Nos últimos anos é moi habitual que os líderes dunhas determinadas bandas con certa sona decidan emprender novos proxectos paralelos que lles permitan adentrarse en experimentos que nos grupos orixinais serían moi difíciles de levar a cabo. Vímolo xa con Animal Collective e Panda Bear, así que hoxe traemos outro exemplo semellante. Ben Gibbard, que levou ó máis alto do rock alternativo a Death Cab for Cutie desde finais dos anos 90, animouse a probar sorte no electropop xunto con outros músicos doutras bandas. O resultado foi The Postal Service, unha especie de supergrupo como o os que xurdían habitualmente nos anos 70. Así cun son totalmente diferente ó de Death Cab for Cutie, The Postal Service debutaban en 2003 co álbum Give Up, cuxo primeiro single "Such Great Heights" é tan bo como calquera das cancións que Ben Gibbard nos ofrece con Death Cab for Cutie.
Para ter editado tan só un disco, The Postal Service convertiuse nun dos novos paladíns do electropop da última década, como ben proba as boas críticas que colleitou, así como que moitos artistas non dubiden de vez en cando en facer algunha versión dese traballo. E non só iso, Owl City, que nos últimos anos se convertiu nun referente da música electrónica, tamén se deixou engaiolar pola calidade de Give Up e esa influencia é notable na canción "Shooting Star", pertencente ó album The Midsummer Station (2012).
Ningún comentario:
Publicar un comentario