mércores, 9 de outubro de 2013

Oh No Not My Baby

Carole King é quizais unha das autoras de cancións máis relevantes na música popular das últimas cinco décadas. Da súa pluma, saíron verdadeiros éxitos de vendas que coronaron a non poucos artistas, á parte de consagrala a ela mesma como unha das cantautoras de referencia desde os anos 60. Xunto co seu home, Gerry Goffin asinou algunha das súas mellores composicións, como é o caso de "Oh No Not My Baby", que lle cederon a Maxine Brown, o maior éxito que acadou a cantante de Carolina do Sur. Editada como single en 1964, foi a canción estrela do álbum Spotlight on Maxine Brown dese ano, e iso que a idea previa dos produtores do selo de Maxine Brown era ofrecerlla primeiro a The Shirelles.


Cunha longa lista de versións, "Oh No Not My Baby" revive nos primeiros compases do single de debut da australiana Gabriella Cilmi "Sanctuary" (leva o mesmo título que a canción de The Cult, pero iso é único que teñen en común), pertencente ó disco Lessons to Be Learned (2008) onde tamén está o gran éxito "Sweet About Me".

Ningún comentario:

Publicar un comentario