue completamente da de Graham.
Jimmy Page sentía unha especial inclinación por "White Summer", incluso moito despois de abandonar The Yardbirds e formar Led Zeppelin, e era habitual que a interpretase nos concertos da nova banda. Tanto era o peso que "White Summer" significaba para Led Zeppelin que o comezo de "Over the Hills and Far Away", un dos temas do disco Houses of the Holy (1973), recorda moito a "White Summer", e por suposto, cun son que remite á interpretación que Davey Graham fai de "She Moved Through the Fair"
Outra banda que tamén baseou unha canción súa en "She Moved Through the Fair" foi Simple Minds con "Belfast Child", no álbum Street Fighting Years (1989).
Ningún comentario:
Publicar un comentario