Amosando publicacións coa etiqueta INXS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta INXS. Amosar todas as publicacións

xoves, 17 de decembro de 2015

Never Tear Us Apart

Co seu sexto álbum, Kick (1987), INXS seguía coa liña progresiva do éxito en todo o mundo. Ás cancións tan coñecidas dos anteriores discos coma "Original Sin" e "What You Need", sumábase agora outra colección de temas que se converterían en imprescindibles na discografía da banda australiana. Entre o repertorio de Kick ten cabida algunhas baladas que haberían aumentar a popularidade de Michael Hutchence entre o público feminino. A que hoxe nos ocupa é "Never Tear Us Apart", que co tempo tamén sería das máis versionadas. Leva a autoría de Hutchence e de Andrew Farris como o resto das cancións e escolleuse como cuarto single.


Versionada por grandes coma Tom Jones e Joe Cocker, "Never Tear Us Apart" ten un gran predicamento entre os músicos. O proxecto de Beck Beck's Record Club, no que participan compañeiros de profesión, versionou discos enteiros de distintos artistas, entre eles, o Kick de INXS. Velaquí a versión de "Never Tear Us Apart" coa voz da cantante de St. Vincent.


Outra das mellores versións de "Never Tear Us Apart" é a de Paloma Faith, que saíu como single do álbum Fall to Grace (2012).

luns, 3 de marzo de 2014

Mystify

Co  éxito acadado en Estados Unidos co álbum Listen Like Thielves (1985), a carreira de INXS despegou en todo o mundo co seguinte traballo discográfico dos australianos. Kick, que veu a luz dous anos despois, era o primeiro disco da banda de Michael Hutchance que se editaba tamén en Europa e por tanto, as expectativas esixían polo menos unha boa parte de cancións capaces de emocionar a unha crítica, que de pronto, vira fixada a súa atención naquel grupo que recordaba vagamente no seu estilo a T-Rex. E INXS non defradou. Entregaban en 1987 o seu mellor disco ata o momento cunha colección de cancións que hoxe non faltan en calquera recompilatorio sobre a banda australiana. Das cancións máis tranquilas de Kick, "Mystify" foi o último single extraído do álbum.


No ano 2010 apareceu no mercado un disco tributo a INXS titulado Original Sin con novas versións das cancións do grupo. En realidade, está feito polos propios integrantes da banda, que contaron coa colaboración doutros artistas que puxeron a voz. Unha das versións máis interesantes é a de "Mystify", un dos temas que xunto con "Never Tear Us Apart", está cantada en francés. No caso de "Mystify", a francesa Loane é a encargada desta nova versión, que ademais contou coa participación de John Mayer á guitarra.

luns, 2 de decembro de 2013

Original Sin

Debido ó exito que Chic tiña nos anos 80, Nile Rodgers era un produtor moi demandado daquela. Todo o mundo quería traballar con el, pois parecía posuír as claves para triunfar nun lugar tan competitivo como o da música. Os australianos INXS foron dos afortunados en contar con Rodgers no cuarto disco The Swing (1984). O primeiro single extraído foi "Original Sin", escrito por Michael Hutchence e Andrew Farris. A contribución de Rodgers nel é bastante visible, pois algúns dos acordes lembran moito ó son de Chic. Como curiosidade, nos coros do retrouso, INXS contou coa colaboración de Daryll Hall, unha proposta do mesmo Nile Rodgers.

http://www.goear.com/listen/901dce8/original-sin-inxs

Durante os anos 80 INXS foi gañando adeptos en todo o mundo ata converterse nunha das bandas máis importantes de rock do momento. A ascensión de INXS foi moi meritoria ó procederen os seus membros de Australia e facerse un oco nas listas de vendas de Estados Unidos e de Europa, apostando por un son herdeiro do glam cando esta maneira de facer rock quedara relegada a ós últimos anos dos 70. O sétimo disco X (1990), cando INXS xa era unha banda consagrada, ábrese con "Suicide Blonde", un tema en que recollen os acordes de "Original Sin".

http://www.goear.com/listen/978ac7f/suicide-blonde-inxs