En plena efervescencia da música funk, a música de Stevie Wonder estaba de plena actualidade. Sen renunciar ó soul nin ó pop, a medida que Stevie medraba como artista, o seu son ía incorporando os novos sons do momento, de modo que a súa evolución era permanente. En 1976, con dezasete discos xa ás súas costas e metido de cheo en labores de produción, saíu Songs in the Key of Life que lle valeu a Stevie Wonder dous premios Grammy. Unha das grandes cancións dese disco é "Pastime Paradise", que xoga cun estilo que lembra os himnos relixiosos para criticar os tempos actuais onde prima o materialismo por riba dos valores espirituais. Case corenta anos despois, a letra segue totalmente vixente e os acordes e a melodía nunca se esqueceron.
A canción volveu á primeira plana en 1995 cando o rapeiro Coolio a empregou en "Gangsta's Paradise" que pertence ó álbum do mesmo nome. Pero a repercusión chegou sobre todo ó estar incluída na banda sonora da película "Dangerous Minds", onde Michelle Pfeiffer interpretaba a unha profesora nun suburbio conflitivo.
A repercusión que tivo a canción de Coolio reactivou o recordo da orixinal de Stevie Wonder e outros artistas tentaron conseguir a súa sona recorrendo a mesma fórmula. "Pastime Paradise", que lle serviu a Coolio como pasaporte á fama mundial, volveuse de súpeto un recurso moi útil. Mary J. Blige sampleouna na canción "Time" do disco Mary (1999).
Ian Brown, o líder de Stone Roses, tamén se deixou seducir pola música de Stevie Wonder, algo que se aprecia na súa carreira en solitario. A influencia de "Pastime Paradise" é notable en "F.E.A.R.", canción do disco Music of the Spheres (2001).
Pero seguramente a máis famosa trala de Coolio foi a dos británicos Blue, "Curtain Falls" que incluíron no recompilatorio Best of Blue (2004).
Ningún comentario:
Publicar un comentario