Amosando publicacións coa etiqueta AC/DC. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta AC/DC. Amosar todas as publicacións

luns, 3 de novembro de 2014

The Shape of the Things to Come

O ano pasado anunciouse o regreso despois de trinta anos dunha banda escocesa da que moitos apenas oíron falar e da que só uns cantos se lembraban. Volvían The Headboys por todo o alto cun disco totalmente do trinque, con cancións inéditas, o que constituía un motivo de celebración. No entanto, se a noticia non tivo demasiada repercusión nos medios especializados de música debeuse a breve andaina que The Headboys tivo no seu momento. Formada en Edimburgo no ano 1977, tardarían dous en sacar The Headboys (1979), que a pesar dos numerosos singles, pasou sen pena nin gloria e poucos meses despois os membros de The Headboys diluían a banda entre a indiferenza xenenralizada. Con todo, en The Headboys quedou a lembranza dun dos singles, "The Shape of the Things to Come", unha canción rockeira que lle ocasionou a The Headboys unha pequena alegría na súa curta traxectoria.


Non se sabe moi ben que foi o que moveu a The Headboys a retomar outra vez os instrumentos e meterse nun estudio de gravación para sacar novo material, pero seguramente algo tivo que ver que AC/DC empregase un riff de guitarra moi semellante ó de "The Shape of the Things to Come" en "Anithing Goes", unha das cancións que compoñen Black Ice (2008).

martes, 15 de outubro de 2013

Back in Black

A perda do vocalista e líder dunha banda adoita traer consecuencias nefastas para esta, a non ser que os demais membros posúan a capacidade suficiente para reinventa-lo grupo sen perde-las señas de identidade. Nesa tesitura atopábase AC/DC en 1980 despois do pasamento de Bon Scott, pero os irmáns Young recorreron a Brian Johnson para evitar poñerlle o punto final a unha das bandas de hard rock que xa era todo un referente neste xénero do rock. Así que a nova etapa de AC/DC estreouse cun novo disco chamado Back in Black (1980) que chegou ó mercado tan só uns meses despois do falecemento de Bon Scott. A canción que lle dá título é unha das máis importantes na discografía de AC/DC e, como non, está dedicada a Bon Scott.


Cuns riffs totalmente recoñecibles, "Back in Black" deixou o seu rastro noutras cancións. Os Beastie Boys empregárona no seu tema "Rock Hard", single de 1984. Toda unha homenaxe a AC/DC.


A influencia desta canción de AC/DC é tal que tamén os grupos de pop para adolescentes teñen botado man dela para ilustrar algunha das súas creacións. No álbum Kingsize que Five publicou en 2001 está "Lay All Your Lovin' on Me", con samples de "Back in Black".

martes, 28 de agosto de 2012

You Shook Me All Night Long

A década de 1980 comezou para os australianos AC/DC con novo material discográfico. O décimo disco da banda de Malcolm Young e os irmáns Young Back in Black (1980) confirmaba que o heavy metal de AC/DC gozaba de moi boa saúde nunha época onde a música electrónica estaba facendo furor. Os riffs da maioría das cancións deste álbum son hoxe clásicos que se pode rastrexar en moitas cancións rock. O primeiro single "You Shook Me All Night Long" xa anunciaba que estabamos ante unha obra destinada a perdurar no tempo.


En novembro de 1985 Queen presentaba en sociedade o adianto do seu novo álbum A Kind of Magic que vería a luz en xuño de 1986. O single elixido que nos anticipaba o vixésimo traballo de Freddie Mercury, Roger Taylor, Brian May e John Deacon foi "One Vision", que parece estar empapado do melloriño de AC/DC. É coma se Brian May e Freddie Mercury se pasasen os meses de preparación de A Kind of Magic escoitando constantemente o Back in Black de AC/DC e iso repercutise en "One Vision". En calquera caso, "You Shook Me All Night Long" e "One Vision" son dous exemplos de boas cancións salpicadas de boas guitarras.

mércores, 9 de maio de 2012

Highway to Hell

AC/DC é a banda de rock máis importante de Australia. Dende a súa aparición a mediados dos anos 70,  a banda dos irmáns Young fixéronse cun oco merecido dentro do panorama do rock e o heavy metal grazas a unha enerxía fóra de serie e ó seu potente directo, acadado cunha distorsión de guitarras que se converteron no seu selo característico. En 1979 publicaron Highway to Hell, o seu sétimo traballo discográfico, onde o corte número un, que lle dá título ó álbum, sería co tempo un dos grandes clásicos de AC/DC.


Como tódalas bandas que innovan na música, AC/DC convertéronse nun referente para moitas bandas posteriores que tentaron acadar o seu propio son seguindo o modelo dos australianos. En España, os máis destacados son os vigueses Siniestro Total que mesmo chegaron a versionar algúns dos temas de AC/DC, pero onde talvez máis se note esa influencia nun dos seus temas sexa en "Somos Siniestro Total", adaptación   de "Highway to Hell" e toda unha declaración de intencións que mostraba a filosofía da banda na reedición de 2002 do seu sétimo disco de estudio En Beneficio de Todos (1990).