Amosando publicacións coa etiqueta The Isley Brothers. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta The Isley Brothers. Amosar todas as publicacións

martes, 14 de abril de 2015

(At Your Best) You Are Love

De tódalas cancións que se fixeron dedicadas ás nais, a de The Isley Brothers "(At Your Best) You Are Love" é sen dúbida, das máis sentidas. Pertence ó album número catorce do grupo de soul e funk Harvest for the World (1976) e malia que na actualidade é unha das cancións máis coñecidas da discografía de The Isley Brothers, no momento da publicación do álbum non se considerou escollela como single, talvez debido a que se trata dun tema lento, que non encaixaba moi ben cos outros temas bailables do disco, que tiñan máis posibilidades de triunfar.


Posiblemente a versión de Aaliyah no seu álbum de debut Age Ain't Nothing but a Number (1994) é a máis coñecida, e case vinte anos despois da publicación da orixinal, axudou a que "(At Your Best) You Are Love" seguise sendo coñecida para os novos seguidores do R&B e do soul.


Drake foi sempre un namorado da música de The Isley Brothers, como demostra algunha das reinterpretacións que fixo dos temas do grupo, pero para "Unforgettable", pertencente a Thank Me Later (2010), o álbum do seu debut, serviuse da versión de Aaliyah de "(At Your Best) You Are Love" para as primeiras notas.

martes, 6 de agosto de 2013

La Bamba

A música tradicional mexicana contribuíu ó crecemento do rock nos anos 50 grazas sobre todo a unha canción, "La Bamba", que un mociño de nome Richie Valens elevou á categoría de clásico cando a gravou en 1958 no seu álbum epónimo. A vida de Valens quedou truncada con só dezaoito anos por culpa dun accidente de coche, xusto cando xa todo o mundo o tiña como unha das grandes estrelas do rock grazas a unha fulgurante carreira, culminada por un dos últimos singles que gravou: "La Bamba". Este canto orixinario de Veracruz e que Richie Valens puxo de moda foi versionada despois por unha chea de artistas, aínda que quizais a máis coñecida sexa a dos Lobos. Quedamos, pois, coa gravación orixinal de Richie Valens.


Coa mesma estrutura de "La Bamba", os autores Phil Medley e Bert Russell crearon unha nova canción que habería de acadar a mesma popularidade que a súa antecesora. "Twist and Shout" gravárona por primeira vez os Top Notes, un grupo vocal en 1961, coa produción de Phil Spector.


A canción de Top Notes non tivo moita repercusión, pero sería coa versión de Isley Brothers cando despegaría definitivamente "Twist and Shout". Curiosamente, a versión de Isley Brothers é algo máis apegada a "La Bamba" que a de Top Notes, cuxa melodía é lixeiramente diferente. O single de Isley Brothers saíu á venda en 1962.


Pero a consagración de "Twist and Shout" chegou coa versión dos Beatles, que incluíron no seu debut Please Please Me de 1963.