Amosando publicacións coa etiqueta Manic Street Preachers. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Manic Street Preachers. Amosar todas as publicacións

luns, 19 de outubro de 2015

This Is the Day

The The é unha banda británica que logrou os seus maiores éxitos durante os oitenta e a primeira metade dos noventa antes de sufrir un prolongado parón que terminaría hai seis anos cando os membros desta formación decidiron retomar de novo o proxecto, e dende entón volven publicar discos con bastante regularidade, o último previsto para o vindeiro ano, aínda que polo momento, non conseguiron volver ter a sona de antano. Unha das súas cancións máis coñecidas é "This Is the Day", pertencente o álbum co que debutaron Soul Mining (1983). 


Manic Street Preachers versionou "This Is the Day" no compilatorio da banda National Tresures - The Complete Singles (2011).

venres, 3 de xullo de 2015

Sun (3)

E agora que chegou o verán ó hemisferio norte, volvemos retomar unha nova entrega monográfica sobre o sol. Polo tanto, velaquí tendes outras seis cancións que conteñen a palabra "sun" no título e que nos serve de excusa perfecta para presentárvolas. Oxalá vos gusten. Empezamos con "Sun Is Shining" de Bob Marley, incluída no álbum Kaya (1978).


Outra da que tamén nos acordamos é a de Manic Street Preachers "You Stole the Sun from My Heart", canción pertencente a This Is My Truth, Tell Me Yours (1998).


The Libertines tamén nos sorprenderon con "Don't Look Back into the Sun", single que a banda inglesa editou en 2003.


Nesta selección de temas coa palabra "sun" no título non podía faltar a marabillosa canción de Queens of Stone Age "My God Is the Sun", single de lanzamento de ...Like Clockwork (2013).


No compilatorio de grandes éxitos que Keane editou en 2003 co título The Best of Keane está a canción inédita "Higher Than the Sun".


E rematamos cun tema do máis recente, "Seven Suns", de Raury, un músico estadounidense que editou o seu primeiro álbum no pasado agosto, Indigo Child (2014) e no que se atopa esta fantástica canción que agora se empeza a coñecer en todo o mundo.

martes, 19 de maio de 2015

Can't Take My Eyes Off You

O carisma de Frankie Valli dentro de The Four Seasons pedía a berros un espazo propio, así que o seu salto como cantante en solitario era un paso natural. Pero mentres noutras bandas con este tipo de decisións xurdían conflitos e producíase algún que outro trauma, en The Four Seasons viuse como unha etapa máis dentro da banda, de tal xeito que o título do álbum en solitario con que Valli debutou foi The 4 Seasons Present Frankie Valli Solo (1967). Por se puidese quedar algunha dúbida do apoio que Frankie Valli recibiu dos seus compañeiros, a meirande parte das cancións están asinadas polos compositores habituais da banda, Bob Crewe e Bob Gaudio, polo que a idea de que no fondo non deixa de ser outro de The Four Seasons acentúase. A carreira en solitario de Frankie Valli non puido empezar con mellor pé; o single "Can't Take My Eyes Off You" tivo unha gran acollida e é unha das máis versionadas da historia do pop.


Resulta moi difícil escoller unhas poucas versións entre tantas boas que se fixeron deste tema de Crewe e Gaudio. Unha das que máis sorprende é a que gravaron Manic Street Preachers na cara B dun dos singles do álbum Everything Must Go (1996). A versión de "Can't Take My Eyes Off You" só se editou en Australia.


Nas últimas décadas, a versión que fixo Lauryn Hill no seu álbum en solitario The Miseducation of Lauryn Hill (1998) gozou dunha gran popularidade. É unha das máis recordadas e deulle unha nova volta á canción.


Tampouco Muse se resistiu ó encanto de "Can't Take My Eyes Off You". A banda de Matt Bellamy gravouna na cara B dun dos singles do compilatorio Hullabaloo Soundtrack (2001).

https://youtu.be/HIdIOXNzlRw

mércores, 20 de novembro de 2013

A Little Girl Lost

David Axelrod é un dos músicos máis influentes do último século. Este músico, compositor e produtor nacido en California en 1931 comezou a súa andaina profesional na década de 1960 prestando os seus coñecementod de produción a artistas de R&B, soul e jazz que tiñan asinado un contrato coa discográfica Capitol Records, ata que en 1968 decidiu probar sorte cun álbum que o situaba na primeira liña, é dicir, comezaba a súa propia carreira xa como músico. A aposta de David Axelrod foi do máis orixinal, xa que ese primeiro disco estaba dedicado en exclusiva á primeira parte do poemario de William Blake Songs of Innocence and Experience, onde Axelrod lle puña música ós poemas cos sons que mellor coñecía. Se ben é verdade que a idea de musicalizar a poesía de escritores famosos estaba de plena actualidade nesa década en todo o mundo, David Axelrod logrou combinar coma ninguén o estilo clásico co jazz máis elegante do momento cun resultado francamente fantástico traducido en Songs of Innocence. Tanto foi así que ó ano seguinte David Axelrod repetiu experiencia coa segunda parte da gran obra de William Blake, co título Songs of Experience (1969). Gustaríanos quedar só coa segunda canción dese disco "A Little Girl Lost", pero non demos atopado unha ligazón que nos levase só a esa canción. En calquera caso, resaltamos que é a segunda, a que lle hai que prestar atención hoxe.


E por que hoxe destacamos "A Little Girl Lost"? Porque nela baséase a canción de Manic Street Preachers "Rewind the Film" que lle dá título ó ultimo traballo que os galeses publicaron hai nada, apenas dous meses. Para esa canción contaron coa colaboración de Richard Hawley.

venres, 28 de xuño de 2013

Everybody Dance

A música de Chic volve estar de moda grazas sobre todo ó novo disco de Daft Punk, que conta coa participación de Nile Rodgers nalgún tema, malia que na súa totalidade semella unha homenaxe encuberta a Chic. Mais non só Daft Punk toman como espello a Chic, senón como temos visto outras veces outros artistas e bandas levan fixándose na música de Rodgers e Edwards dende hai bastante tempo. Xa no primeiro álbum de Chic (1978), algunhas das cancións estaban destinadas a perseverar co paso dos anos. "Everybody Dance", o segundo single, é unha boa mostra.


No ano 2000 os británicos Steps lanzaron o seu terceiro disco Buzz, onde a canción estrela é "Stomp", que reproduce de maneira evidente a melodía da canción de Chic.


Xa afastados do son disco, tamén podemos atopar certos ecos da canción de Chic nun dos últimos éxitos de Manic Street Preachers. A canción que presentaba o último disco dos galeses "(It's Not War) Just the End of Love", pertencente a Postcards From a Young Man (2010), parece conter un sample de "Everybody Dance".



venres, 16 de marzo de 2012

Motorcycle Emptiness

A comezos de 1992 dábase a coñecer no panorama musical unha banda procedente de Gales que se ía converter nun dos estandartes do pop rock das décadas seguintes, aínda que non sempre foron reivindicados como se merecen. Estamos a referirnos a Manic Street Preachers, composta por James Dean Bradfield, Nicky Wire, Sean Moore e o desaparecido Richey Edwards, que debutaban con Generation Terrorists onde se inclúe "Motorcycle Emptiness", un dos seus maiores éxitos baseado nun poema de Patrick Jones e na novela de Susan E. Hinton  Rumble Fish e que en galego se traduciu como A Lei da Rúa.  "Motocycle Emptiness" conta cun característico son de guitarra que definiría o son de Manic Street Preachers.


Aínda que en principio non teñen nada que ver, no single de lanzamento do sexto disco de Moby, 18 (2002), "We Are All Made of Stars" aparece un son de guitarra moi similar que nos fixo lembrar os comezos de Manic Street Preachers. Quédavos aí como unha simple curiosidade de dúas formidables cancións.