Amosando publicacións coa etiqueta Savage Garden. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Savage Garden. Amosar todas as publicacións

xoves, 13 de xuño de 2013

Bend Me, Shape Me

Larry Weiss e Scott English son dous dos compositores máis recoñecidos dos anos 60, xa que moitas das súas creacións acadaban os postos altos das listas de vendas sen demasiada dificultade, sempre nas voces de grupos e artistas que sabían que traballar con eles era un aval á fama. A banda de Ohio The Outsiders foron dos primeiros afortunados en contar coa súa colaboración, aínda que finalmente, a súa andaina como banda non tivo un recorrido moi extenso. No álbum The Outsiders In (1967) inclúen "Bend Me, Shape Me", un dos éxitos coa sinatura de English e Weiss.


E seguramente debido a que The Outsiders non chegaron a consolidarse como banda, a versión orixinal de "Bend Me, Shape Me" quedou un pouco no esquecemento, xa que en decembro de 1967 The American Breed debutaban cunha nova versión de "Bend Me, Shape Me", que foi a que triunfou. The American Breed elixírona coma canción estrela do seu disco de debut ó titulalo Bend Me Shape Me.


Varias décadas despois, moitos críticos sinalaron que o retrouso de "Bend Me, Shape Me" semellaba estar presente no éxito de Garbage "I Think I'm Paranoid", segundo single do disco Version 2.0 (1998).

http://www.goear.com/listen/b829515/i-think-im-paranoid-garbage

E xa bastante máis afastados pero cuns toques que tamén lembran á canción de The Outsiders, Savage Garden incluíron no seu debut "Break Me Shake Me" en 1997.

http://youtu.be/pTWk867U6j0

venres, 31 de agosto de 2012

When Doves Cry

Albert Magnoli dirixiu en 1984 a película Purple Rain, un drama musical que tiña como protagonista o rock e do que él mesmo se encargou do guión xunto con William Blinn. O personaxe principal está encarnado por Prince, que tamén se compuxo a banda sonora, que suporía o sexto disco do músico de Minnesota. O álbum Purple Rain, editado baixo o nome de Prince and The Revolution é un dos máis aclamados, xa que contén auténticos himnos como a canción que lle dá título a película e "When Doves Cry", entre outras.


Das versións que se fixeron desta canción destaca de maneira significativa a de Patti Smith, que en 2002 a incluíu no seu disco recompilatorio Land (1975-2002).


"When Doves Cry" tamén foi sampleada moitas veces, sobre todo por rapeiros. Por iso sorprende que o cantante australiano Darren Hayes, ex componente de Savage Garden, incluíse o son da batería de "When Doves Cry" na súa canción "Darkness" nalgunha ocasión que a interpretaba en directo. O certo é que "Darkness", do álbum The Tension and the Spark (2004) ten un ritmo que se asemella ó tema de Prince.

venres, 24 de agosto de 2012

Numb

As expectativas que se crearon trala publicación de Achtung Baby (1991) foron altas para U2. Mais o que podería ser un contratempo para unha banda novel non supuxo outra cousa que un reto de fácil superación para Bono e compañía. Así que en 1993, tanto público coma crítica aplaudiron a publicación de Zooropa, oitavo álbum dos irlandeses que se presentaba cunha sorpresa. O single elexido para a promoción foi o corte 3 "Numb" onde The Edge se puña á fronte do micrófono principal. 


Moi parecido é o tema co que os australianos Savage Garden se deron a coñecer en medio mundo, "I Want You", do álbum epónimo publicado en 1996.

http://www.goear.com/listen/19dd06e/i-want-you-savage-garden

Moito está dando que falar o novo single que acaba de presentar Muse como adianto do seu novo traballo discográfico The 2nd Law que con toda seguridade sairá ó mercado o vindeiro mes de outubro. "Madness" é a segunda canción que se coñece deste novo disco tras "Survival", a canción oficial dos Xogos Olímpicos que se celebraron en Londres, e dende que a deron a coñecer todo o mundo empezou a comparala con outras cancións buscando posibles influencias e semellanzas, xa que todos parecen coincidir en que ten un aire demasiado "oitenteiro". Para algúns parécese "I Want to Be Free" de Queen, e é innegable que a canción débelle moito á banda do inesquecible Freddie Mercury; xa só a guitarra que se escoita cara ó final do tema parece propia de Brian May. Para outros, lembra moito tamén ós primeiros tempos da carreira de George Michael en solitario e apuntan directamente a "Faith". Na nosa humilde opinión, estamos de acordo con todas estas análises, pero se nos temos que decantar cunha das influencias máis claras é a de U2; o son en xeral ten tamén moito de Zooropa, en concreto de "Numb"; case se podería dicir que Matt Bellamy mesturou con mestría todas esas influencias en "Madness" e mesmo se sinala que a canción está máis próxima a "Undisclosed Desires", de The Resistance (2009) ca a calquera outra canción de Muse. En calquera caso, estamos de novo ante unha enorme canción dos de Devon, xa só falta que deseñen definitivamente o seu propio estilo para que non se volva confundir cos dos demáis artistas.