martes, 15 de outubro de 2013

Back in Black

A perda do vocalista e líder dunha banda adoita traer consecuencias nefastas para esta, a non ser que os demais membros posúan a capacidade suficiente para reinventa-lo grupo sen perde-las señas de identidade. Nesa tesitura atopábase AC/DC en 1980 despois do pasamento de Bon Scott, pero os irmáns Young recorreron a Brian Johnson para evitar poñerlle o punto final a unha das bandas de hard rock que xa era todo un referente neste xénero do rock. Así que a nova etapa de AC/DC estreouse cun novo disco chamado Back in Black (1980) que chegou ó mercado tan só uns meses despois do falecemento de Bon Scott. A canción que lle dá título é unha das máis importantes na discografía de AC/DC e, como non, está dedicada a Bon Scott.


Cuns riffs totalmente recoñecibles, "Back in Black" deixou o seu rastro noutras cancións. Os Beastie Boys empregárona no seu tema "Rock Hard", single de 1984. Toda unha homenaxe a AC/DC.


A influencia desta canción de AC/DC é tal que tamén os grupos de pop para adolescentes teñen botado man dela para ilustrar algunha das súas creacións. No álbum Kingsize que Five publicou en 2001 está "Lay All Your Lovin' on Me", con samples de "Back in Black".

Ningún comentario:

Publicar un comentario