Amosando publicacións coa etiqueta Bob Dylan. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bob Dylan. Amosar todas as publicacións

xoves, 22 de outubro de 2015

Too Much Monkey Business

Grande como el só xa desde os comezos, o primeiro álbum de Chuck Berry, After School Session (1957), viu a luz dous anos despois de que o sensacional músico debutase co single "Maybellene", que finalmente pecharía o álbum. Precisamente, o continuo retraso na  publicación do álbum fixo que boa parte das cancións xa se coñecesen de antemán, o saír como singles meses antes. En setembro de 1956 facía a súa aparición "Too Much Monkey Bussiness", que contou cunha moi boa acollida, como viña sendo habitual con tódolos singles de Berry.


A enorme influencia que exerceu a música de Chuck Berry noutros artistas é un feito máis que probado. Bob Dylan, outro grande, tamén tomou como modelo ó mestre de Missouri e onde mellor quedou reflectida esa influencia é na canción "Subterranean Homesick Blues", do álbum Bringing It All Back Home (1965), na que hai algo de lembranza de "Too Much Monkey Business".


Seguindo a estela de "Too Much Monkey Business", "Subterranean Homesick Blues" tamén se converteu nunha importantísima canción moi versionada, pero tamén a súa letra inspirou algunha que outra de distintos artistas. Unha delas e que ademais ten unha estrutura moi parecida á do clásico de Dylan é de Robert Wyatt "Blues in Bob Minor", que como xa se indica no título é todo un tributo ó de Minneapolis. Pertence ó álbum Shleep (1997).

martes, 21 de xullo de 2015

All Along the Watchtower

Como un dos cantautores máis prolíficos da historia da música, Bob Dylan xa daba mostra dunha enorme creatividade desde os seus comezos. Por se fose pouco, tralo accidente de moto que sufriu no verán de 1966  que o tivo un tempo afastado da escena, Dylan aproveitou para seguir compondo novos temas que logo se concretarían nun álbum de seis cancións, titulado John Wesley Harding (1967), que suporía a volta do cantautor á primeira liña trala longa convalecencia. Ademais con John Wesley Harding, Bob Dylan retomaba o folk dos primeiros traballos, deixando de lado o rock máis eléctrico que caracterizaba os seus últimos discos e que tanta controversia levantara entre os seus seguidores. "All Along the Watchtower" foi o segundo single de John Wesley Harding, unha fabulosa peza folk rock con trazos dos seus últimos discos.


Como practicamente toda a discografía de Bob Dylan, "All Along the Watchtower" é unha canción moi versionada, aínda que a versión máis importante é a que fixo Jimi Hendrix no álbum Electric Ladyland (1968), aínda hoxe insuperable na opinión de moitos críticos.


O rapeiro Devlin fixo unha revisión moi libre da canción de Dylan, levándoa ó seu terreo. Sampleando a de Jimi Hendrix, esta nova versión co nome de "Watchtower" pertence ó álbum A Moving Picture (2013) e esta interpretada canda Ed Sheeran, que colabora con Devlin neste primeiro single do álbum do rapeiro inglés.

martes, 29 de xullo de 2014

You Like Me Too Much

Cando os Beatles editaron Help! (1965) a banda de Liverpool xa se rodeara dun aura de prestixio entre os seus contemporáneos, que non dubidaban en aclamalos como os máis grandes. Pero en realidade Help!, que para nada é un mal álbum, simplemente pechaba unha etapa na andaina dos Beatles, porque apenas uns meses despois coa publicación de Rubber Soul ían situar a psicodelia musical nun primeiro plano ó introduciren as influencias que recolleran na India, e pode dicirse que a partir de aí, si xustificaban con creces as loas que tanto tempo lle dedicaban á vez que o seu son se afastaba das restantes bandas do momento. Por iso, coa perspectiva que dan os anos, Help! semella ás veces un disco menor na discografía dos Beatles cando realmente contén grandes cancións como "Yesterday", "Ticket to Ride" e a que lle dá título. George Harrison contribuíu con tres cancións no álbum, no que o tándem Lennon-McCartney leva o maior peso nas composicións, como é habitual. "You Like Me Too Much" é unha das que leva a sinatura de Harrison.


E sen ser das cancións máis destacadas do disco, o son do piano de "You Like Me Too Much" formou parte da canción "Temporary Like Achilles", doutro grande da época, Bob Dylan. "Temporary Like Achilles" pertence ó álbum Blonde on Blonde (1966).


E cun son en xeral moi parecido a "You Like Me Too Much", The Coral incluíron no álbum Magic and Medicine (2003) a canción "Pass It On".

xoves, 6 de marzo de 2014

It's All Over Now, Baby Blue

Co quinto disco Bringing It All Back Home (1965), Bob Dylan afianzábase como un paladín do folk ó que non era doado facerlle sombra. O nivel compositivo e poético de Dylan chegara a un punto en que case calquera canción saída da súa man estaba á altura da poesía que se publicaba nese momento e a súas letras lograban emocionar a unha sociedade que sentía que os tempos estaban cambiando. A canción que pecha o disco, "It's All Over Now, Baby Blue", non tardou en ser versionada, como ben sucedía coa meirande parte das cancións de Dylan, e moitos teóricos atoparon un bo pasatempo conxecturando sobre a identidade dese Baby Blue á quen está dedicada a canción. Non obstante, Bob Dylan nunca se pronunciou sobre o particular, polo que o misterio aínda continúa hoxe.

http://youtu.be/Uz9BAE1FZGM

Sería difícil facer unha lista pormenorizada de tódalas versións que se gravaron de "It's All Over Now, Baby Blue", debido as excelentes interpretacións que hai, pero quizais haxa que quedar coa de Them, xa que a versión que a antiga banda de Van Morrison no álbum Them Again (1966) é das máis orixinais e deu lugar a novas versións da canción a partir desta.

http://youtu.be/OQiMxD4fvhw

E da de Them non só se derivaron novas versións, senón que tamén deu lugar a novas cancións totalemente novas, que xa pouco teñen que ver coa orixinal de Bob Dylan. A máis coñecida é a de Beck "Jack-Ass", pertencente ó álbum Odelay (1996).

http://youtu.be/2HMhfdfxR98

A outra tamén coñecida é a do grupo de hip hop Insane Clown Posse "Another Love Song", single tomado do álbum The Amazing Jeckel Brothers (1999) e que toma elementos da canción de Beck sen perder a referencia da de Bob Dylan.

http://youtu.be/YfxDhNysSpg

mércores, 27 de febreiro de 2013

Simple Twist of Fate

Despois de editar dous discos coa compañía discográfica Asylum Records, Bob Dylan regresou á que fora a súa casa de toda a vida, Columbia, con Blood on the Tracks, un disco que contén toda a esencia dos primeiros anos de Bob Dylan. Era o seu xeito de entrar en 1975, xa que foi publicado en xaneiro dese ano. Malia a que facía o número quince na andaina de Dylan, Blood on the Tracks está considerado un dos  seus mellores traballos cunhas cancións que engaiolaron tanto a crítica, coma o público e a outros artistas que non dubidaron en facer versións das súas cancións favoritas. Unha das que destaca é "Simple Twist of Fate".


Unha das que destaca é a de Bryan Ferry para un dos tantos tributos que se lle teñen feito a Dylan. A versión de Bryan Ferry pertence concretamente a Dylanesque (2007), un disco con versións de Dylan no que Ferry homenaxea a este sensacional compositor.


Tamén existen versións en castelán. Nacho Vegas adaptouna co título "Un Simple Giro del Destino" en 2011.


Cunha tradución libre, que xa non ten que ver coa letra orixinaria de Dylan, o compositor fenés Roger De Flor titulou a súa versión "Una Desconocida Más" no álbum Canciones de Amor y Retranca (2007).


martes, 5 de xuño de 2012

Knockin' on Heaven's Door

Non é doado saber cal é a canción máis versionada de Bob Dylan. O cantautor de Minesota compuxo tal cantidade de himnos que case non hai artista ou banda que non se resistise algunha vez a gravar ou a tocar nun concerto algo asinado por Dylan. "Knockin' on Heaven's Door" que naceu para a banda sonora da película Pat  Garret & Billy the Kid (1973), pero hoxe en día é unha das cancións máis lembradas de Bob Dylan.


Unha das versións máis personais é a que gravou Arthur Louis en xullo de 1975 dándolle un toque reggae.


Un mes máis tarde e baseándose na interpretación de Artur Louis, Eric Clapton, lanzou a súa versión como single que  acadou maior recoñecemento ca a de Louis.


Nos anos 90, "Knockin' on Heaven's Door" volvería a soar con forza grazas a versión rockeira de Guns N' Roses, que curiosamente tamén a gravaron para unha película Days of Thunder (1990). A banda de Axl Rose incluiríaa no seu seguinte álbum Use Your Illusion II (1991) e converteuse nun dos grandes singles da banda.

 http://www.goear.com/listen/c6fd891/knockin-on-heavens-door-guns-and-roses

E a comezos do ano 2000 "Knockin' on Heaven's Door" volveu ter unha nova lectura na voz de Gabrielle, aínda que baixo a canción "Rise" que a artista británica incluíu no disco do mesmo título.

http://youtu.be/qDcmf_GhlZY




mércores, 4 de xaneiro de 2012

All Your Love (I Miss Loving)

Otis Rush é un cantante de blues procedente de Filadelfia que, coa seu particular xeito de toca-la guitarra, creou o que se deu en chamar o West Side Chicago blues e que influiu de maneira decisiva en artistas posteriores coma Eric Clapton, quen versionou algún das súas cancións. "All Your Love" é unha das súas composicións máis recoñecidas.  Saiu como single en 1958 co sello Cobra e nos músicos de sesión que interviñeron na gravación destaca Ike Turner á guitarra.  Foi versionada en numerosas ocasións; as máis importantes foron a de Aerosmith en 1977, Gary Moore en 1990 e a máis recente a dos veteranos Steve Miller Band en 2010.


Á parte destas versións, que elevaron as composicións de Rush á categoría de clásicos do blues, "All Your Love" tamén é moi recordada pola influencia que tivo noutras cancións que o tempo convertiu en imprescindibles de calquera repertorio de música moderna, malia a que a referencia a Rush non sempre foi moi recoñecida. A primeira delas refírese a popularísima "Black Magic Woman", escrita por Peter Green, un dos fundadores de Fleetwood Mac e que apareceu no álbum de 1968 English Rose, dous anos antes de que Fleetwood Mac pechase a súa primeira etapa marcada polo blues e incorporase como vocalista a Stevie Nicks, que se acabaría convertendo na voz que caracterizase toda a carreira posterior de Fleetwood Mac.


"Black Magic Woman" non suporía un éxito masivo para Fleetwood Mac, entre outras cousas porque dous anos despois o guitarrista mexicano Carlos Santana faría unha espectacular versión que o catapultaría á fama, ata o punto de asociar a canción como orixinal súa. O mérito de Santana débese a que a nova versión está combinada con "Gypsy Queen", unha canción de 1966 do músico húngaro Gábor Szabó, mesturada con ritmos latinos e sons procedentes do jazz. O efecto resultante é unha amálgama de estilos diversos que crean unha peza única. Inclúese no álbum Abraxas (1970).

  http://www.goear.com/listen/3bc99b3/black-magic-woman-santana

Pero volvamos de novo á canción de Rush. "All Your Love" aínda serviría de base en 2009 para unha nova composición de toda unha lenda da música folk. E é que, nin máis nin menos que Bob Dylan, fonte inagotable de inspiracións para outros artistas e que tamén soubo aproveitar as melodías da música tradicional, publicaba ese mesmo ano o álbum Together Through Life que incluia a canción "Beyond Here Lies Nothin'" cun parecido sospeitoso a "All Your Love".

 http://www.goear.com/listen/2fac486/beyond-here-lies-nothing-bob-dylan