martes, 14 de maio de 2013

Hoochie Coochie Man

O blues coma o xénero que deu orixe ó rock, ten nos nomes de Robert Johnson, Muddy Waters, Willie Dixon e Johnny Winter algúns dos seus paladíns do século XX. Muddy Waters e Willie Dixon, de feito, foron decisivos na consolidación do rock, xa que sen eles, hoxe non se podería falar dos Rolling Stones,The Yardbirds ou de Led Zeppelin, entre outros moitos, así que xa ía sendo hora de que nos acordásemos dalgunha desas cancións que serviron para marcar un camiño que xa non tiña volta atrás. "Hoochie Coochie Man" saíu da man de Willie Dixon, aínda que o primeiro que a gravou foi Muddy Waters nun estudio de Chicago en 1954. Uns cantos anos despois o propio Dixon gravaríaa tamén, ó igual ca outros moitos coma Chuck Berry, Etta James, Eric Clapton e outros grandes artistas que recoñecen esta canción coma unha das máis importantes da historia.

http://www.goear.com/listen/091b513/hoochie-coochie-man-muddy-waters

Á marxe das numerosas versións que ten "Hoochie Coochie Man", a canción de Willie Dixon tamén serviu de inspiración para outro grande do blues, Bo Didley, que en 1955 gravou "I'm a Man", que é practicamente unha versión alternativa da de Muddy Waters.

http://www.goear.com/listen/dbf8ae1/im-a-man-bo-diddley

A versión máis importante das que se fixeron da canción de Bo Didley é a de The Yardbirds no álbum Having a Rave Up with The Yardbirds (1965) cando Eric Clapton aínda estaba na banda.

http://www.goear.com/listen/709bdf7/im-a-man-the-yardbirds

Á vez, o riff de guitarra que empregan The Yardbirds na súa versión, serviulle de inspiración a David Bowie para o seu tema "The Jean Genie", do álbum  Aladdin Sane  que viu a luz en 1973 seguindo as liñas que Bowie trazara nos discos precedentes e que está dedicada ó escritor francés Jean Genet.

http://www.goear.com/listen/3f47d54/the-jean-genie-david-bowie

Por outro lado, ese mesmo riff tomouno Sweet nunha das súas cancións máis coñecidas: "Block Buster!", single de 1973 e que serve para amosar o paso do blues ó glam rock nun só riff de guitarra.

http://www.goear.com/listen/d48783d/blockbuster-the-sweet

Ningún comentario:

Publicar un comentario