Amosando publicacións coa etiqueta David Bowie. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta David Bowie. Amosar todas as publicacións

mércores, 23 de decembro de 2015

Fame

Despois da intensa experiencia futurista que supuxo Ziggy Stardust para o glam rock, a evolución musical de David Bowie transitou cara a camiños máis convencionais, aínda que sempre buscando unha nova volta de porca, que se traduciu nunha serie de novos discos que nin moito menos se poden considerar menores dentro da extensa produción do Duque Branco. O seguinte paso, entón, foi ocuparse da música soul e do funk, que vivían unha época de esplendor e unha vez máis, Bowie demostra a súa mestría para desenvolverse en calquera tipo de xénero musical e asinar varios traballos discográficos con nota. Un deles é Young Americans (1975), noveno álbum deste camaleónico artista, que se pecha coa canción "Fame", cuxo riff de guitarra creouno Carlos Alomar, músico que traballara na banda de James Brown.



"Fame" é unha marabillosa canción funk que fascinou mesmo ó rei do soul e gran pope do funk James Brown, quen mesmo a finais dese mesmo ano de 1975, editou o single "Hot, (I Need to Be Loved, Loved, Loved)", que reproduce o riff que Alomar creara para a canción de Bowie.

xoves, 26 de novembro de 2015

Apache

Jerry Lordan deixounos importantes composicións instrumentais que executaron numerosos artistas, como é o caso de The Shadows, que levaron ó máis alto algunhas das súas pezas como "Wonderful Land" e "Apache", canción que hoxe vos presentamos. Non obstante, o primeiro en gravar esta peza, unha das que evoca a vida dos indios americanos, foi o guitarrista Bert Weedon, referencia musical para os propios Shadows. 


Malia que Bert Weedon conseguiu que "Apache" entrase nas listas de vendas británicas no ano 1960, serían The Shadows os que ese mesmo ano lograsen que a súa versión de "Apache" acadase unha popularidade desbordande ó colocala no primeiro posto da lista de vendas de Reino Unido durante cinco semanas e levala ó top 10 da estadounidense, á vez que propiciaba que moitos outros grupos instrumentais, como en España Los Pekenikes, fixesen a súa propia versión.


No entanto, a banda de funk Incredible Bongo Band faría unha versión revolucionaria de "Apache" no seu primeiro disco Bongo Rock (1973), que habería de sentar as bases para futuras versións, ademais de proporcionar samples para novas creacións.


A enorme influencia da versión de Incredible Bongo Band déixase sentir na canción de Amy Winehouse "In My Bed", pertencente ó seu álbum de debut Frank (2003).


A melodía de "Apache" tamén se pode apreciar na canción de David Bowie "How Does the Grass Grow?", do álbum The Next Day (2013), onde o nome de Jerry Lordan aparece nos créditos.

martes, 12 de maio de 2015

The Man Who Sold the World

Desde que para Space Oddity (1969) David Bowie contou con Tony Visconti na produción con tan bo resultado, estableceuse un tándem entre eles imprescindible nos seguintes traballos discográficos de Bowie. Dese modo, The Man Who Sold the World (1970) continuaba a liña emprendida no álbum anterior, con Bowie na procura dunha identidade musical propia que apenas uns anos despois habería explotar como un dos paladíns do glam rock, xunto con Marc Bolan. Entre tanto, en The Man Who Sold the World amósanse algúns trazos aínda non de todo definidos da nova vertente de rock, xa que David Bowie introduce algúns elementos do emerxente heavy, a diferenza do álbum anterior que desenvolve un concepto máis clásico do rock. A canción que lle dá título ó terceiro disco, "The Man Who Sold the World", non saíu como single, pero non deixa de ser das máis versionadas da discografía do artista británico.


Unha das primeiras versión de "The Man Who Sold the World" débese a escocesa Lulu, que a editou como single en 1974.


Midge Ure, o líder de Ultravox, viste a súa versión co estilo new wave que caracterizou a súa banda. Pertence a banda sonora da película Party Party (1982).


Máis achegada á versión orixinal de Bowie que a pop de Lulu, Richard Barone gravou unha versión no álbum Cool Blue Halo (1987).


Outra versión importante é a de Nirvana no álbum MTV Unplugged, publicado en 1994.


Parecía difícil que habendo tan boas versións de "The Man Who Sold the World", unha banda veterana como Simple Minds decidise tamén facer unha e que lle quedase xenial, coma a que incluíron no álbum de versión Neon Lights (2001).

martes, 23 de decembro de 2014

Amsterdam

Unha das cidades máis fermosas de Europa é sen dúbida Ámsterdam. A famosa cidade neerlandesa pode compararse coa estadounidense Nova York na enorme cantidade de grupos e de artistas que se inspiraron nas súas rúas, e neste caso nas súas canles, como para dedicarlle algunha composición. Chama especialmente a atención a manchea delas que nos últimos anos levan o título da capital dos Países Baixos, pero se volvemos a vista atrás, ás derradeiras décadas do pasado século, podemos ver que tamén hai unhas cantas cancións chamadas "Amsterdam", así que esta é a primeira entrega dos temas sobre "Amsterdam". Unha das que non poden faltar é "Aan de Amsterdamse grachten" (Polas canles de Amsterdam), unha composición de Dick Schallies sobre un poema de Pieter Goemans de 1949 que interpretou Wim Sonneveld.

http://youtu.be/TxgcEgzOnnQ

Tamén lle dedicou unha canción o francés Jacques Brel en 1964, unha bela composición en francés que logo habería de ter versións en distintas linguas nas voces doutros artistas.

http://youtu.be/ZkZ_ihsn404

Unha das versións máis coñecidas do tema de Jacques Brel é o que gravou en inglés David Bowie na cara B de "Sorrow", single de 1973 baseada na versión de Scott Walker. A versión de Bowie tamén se coñece como "Port of Amsterdam".

http://www.rmx.com.mx/wp-content/uploads/2013/10/bowie.jpghttp://youtu.be/l_LdJX-xga8

John Lennon e Yoko Ono haberían ser os seguintes no disco experimental Wedding Album (1969), unha peza de vinte e cinco minutos, nin máis nin menos, que ocupa a cara B. A duración é lixeiramente superior a "John & Yoko", a composición da cara A.

http://youtu.be/dmz4SOZ773c

Naturalmente, tamén houbo outros músicos e cantantes neerlandeses cantaron as marabillas de Amsterdam. Maggie MacNeal atopou a plataforma ideal para promocionar a cidade dos tulipáns e das canles en Eurovisión, no ano 1980.

http://youtu.be/x8d6UmW_wRE

Joan Baez tamén gravou unha canción sobre Amsterdam no álbum Play Me Backwards (1992), malia que por unha vez non a compuxo ela, senón a cantautora Janis Ian.


Os irmáns Van Halen, de orixe neerlandesa, tamén tiveron un detalle con esta cidade e no álbum Balance (1995) a banda dedicoulle unha canción. Proximamente continuaremos cun repaso por algunhas das cancións máis actuais sobre Ámsterdam.

luns, 28 de abril de 2014

Fashion

Os últimos días do verán de 1980 deixaban nas tendas de discos un novo traballo discográfico de David Bowie. O Duque Branco, que revolucionara a música e a estética en apenas dez anos, volvía á carga da man do seu inseparable Tony Visconti, o produtor co que Bowie deixara de ser só un músico para converterse nunha icona da moda máis rompedora. Deste modo aparecía Scary Monsters (and Super Creeps), o disco número 14 na conta de Bowie, pero que seguía soando tan fresco como as anteriores propostas do británico. O primeiro single, "Ashes to Ashes" callou de inmediato no público, pero o resto de cancións tamén tiveron unha moi boa acollida. A canción "Fashion", que hoxe vos presentamos, foi o segundo single.

http://youtu.be/aj3bkqhUQM0

E como case todo o que fai Bowie, "Fashion" foi decisiva na elaboración do tema de The Dandy Warhols "Scientist", que se inclúe no álbum Welcome to the Monkey House (2003). Malia que a produción correu a cargo do membro de Duran Duran Nick Rhodes, Tony Visconti tamén participou nalgunha canción, aínda que non concretamente nesta.

http://youtu.be/T907MZTvWSQ

martes, 21 de xaneiro de 2014

Let's Dance

David Bowie comezou a décadas dos 80 da mesma maneira coa que rematou á anterior: triunfando e sen deixar en ningún momento de ser un referente. Se Scary Monsters (and Super Creeps) (1980) aínda se podía entender coma unha continuación dos discos anteriores, de feito, sinálase como o último da triloxía berlinesa, Let's Dance (1983) mostraba a un novo Bowie, que renunciaba á produción con Tony Visconti, co que tan ben lle fora, e decidía traballar con Nile Rodgers, sumándose así á moda de moitos grupos que vían no fundador de Chic a clave do éxito rápido, cousa que podería sorprender tratándose dun artista consagrado coma Bowie. En calquera caso, Let's Dance superou as expectativas e o single que lle daba título ó disco está considerada hoxe como unha das mellores cancións do Duque Branco.

http://youtu.be/N4d7Wp9kKjA

A transcendencia que pronto obtivo "Let's Dance" pode apreciarse nunha das cancións de Duran Duran, que por aquela época era unha das bandas máis importantes do momento. O comezo de "Union of the Snake", canción do terceiro disco Seven and the Ragged Tiger, publicado a finais do ano 1983 ten algúns trazos que lembran a Bowie.

http://youtu.be/tyC3b_WG7N0

De "Let's Dance" tamén se sacaron samples moito máis recoñecibles, sobre todo por artistas de hip hop, coma Puff Duddy, que no álbum No Way Out (1997) incluíu este tema "Been Around the World", xunto con Notorious B.I.G e Mase baseado en "Let's Dance".

http://youtu.be/MCoAwpQagm0

O mesmo camiño seguiu Craig David en "Hot Stuff" no álbum Trust Me (2007).

http://youtu.be/LijjQi5l6bw

Tampouco ten maior historia a canción reggae de Collie Buddz "My Everything", de 2009, o sample só está ó comezo e quizais sexa o maior mérito da canción. Hai algunha máis, pero tampouco vale moito a pena mostralas. Con estas son suficientes.

http://youtu.be/XKqqGgeMmlg

martes, 19 de novembro de 2013

Queenage Baby

Trala publicación do relevante The Rise and Fall of Ziggy Stardust ans the Spiders of Mars (1972), David Bowie embarcouse nunha actividade frenética non só como músico e compositor, senón como produtor e colaborador doutros artistas. Jayne County foi unha das afortunadas que contou coa participación do equipo de Bowie nos primeiros anos da década dos 70. Unha das cancións de County que fascinou a Bowie foi "Queenage Baby", pertencente ó espectáculo Wayne at the Trucks (1974) gravada en xaneiro dese ano. Segundo declarou en moitas ocasións Jayne County, "Queenage Baby" é a base dun dos éxitos de Bowie "Rebel Rebel".

http://youtu.be/yLRi6Iz0QKw

O caso de ser certas as aseveracións de Jayne County, algo que comparten moitos críticos, David Bowie deuse boa présa en rendibilizar os acordes de "Queenage Baby". En abril de 1974 saía a venda Diamond Dogs que contén "Rebel Rebel", con certas similitudes coa canción de County. O feito de que esta estea producida polos colaboradores habituais de Bowie proba que o Duque Branco coñecía de antemán o traballo de Jayne County.

http://youtu.be/Sa6bI_95G9I

Pero ás veces, vémolo continuamente, o destino devolve o golpe. En 2002, cando o grupo zaragozano Amaral publicou o seu terceiro disco Estrella de Mar moitos clamaron que o terceiro single extraído "Toda la noche en la calle" era unha copia barata de "Rebel Rebel". Mesmo houbo quen creou un mash-up con ámbalas cancións para mostrar a súa opinión. En calquera caso, deixámosvos a canción de Amaral, que á marxe de polémicas, é unha boa canción.

http://youtu.be/QAULxXQCLyA

luns, 5 de agosto de 2013

Memory of a Free Festival

Con Space Oddity, o disco publicado en 1969, David Bowie comezou a labrar unha traxectoria que o ía consagrar como un dos grandes artistas de todos os tempos, cun estilo persoal totalmente revolucionario. Era o segundo álbum que Bowie lanzaba ó mercado, ademais dalgúns singles soltos que o camaleónico artista fora editando anteriormente, pero a súa escoita xa deixaba entrever que Bowie ía dar moito que falar nos anos seguintes. A colaboración con Tony Visconti, o seu produtor de cabeceira, tornouse nunha sorte de feliz encontro que se habería de celebrar nos vindeiros traballos discográficos. Space Oddity péchase con "Memory of Free Festival", que saíu como single xa en 1970 cando o álbum xa conquistara a un milleiros de persoas.


Hai unha canción baseada nesta de Bowie. Dario G, que no disco debut, acadaran un éxito en toda Europa con "Sunchyme", baseado á sua vez nunha canción de The Dream Academy, como xa vimos no seu día, tamén recuperaran o tema de Bowie baixo o título "Sunmachine", que ademais é o nome do álbum, que se publicou en 1998.

martes, 14 de maio de 2013

Hoochie Coochie Man

O blues coma o xénero que deu orixe ó rock, ten nos nomes de Robert Johnson, Muddy Waters, Willie Dixon e Johnny Winter algúns dos seus paladíns do século XX. Muddy Waters e Willie Dixon, de feito, foron decisivos na consolidación do rock, xa que sen eles, hoxe non se podería falar dos Rolling Stones,The Yardbirds ou de Led Zeppelin, entre outros moitos, así que xa ía sendo hora de que nos acordásemos dalgunha desas cancións que serviron para marcar un camiño que xa non tiña volta atrás. "Hoochie Coochie Man" saíu da man de Willie Dixon, aínda que o primeiro que a gravou foi Muddy Waters nun estudio de Chicago en 1954. Uns cantos anos despois o propio Dixon gravaríaa tamén, ó igual ca outros moitos coma Chuck Berry, Etta James, Eric Clapton e outros grandes artistas que recoñecen esta canción coma unha das máis importantes da historia.

http://www.goear.com/listen/091b513/hoochie-coochie-man-muddy-waters

Á marxe das numerosas versións que ten "Hoochie Coochie Man", a canción de Willie Dixon tamén serviu de inspiración para outro grande do blues, Bo Didley, que en 1955 gravou "I'm a Man", que é practicamente unha versión alternativa da de Muddy Waters.

http://www.goear.com/listen/dbf8ae1/im-a-man-bo-diddley

A versión máis importante das que se fixeron da canción de Bo Didley é a de The Yardbirds no álbum Having a Rave Up with The Yardbirds (1965) cando Eric Clapton aínda estaba na banda.

http://www.goear.com/listen/709bdf7/im-a-man-the-yardbirds

Á vez, o riff de guitarra que empregan The Yardbirds na súa versión, serviulle de inspiración a David Bowie para o seu tema "The Jean Genie", do álbum  Aladdin Sane  que viu a luz en 1973 seguindo as liñas que Bowie trazara nos discos precedentes e que está dedicada ó escritor francés Jean Genet.

http://www.goear.com/listen/3f47d54/the-jean-genie-david-bowie

Por outro lado, ese mesmo riff tomouno Sweet nunha das súas cancións máis coñecidas: "Block Buster!", single de 1973 e que serve para amosar o paso do blues ó glam rock nun só riff de guitarra.

http://www.goear.com/listen/d48783d/blockbuster-the-sweet

xoves, 14 de marzo de 2013

Girls and Boys

Parklife, o terceiro disco que Blur publicou, foi en primeiro en ter repercusión máis aló de Gran Bretaña, malia que os anteriores traballos tamén se editaron en Estados Unidos. Era o ano 1994, cando o britpop vivía en pleno apoxeo, e a banda de Damon Albarn estaba aí como unha das pezas clave dese fenómeno. O feixe de cancións de Parklife serve moi ben para entender ese momento de esplendor no pop inglés, se ben é verdade que a música británica nunca tivo unha mala época. Ábrese con "Girls & Boys", todo un trallazo e unha das mellores cancións asinadas por Albarn.


Xa temos comentado nalgunha ocasión a influencia que supuxo a música de David Bowie para o son de Blur. Por iso, non deixa de resultar abraiante que no álbum do Duque Branco Reality (2003), o último antes do recente The Next Day, que sae este mes, o primeiro single, "New Killer Star", teña un son tan parecido a "Girls & Boys". Semella que dalgún xeito, Bowie lle estivese agradecendo a Blur que recolleses a súa herdanza musical.

martes, 5 de febreiro de 2013

Hang On to Yourself

2013 estreouse cunha moi boa nova: o regreso de David Bowie tras case unha década de silencio. Trala colaboración con Arcade Fire en 2004 pouco máis se soubo do Duque Branco, mais vese que este período de inactividade xa rematou e para o mes de marzo teremos novo material de Bowie, que xa nos ofreceu un adianto con "Where Are We Now?", unha moi agradable sorpresa. Nestes tempos musicais convulsos, cunha oferta de estilos dispar, pero moi monótona respecto ás regras que rexen o mercado discográfico, agradécese que un dos artistas máis innovadores da música volva dar guerra. Para celebralo, hoxe ofrecémosvos "Hang On to Yourself", un single de 1971 que un ano despois foi incluído nunha das obras mestras de Bowie: The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.


En "Hang On to Yourself", Bowie introducía un ritmo que lembra moito ó punk que se habería de facer uns anos despois. De feito, moitos críticos cualifican este tema de protopunk e sinalan que foi decisivo para a creación de cancións punk como o "Teenage Lobotomy" de The Ramones que se inclúe no álbum de 1977 Rocket to Russia.

martes, 18 de decembro de 2012

Space Oddity

En 1969 o panorama musical asistía ó nacemento dun xenio que habería de crear o seu propio estilo dentro do rock: o glam. Falamos como non, do gran David Bowie, que cun disco homónimo, asentaba as liñas mestras que haberían de asentar a súa traxectoria. Unha das cancións principais é a que abre ó álbum "Space Oddity", unha balada inspirada na famosa película de Stanley Kubrick.


E cun son moi semellante, que lembra moito "Space Oddity", Elton John gravou en 1972 "Rocket Man", do álbum Honky Château, o quinto álbum do cantante inglés.


De "Rocket Man" fixéronse unhas cantas versións realmente notables, coma a de Kate Bush no álbum tributo a Elton John e ó seu compositor Bernie Taupin Two Rooms: Celebrating the Songs of Elton John & Bernie Taupin (1991).


Tampouco queda atrás a de My Morning Jacket en 2004 no álbum Early Recordings.


Ou a de David Fonseca en 2007 no álbum Dreams in Colour. O cantante portugués dálle o seu particular toque a este clásico. Curiosamente, os artistas prefiren decantarse polo tema de Elton John antes que polo de Bowie.

mércores, 5 de decembro de 2012

Over the Rainbow

Onte tivemos a oportunidade de escoitar o sensacional popurri que Israel Kamakawiwo'ole fixo de dous clásicos indiscutibles: "What a Wonderful World" e "Over the Rainbow"; así que era case obrigatorio dedicarlle a entrada de hoxe á canción central da banda sonora do Mago de Oz, a película de 1939 que inmortalizou a Judy Garland no papel de Dorothy. Esta balada está escrita por E.Y. Harburg, que se encargou das letras, mentres que a música está asinada por Harold Arlen. A súa popularidade é tal que é moi difícil quedar cunha soa versión, xa que practicamente as atopamos en case tódolos estilos musicais habidos e por haber.


Unha das mellores versións é a de Jerry Lee Lewis. Un dos pioneiros do rock n' roll non se resistiu o encanto deste clásico e en 1980 gravouna no álbum Killer Country.


Xa vimos onte a homenaxe que Joey Ramone lle ofrecía o tema de Louis Armstrong, algo nada novo a preferencia de The Ramones polos clásicos, xa que tamén gravaron unha versión de "Over the Rainbow".


A importancia de "Over the Rainbow" tamén se deixou notar no retrouso de "Starman", de David Bowie. A canción pertence ó famoso álbum de 1972 The Rise and Fall of Ziggy Stardust and the Spiders from Mars.

http://youtu.be/tRcPA7Fzebw

Por acabar con este escaso repaso das versións, ofrecémosvos a de Mägo de Oz. O grupo de folk métal fixo unha curiosa interpretación baseada na de Israel Kamakawiwo'ole no álbum Belfast (2004).