Amosando publicacións coa etiqueta Patti Smith. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patti Smith. Amosar todas as publicacións

venres, 31 de xullo de 2015

Money (2)

Hai que ver a de boas cancións que quedaron fóra do primeiro monográfico dedicado ó diñeiro e, xa que logo, vai sendo hora de retomar unha segunda parte, constituíndo unha nova serie con novas entregas, en canto reunindo máis cancións sobre o mesmo contido que dean para novas entradas. Esperamos que as de hoxe vos deixen con bo sabor de boca. Comezamos con Patti Smith e a súa canción "Free Money", do álbum Horses (1975).

https://youtu.be/-3V1rNEmbRo

Seguimos coa Steve Miller Band e "Take the Money and Run", que titula ó álbum de 1976 da banda de San Francisco

https://youtu.be/Y7KjQrUVJ10

A finais dese mesmo ano, ABBA publicaba o álbum Arrival (1976) onde unha das canción estrelas é "Money Money Money".

https://youtu.be/uP0sC_s5EfE

Do mesmo título que a canción de ABBA, "Money Money Money", é a canción de Kevin Ayers, pertencente ó álbum Tha's What You Get Babe (1980).

https://youtu.be/etPFGcoR0Aw

Unha das cancións máis coñecidas de Donna Summer é a que titula ó álbum de 1983 She Works Hard for the Money. Un tema que mostra a realidade de moitas persoas, especialmente as mulleres, que teñen que traballar moi duro para poder chegar a fin de mes.

https://youtu.be/09ZSKE38lTU

martes, 1 de abril de 2014

Because the Night

De vez en cando os compositores xúntanse para crear novas cancións, que ben gravan en solitorio ou  ben producen unha colaboración que normalmente adoita ser moi estimada. Bruce Springsteen e Patti Smith escribiron "Because the Night", que en principio só ía formar parte do álbum Darkness of the Edge of Town (1978) de Springsteen, pero este quedou tan desencantado co resultado cando a gravou, que finalmente non se incluíu no álbum nin en ningún dos posteriores do Boss. No entanto, Patti Smith, que naquel momento preparaba o álbum Easter (1978) no estudio contiguo ó de Bruce Springsteen, decidiu gravala para o seu álbum despois de que Jimmy Iovine, o produtor tanto do disco de Patti Smith coma do de Springsteen, lla ofrecese, e así "Because the Night" converteuse no primeiro single do álbum de Patti Smith Group e unha das cancións máis aclamadas da compositora.


E desde logo, moitas  das versións que se fixeron de "Because the Night" tiveron moito éxito e nin sequera así Bruce Sprinsgteen se animou a tentar gravala de novo, malia que é habitual que a cante nalgúns concertos. Das versións exitosas, destaca a de 10000 Maniacs no seu MTV Unplugged (1993).


Un ano antes da versión de 10000 Maniacs, nas discotecas soaba unha versión dance a cargo de Co.Ro e Taleesa, que fixo que a popularidade do tema se disparase.


Tahúres Zurdos gravaron unha versión en castelán co título "La Noche Es", onde respecta con bastante fidelidade á letra orixinal. Pertence ó disco El Tiempo de la Luz (2000).


Das últimas versións que se fixeron, a máis interesante quizais sexa a de Garbage coa colaboración de Screaming Females, un single que editaron en 2013.

venres, 13 de setembro de 2013

Gloria

Non hai moito que lle dedicamos unha entrada a "Gloria" de Umberto Tozzi, así que xa lle tocaba tamén a quenda a outra canción do mesmo título que tamén conta cun lugar privilexiado no mundo da música. Falamos do tema composto por Van Morrison cando aínda era integrante da banda Them. A banda norirlandesa debutaba así en 1964 e un ano despois se convertería na canción estrela do álbum The Angry Young Them.


Cando Van Morrison xa era un artista cunha carreira en solitario consolidada, volveu gravar "Gloria" para algúns dos seus discos en directo. Asemade, outros artistas e grupos seguían o seu exemplo e "Gloria" converteuse nunha canción habitual nos concertos e de vez en cando, aparecía algunha versión nun disco de estudio dalgúns grandes, mais a versión que acadou un maior éxito despois da orixinal é a que Patti Smith incluíu no seu disco Horses de 1975, coa particularidade de que Smith variou algúns fragmentos da letra, mais aínda así, esta canción non renuncia á maxia inicial.

http://youtu.be/qBN5aaApg9Q

mércores, 9 de xaneiro de 2013

So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star

O cuarto álbum de The Byrds Younger Than Yesterday (1967) ábrese coa canción "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star", unha das máis populares da banda composta por Roger McGuinn, Gene Clark, David Crosby, Michael Clark e Chris Hillman. Co seu estilo habitual de mestura-lo rock coa psicodelia, The Byrds afondaban co seu cuarto traballo na procura dun son propio que os afastase da influencia  da música de Bob Dylan, que tanto marcara as orixes de The Byrds.

A principal versión que se fixo de "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star" atópase na voz de Patti Smith, que a gravou para o álbum Wave (1979), o cuarto traballo discográfico que publicou coa súa banda Patti Smith Group.

No mesmo ano en que Patti Smith sacaba a versión de "So You Want to Be a Rock 'n' Roll Star", a banda británica de rock Charlie publicaba Fight Dirty, que contén o tema "Killer Cut", con referencias sutís á canción de The Byrds.

martes, 13 de novembro de 2012

Kimberly

En 1975 saía publicado en Estados Unidos o álbum de debut de Patti Smith, Horses, producido por John Cale. O resultado viña a supoñer a consagración dunha cantautora ó rock cun primeiro disco decisivo que apostaba forte polo incipiente punk que conquistaría a música na segunda metade da década de 1970. Por outra banda, tamén foi decisivo para o movemento feminista que reivindicaba a presenza da muller no mundo do rock, ata daquela  dominado maioritariamente polos homes, sen caer nos estereotipos habituais que se empezaban a asociar a aquelas mulleres que se querían dedicar á música. Á marxe de todo isto, Horses, está cheo dunhas grandísimas cancións que influíron de maneira notable en músicos de moi diferentes estilos e tendencias. "Kimberly", o corte que abre a cara B do disco, é unha desas sensacionais cancións.


Johnny Marr e Morrisey, os principais componentes de The Smiths recoñeceron varias veces a infuencia que para eles tivo concretamente "Kimberly" no seu tema "The Hand That Rocks The Hardle", no álbum epónimo da banda de Manchester e que supuña o debut de The Smiths en 1984.

venres, 31 de agosto de 2012

When Doves Cry

Albert Magnoli dirixiu en 1984 a película Purple Rain, un drama musical que tiña como protagonista o rock e do que él mesmo se encargou do guión xunto con William Blinn. O personaxe principal está encarnado por Prince, que tamén se compuxo a banda sonora, que suporía o sexto disco do músico de Minnesota. O álbum Purple Rain, editado baixo o nome de Prince and The Revolution é un dos máis aclamados, xa que contén auténticos himnos como a canción que lle dá título a película e "When Doves Cry", entre outras.


Das versións que se fixeron desta canción destaca de maneira significativa a de Patti Smith, que en 2002 a incluíu no seu disco recompilatorio Land (1975-2002).


"When Doves Cry" tamén foi sampleada moitas veces, sobre todo por rapeiros. Por iso sorprende que o cantante australiano Darren Hayes, ex componente de Savage Garden, incluíse o son da batería de "When Doves Cry" na súa canción "Darkness" nalgunha ocasión que a interpretaba en directo. O certo é que "Darkness", do álbum The Tension and the Spark (2004) ten un ritmo que se asemella ó tema de Prince.